Así é o negocio dos grandes fondos de investimento internacionais que aterran en Galicia

Quantum e Parter son dous fondos de investimento que entraron na carreira por mercar as dúas plantas de Alcoa en Coruña e Avilés. Segundo as fontes consultadas, estes fondos de investimento non soen ser coñecedores do segmento empresarial onde se metén porque a súa meta é o beneficio para os seus investidores.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As negociacións entre Alcoa e Parter, para a venda das plantas alumineiras de Coruña e Avilés, a venda de Ferroatlántica a TPG, teñen en común que deixarán de estar en propiedade de industriais especialistas  no seu terreo (aluminio e ferroaleacións), a estaren baixo a tutela de cadanseu fondo de investimento. Parter e TPG son exemplos da política financeira e industrial que se desenvolve desde os anos setenta, cando os mercados comezaron a “liberarse”.

Fábrica de Ferroatlántica en Cee. REMITIDA - Arquivo
Fábrica de Ferroatlántica en Cee. REMITIDA - Arquivo

Estes fondos non teñen por que ser especialistas en determinadas áreas de produción como xa dixemos. Son conglomerados financeiros que buscan gañar capital para continuaren con operacións semellantes que lles permitan ir aumentando ese capital. Comprar para vender ou, no peor dos casos, pechar.

QUE SON?

“Poderiamos definila como unha institución que aglutina unha serie de capitais de diferentes procedencias, teñen como finalidade unha rendibilidade económica” di Óscar Rodil profesor na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela. “Hai unha certa diversidade entre os diferentes fondos de investimento. Unha categoría son os fondos de capital risco, que son os que mercarían empresas para vendelas. Buscan unha rendibilidade alta mais sempre está ligada a un certo risco”. Outros fondos de investimento son os que entran en débeda pública por exemplo, aínda que teñan menor risco e menor rendibilidade.

Normalmente son accionistas que xuntan os seus capitais para ter máis capital. Usarían o fondo case como un xestor que procura o investimento. “Tamén hai pequenos accionistas que poden descoñecer cales son as operacións que leva adiante o seu fondo”.

Economía.- Industria subliña que a única oferta negociada para comprar as plantas de Alcoa é a de Parter Capital. MINISTERIO DE INDUSTRIA, COMERCIO E TURISMO
Economía.- Industria subliña que a única oferta negociada para comprar as plantas de Alcoa é a de Parter Capital. MINISTERIO DE INDUSTRIA, COMERCIO E TURISMO

A existencia deste tipo de institucións ou sociedades financeiras xa vén de atrás. “Nos últimos dez anos, praticamente desde o comezo da crise, aumentou moito a súa actividade” sinala Rodil, que engade “sobre todo no entorno empresarial privado, o aumento da presenza dos fondos de investimento aumentou en dez anos case un 80%”. As operacións destes fondos son unha das características da actual economía mundial, sobre todo desde os anos 90 cando comezaron a ter maior presenza.

O obxectivo entón está marcado, ter capital, crear valor. A cuestión é que semella non ter importancia como se crea ese valor. “Como se crea ese valor? Normalmente a forma de actuar máis habitual é mercar empresas en venda ou en situacións de dificultade, que ofrecen unha oportunidade de investimento, mercala e mudar a súa estrutura de custes” apunta Rodil. “Normalmente non son operacións viables a curto prazo, dun ano para outro. Hai operacións que poden durar mesmo dez anos, dependendo da situación”.  A modificación das estruturaS de custes ás veces implica unha redución do cadro de persoal, reconversións de cara un saneamento integral da empresa e poder vendela en condicións óptimas.

XENTE QUE XOGA Á RULETA RUSA

O mercado actual ofrece unha posibilidade moi ampla de participar en diversos sectores. Isto fai que os fondos de investimento xoguen á “ruleta rusa”, unha maneira de diversificar os investimentos en diferentes sectores ou empresas. Algúns investimentos poden resultar negativos fronte a outros positivos. En tal caso, as  perdas serían compensadas polos beneficios sacados doutras operacións.

A sensación é que os fondos de investimento parecen actuar de intermediarios ou pantallas, a cambio dunha porcentaxe, para terceiros que ao mellor non queren que se coñeza a súa implicación en determinadas operacións. “Pode haber intereses ocultos, moitas veces son sociedades opacas” di Óscar Rodil, quen aclara que si pode haber intereses industriais “aínda que a maioría son intereses financeiros que só buscan rendibilidade, con todo é difícil saber e coñecer o que hai detrás”. Por que? “Porque ao final da operación ou da vida activa, ofrecer aos e ás accionistas unha rendibilidade axeitada con independencia de se a empresa é viable ou non”.

A tributación para os fondos de  investimento élles favorable debido á súa dimensión  internacional,  ou da sede desde onde operan, que poden ser “paraísos fiscais”. “As vantaxes que teñen este tipo de sociedades é polo que moitas veces operan desde os chamados paraísos fiscais”. Xunto a isto último, os fondos de investimento poderían eludir os diferentes controis financeiros en cada país que operen?, caso da lei 35/2003 de 4 de novembro en España?. “Hoxe por hoxe existen mecanismos para controlar a acción destes fondos, como a obriga de transparencia das súas accións” di Rodil. No caso español, existen unha serie de circulares da Comisión Nacional do Mercado de Valores, a última de 2011, que reforzan a lexislación xa existente no estado.

“Outro tema tamén sería o distributivo, se deberan perder esas vantaxes fiscais para tributar de maneira máis alta alí onde operen, polas posibles consecuencias que teñan sobre a economía”. Sobre o volume de negocio que os fondos de investimento poden mover só dentro da Unión Europea, fontes relacionadas coa prensa económica din que o acumulativo de aquí a trinta anos poderá superar os 800.000 millóns de euros segundo Alfi, unha asociación de fontos de Luxemburgo. O caso español estaría rondando o 22% do P.I.B., superando os 200.000 millóns.

SANIDADE DESDE LUXEMBURGO

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi tomado como un novo modelo de xestión polo goberno de Núñez Feijóo. Mentres que a parte sanitaria seguía sendo competencia pública, as cuestións relativas á limpeza, xestión e as tarefas do día a día, eran contratadas por capital privado. A  Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, era a empresa que levaba todas as cuestións non sanitarias. 

A Sociedade Concesionaria, estaba controlada entre catro grandes investores, Acciona, Puentes y Calzadas, Veolia e Concessia. As tres primeiras están relacionadas coa obra pública, a construcción e infraestruturas. A última era unha sociedade para investimentos en diferentes infraestruturas públicas. Realmente, un fondo controlado por bancos como o Sabadell, Bankia, BBVA e outros. 

Concessia vendeu a súa parte ao fondo River Rock European Capital Partner, propiedade de River Rock Brownfield Infraestructure Fund 1. Este fondo de investimentos opera desde Luxemburgo, aínda que a operación sobre o Álvaro Cunqueiro de Vigo se fixo desde Dublín. En total, a Xunta de Galicia pagaba un canon polos "servizos prestados" por un total de 60 millóns de euros por ano. 

A conclusión é que os fondos de investimento son mecanismos financeiros que buscan capital para crear máis capital. Compran e venden para aumentar o valor do investimento realizado. Non teñen por que ser especialistas en determinados terreos industriais onde realicen as súas operacións. O caso é que as operacións de investimento e posterior venda poden ter unha vida media de seis a dez anos. Logo, o futuro de traballadores e traballadoras dependería de novos investimentos.

Diñeiro. EUROPA PRESS - Arquivo
Diñeiro. EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta