Tres dobres titulacións e Medicina, as que máis nota piden para entrar

Lideran as dobres titulacións de Matemáticas e Física, Matemáticas e Enxeñaría Informática e Xornalismo e Comunicación Audiovisual. Medicina, pola súa banda, segue sendo a carreira única que esixe mellor expediente, seguida de Biotecnoloxía, Odontoloxía e Enfermaría.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2019 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

As carreiras universitarias que en Galicia esixen a nota máis alta para acceder no primeiro prazo de matrícula, que se abre este mércores, son tres dobres titulacións: Matemáticas e Física, Matemáticas e Enxeñaría Informática e Xornalismo e Comunicación Audiovisual.

Todas elas, impartidas no campus compostelán da Universidade de Santiago de Compostela (USC), aínda están nos seus primeiros anos de vida e non deron a luz á súa primeira promoción de graduados. As notas das últimas persoas convocadas a matricularse neste primeiro corte son de 13,552 sobre un total de 14 en Matemáticas e Física, 13,100 en Matemáticas e Informática e 13,014 en Xornalismo e Audiovisuais.

Deste xeito, todos os convocados tanto nestas como en calquera outra carreira universitaria, informa a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiuG) nun comunicado, teñen de prazo para matricularse desde este mércores ata este venres 19 de xullo, ás 14,00 horas. O trámite en todas as entidades educativas faise a través de internet.

Fóronlles asignadas prazas en carreiras universitarias, aclara a CiuG, a alumnos que se presentaron ás probas de Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade (ABAU), a titulados de Formación Profesional, estudantes maiores de 25 anos, estranxeiros de países non membros da Unión Europea, deportistas de alto nivel e estudantes con discapacidade preinscritos, todos eles, o pasado mes de xuño.

MEDICINA LIDERA

No que se refire a carreiras únicas, o grao en Medicina da USC é o que máis nota esixe. Neste primeiro corte, a última persoa admitida logrou unha nota de 12,575. A Medicina séguena Biotecnoloxía --12,446--, Odontoloxía --12,080-- e Enfermaría --11,786--.

Outras carreiras doutros ámbitos que tamén teñen unha nota de corte moi alta son Matemáticas --11,632-- e Xornalismo --10,455--.

Nas outras dúas universidades galegas, A Coruña (UDC) e Vigo (UVigo), os graos cunha maior nota de corte resultaron ser o dobre grao de Bioloxía e Química no campus coruñés --cun 11,014-- e Enxeñaría Aeroespacial no campus ourensán da universidade viguesa --11,693--.

Outras carreiras que destacan polo seu alto nivel de dificultade de acceso son Fisioterapia --11,008-- e ADE e Dereito --10,890--, na Coruña, e Enxeñaría Biomédica --11,550-- e Tradución e Interpretación Español-Inglés, en Vigo --11,140--.

Estudantes na selectividade no campus de Vigo, Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU)
Estudantes na selectividade no campus de Vigo, Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) | Fonte: @ Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta