Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/06/2019 | Actualizada ás 10:59
Afundación (obra social de Abanca) clebra o "éxito de participación" nas propostas de actividades educativas dirixidas a escolares organizadas por esta entidade durante o curso 2018/2019. En total, "145.000 estudantes de todas as idades gozaron e aprenderon con esta proposta, concibida como un reforzo á formación que os estudantes reciben nas aulas a modo de ferramenta que complemente os programas curriculares dos centros escolares", expón.
A oferta desta programación desenvólvese en tres ámbitos: a cultura, os proxectos interxeracionais vinculados ao envellecemento activo e o programa de educación financeira en colaboración con ABANCA.
O primeiro deles, o proxecto deseñado para o ámbito cultural, inclúe diferentes vertentes. Dentro das artes escénicas, consideradas unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión e desenvolver habilidades sociais, Afundación programou máis de 210 funcións de 7 espectáculos que se representaron en todas as cidades galegas e ás que asistiron máis de 83.000 escolares. Como novidade, este curso incorporouse ao circuíto outras dúas localidades, co obxectivo de estender a oferta alén das cidades.
En canto ás artes plásticas, durante este curso desenvolvéronse diversas didácticas para os diferentes proxectos expositivos programados por Afundación nas súas sedes, adaptadas ás idades dos participantes, desde primeiro de infantil ata bacharelato e ciclos formativos. Máis de 30.000 estudantes de todas as idades participaron nos talleres de actividades e visitas guiadas deseñados arredor de proxectos expositivos como «Da razón de Goya aos monstros de Dalí», «Fotógrafos da natureza. European Wildlife Photographer of the year», «Terras de salitre. Cristina Mittermeier» ou «Sonoro empeño. A música nas Coleccións de ABANCA e Afundación».
Os contidos das máis de 90 didácticas que se deseñaron están adaptados ao currículo dos centros escolares e pretenden ser un reforzo das súas programacións, utilizando ferramentas orixinais que aúnen diversión e aprendizaxe. Durante este curso ademais, Afundación ampliou a oferta a aquelas localidades nas que desenvolve o proxecto «Corrente cultural», unha proposta realizada en colaboración con ABANCA e os concellos galegos para levar exposicións a localidades nas que non dispoñemos de espazos propios que impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
Ademais destas propostas, a Obra Social de ABANCA conta coa Biblioteca Afundación de Santiago de Compostela, a biblioteca especializada en literatura infantil e xuvenil máis antiga en España, fundada no 1974 e que conta con máis de 20.500 libros e 700 DVD. Durante o curso organiza diversas actividades de animación, dinamización e divulgación lectora ás que asistiron máis de 1.600 escolares. Todas estas propostas compleméntanse coas realizadas en Naturnova, o centro interactivo de educación ambiental de Afundación en Vigo, que recibiu máis de 7.300 estudantes. Así mesmo, co obxectivo de achegar a música clásica aos máis novos, Afundación promove a iniciativa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica», que permitiu a máis de 500 estudantes de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos achegárense a un ámbito ao que non adoitan acceder.
Os programas interxeracionais vinculados ao envellecemento activo forman o seguinte ámbito desta programación. Durante este curos Afundación puxo en marcha a terceira edición do seu programa «Fálame da emigración», no que 42 maiores voluntarios compartiron as súas vivencias na emigración con máis de 700 estudantes de centros escolares de toda Galicia.
Para seguir fomentando as relacións interxeracionais, a entidade inaugurou o pasado mes de xaneiro «Falamos da escola» mediante o que o alumnado coñeceu a través da experiencia das persoas +60 a historia da educación en Galicia. Máis de 520 estudantes participaron nesta novidosa proposta. Ademais, en colaboración coas áreas de Educación e Cultura da entidade, desenvólvense durante todo o curso outras propostas interxeracionais como clubs de lectura, representacións teatrais, recitais e outras actividades.
O último eido que comprende a programación é o de educación financeira, un proxecto levado a cabo en colaboración con ABANCA que ten como obxectivo que os escolares comprendan a importancia dunha xestión adecuada do diñeiro e ofrecerlles coñecementos de conceptos básicos financeiros que se atoparán no seu día a día para que poidan tomar decisións informadas. O programa inclúe actividades como o Grand Prix Financeiro, a representación da obra de teatro De los cuentos a las cuentas e as conferencias «¿Preparados para dar el salto?», nas que estudantes de ESO e Bacharelato se achegan ás finanzas dunha forma lúdica e amena e cunha linguaxe sinxela. A todo iso súmanse as diversas actividades que promove ABANCA nas que participan voluntarios da entidade.
Finalmente, e concibida como un proposta dirixida a toda a comunidade educativa, Afundación desenvolve o programa «Educación século XXI», un ciclo de conferencias que teñen como obxectivo crear un marco para a reflexión sobre o labor e os retos aos que se enfrontan nais, pais, profesores e estudantes na educación actual. Máis de 5000 persoas acudiron a estas charlas a cargo de relatores como a comunicadora Teresa Viejo, a psicóloga María Jesús Álava, o maxistrado José Antonio Vázquez Taín, o neurocientífico Hernán Aldana ou o doutor en Bioloxía e xenetista David Bueno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.