Acusan a Ence de producir enerxía queimando toneladas de aceite "contaminante" e a empresa négao

A compañía pasteira advirte que emprenderá medidas legais contra a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 18/07/2019 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra asegurou que Ence produce enerxía eléctrica na súa caldeira de biomasa queimando anualmente, e desde hai cinco anos, unhas 18.000 toneladas de aceite usado sen tratar. O colectivo ambiental advertiu que o uso desta substancia está "prohibida" na Autorización Ambiental Integrada (AAI) que lle concedeu a Xunta e pola lexislación europea e española, aínda que unha moratoria ata febreiro de 2020 aínda permite a súa "comercialización", o que "non implica que se poida usar", segundo o presidente da APDR, Antón Masa.

ENCE, na ría de Pontevedra
ENCE, na ría de Pontevedra | Fonte: juantiagues en Flickr.

"Están moi orgullosos da súa caldeira de biomasa", pero "de enerxía renovable, nada", asegurou Masa, argumentando que, ademais de cortiza de eucalipto, residuos vexetais de orixe agrícola ou silvícola e lodos secos procedentes da súa depuradora de augas residuais, xunto con fuel para o arranque e coque como complemento calorífico, Ence tamén utiliza aceites usados procedentes de empresas xestoras radicadas en España, Portugal e Mozambique, entre outros países.

Nun informe titulado 'Ence, paradigma de malas prácticas empresariais', a APDR sostén que a factoría de Lourizán se abastece das españolas Tradebe, Sertego, Gauar, Codisol, Ingaroil, Procesol e Recasa, e da portuguesa Greenflow. "Están a enganar á poboación, actuando de forma ilegal e criminal porque con esta práctica están a danar a saúde das persoas", insistiu, ademais de "afectar o medio ambiente" coas emisións derivadas desa combustión.

O colectivo ecoloxista advertiu da "contaminación" tanto das augas da ría de Pontevedra de forma "directa" e a través das cinzas, como a nivel atmosférico, por gases "tóxicos". Estes afectarían tamén o sistema respiratorio e o tecido pulmonar das persoas pola presenza de compostos clorados e metais pesados que poden chegar a provocar enfermidades cancerígenas, alertan.

O presidente da APDR explicou que esta práctica tería un "compoñente económico", porque "aforra diñeiro" á empresa, abaratando o proceso de produción de enerxía nuns 3,5 millóns de euros anuais, que alcanzarían os 18 ou 20 millóns de euros no último lustro, segundo Antón Masa. "Isto é unha fraude á sociedade e unha fraude económica ás empresas que actúan de forma legal, ademais de competencia desleal", engadiu.

MEDIDAS

Por iso, a APDR anunciou que trasladará o seu informe ao Concello de Pontevedra para que, "se está nas súas posibilidades", prohiba a entrada de aceites na fábrica pasteira. Masa cuestionou se o acceso deste material ao recinto se produce "en camións rotulados ou camuflado doutra maneira en camións de transporte de fuel".

Tamén se dirixirá ao Parlamento galego, estatal e europeo para que investigue "se isto é delito" a nivel ambiental e financeiro, sen descartar a posibilidade de acudir á Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia. Así mesmo, Antón Masa emprazou aos analistas económicos do IBEX a realizar pescudas.

Neste sentido, o presidente da organización ambiental confía en que esta denuncia inflúa no procedemento aberto ante a Audiencia Nacional para que se declare a ilegalidade da prórroga de 60 anos concedida polo Goberno de Mariano Rajoy á caducidade da concesión, que venceu en 2018. En canto á Xunta, Antón Masa esixiulle a anulación da AAI e que "deixe de ser a defensora das malas prácticas de Ence na ría".

Aínda que a APDR rexeitou revelar as "fontes" polas que obtivo os datos que sustancian o seu informe, Masa precisou que "saíron á luz porque hai empresas que se senten danadas economicamente", ademais de emprazar aos propios xestores de aceites usados que "teñen a obriga" de facilitalos.

Por outra banda, Masa puxo a orixe deste informe no aparatoso incendio que se produciu nas instalacións de Ence en decembro de 2018 e que, segundo o presidente da APDR, a empresa atribuíu a uns "plásticos", aínda que a "unha persoa relacionada" co suceso resultoulle "estraño" e "deixou caer que podían ser aceites".

Tras lembrar que Ence e a antiga Elnosa foron condenadas en 2002 por delito ecolóxico, e reprochar que actualmente a fábrica pasteira presume de ser "unha empresa modélica", Antón Masa confía en que "pase o mesmo" que entón: "Antes dicían que cumprían escrupulosamente a legalidade, agora fan trampas para facer crer que cumpren", recriminou o presidente da APDR.

"O único verde que ten Ence é a gravata dos seus directivos", criticou Masa.

RÉPLICA

A empresa Ence negou "rotundamente" as acusacións da APDR, á que advertiu que "emprenderá as medidas legais oportunas na súa defensa" ante as "inxustas mentiras" da organización ecoloxista. Nun comunicado, a compañía rexeitou que estea a incumprir "en forma algunha" a AAI e que utilice "ningún outro produto incompatible" coa mesma.

Así, asegurou que "o comportamento ambiental da planta cumpre plenamente con toda a normativa ambiental" non só a nivel autonómico, senón tamén estatal e europeo. Por tanto, desde a "biofábrica" acusaron á APDR de verter "falsas acusacións" coa "evidente intención de xerar alarma social e danar a reputación" da empresa, que "cumpre con toda a regulación vixente", engadiu.

Desde Ence reprocharon ao colectivo ambiental que esta denuncia "se suma a outros ataques" co "afán de prexudicar a esta planta e aos máis de 5.000 postos de traballo vinculados á mesma" recorrendo "ao medo e ao engano".

Pola contra, a factoría explicou que "esixe a todos os seus provedores" un certificado que avale o cumprimento da normativa en materia de combustible de aceite procesado, ademais de monitorar "todos os seus focos de emisión" e controlar a calidade do aire tanto cunha cabina da Xunta como con outras dúas cabinas propias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta