A Xunta estudará tamén personarse no caso das estatuas do Pórtico que iniciou o goberno de Martiño Noriega

Tras criticar a denuncia impulsada polo Concello de Santiago, que recurríu tras perder en primeira instancia, Feijóo di agora que o seu goberno estudará aqueles casos de roubo de patrimonio público que afecte á familia Franco "ou outras familias".

Por Xurxo Salgado | Compostela | 18/07/2019 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

O patrimonio da familia Franco está de moda e non para ben da propia familia que vive de xuízo en xuízo. O último capítulo foi o iniciado a pasada semana pola Avogacía do Estado do Goberno de Pedro Sánchez que anunciou un recurso para que o Pazo de Meirás volva a mans públicas. Un recurso ao que se sumou tamén a Xunta.

Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo
Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo

Pero o Goberno galego vai máis alá e este luns non desbotou a idea de pelexar, ou cando menos de estudar, todos os casos nos que a familia Franco, "ou outras familias", se apropiaron de patrimonio público. E isto inclúe, por suposto, o caso xudicializado das famosas esculturas de Isaac e Moisés do Pórtico da Gloria que tamén están en poder da familia do ex dictador.

Unhas figuras que o Goberno de Martiño Noriega tentou recuperar tamén iniciando unha batalla xudicial que perdeu en primeira instancia. O Concello de Santiago insistía en que foi un agasallo obrigado e a familia Franco, unha adquisición. Finalmente, a xuíza do caso decidiu darlle a razón á familia. O consistorio compostelán decidiu recurrir a decisión para recuperar unha riqueza que considera expoliada. Un caso que agora ten que defender o goberno de Xosé Sánchez Bugallo e ao que, semella que se poderá sumar, tamén, a Xunta.

"Non desbotamos iniciar accións en outros ámbitos pero sempre que se faga un estudo en dereito. E se hai caso, actuaremos", dixo este xoves o presidente galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Unha posición que muda radicalmente a que mantiña ata hai só catro meses. 

Entón, e tras a denuncia presentada polo Concello de Santiago, o Goberno galego amosouse moi reacio a apoiala. De feito, tras a sentenza, logo recorrida, o responsable de Cultura, Román Rodríguez, dixo que quizais non foron "suficientes" os argumentos para convencer na vía xudicial, mentres que Núñez Feijóo, ironizaba preguntándose se Martiño Noriega, médico de formación, era un "eminente xurista".

Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo
Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo

CAMBIO DE ESTRATEXIA DA XUNTA

De feito, e tras esquivar en numerosas ocasións os problemas coa familia Franco polas estatuas do Pórtico ou o Pazo de Meirás, Feijóo decidiu actuar abertamente en contra da familia do dictador.  Agora os tempos mudaron e o presidente galego tras a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de iniciar unha nova batalla xusicial coa familia Franco --logo da que xa iniciou co traslado dos seus restos do Valle de los Caídos--, tamén quere participar nesta batalla xudicial e noutras que poidan vir despois.

"Non imos improvisar porque iso leva á melancolía. Nós levamos dous anos reclamando isto --que se devolva o Pazo de Meirás-- e agora resulta que o Goberno de España deuse de conta da importancia desta petición. Neste sentido, comprometeuse a defender, desde a Xunta, "todo o patrimonio público dos galegos". "Pero farémolo con rigor e de xeito sistemático", engadiu.

Neste sentido, lembrou que o Parlamento galego, co apoio de todos os grupos xa pedira en varias ocasións a recuperación do Pazo de Meirás. Tras a decisión do Goberno central de iniciar accións xudicias, o pasado xoves, a Xunta anunciou tamén que se personaría no caso tras recomendalo a súa asesoría xurídica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Pitito

Contra papa Franco e os seus fillos? Noooon, esta non é a Xunta de Galicia. Notase que a Feijoo foino a ver Marcial Dorado e deixoulles un regaliño

1 bF57

A día de hoxe Feijoo perde a Xunta, ou con sorte ten o apoio Cs e goberna. Feijoo funciona ao dictado da Voz, que precisa dar unha imaxe esquerdista cando é un medio de dereitas. O tema de que non van contra unha familia ou que actuarán contra calquera familia é porque quere evitar unha denuncia por odio, que o pode levar á cadea.