Hai expresións, berros de desesperación, que non deixan indiferente. Cando uns pais deciden “entregar” o seu fillo á Administración, buscando paz, respiro e acougo, seguros e tristes da decisión tomada, cun desapego terríbel, estarrécese o corpo do máis sosegado. “Quédense co meu fillo!”, decía unha nai desolada co seu cativo de doce anos. “Non podemos con el, destrozounos a vida, non facemos bó del..., tentou guindarme escaleiras abaixo..., bateu no pai o que quixo... insúltanos, fai o que quere”. Non se trata dun neno traveso, zarapelo, lacazán, badanas e trasno. Desos hai a moreas, e van indo ao rego (ou non). A historia deste neno que tentan, sen éxito, entregalo ás institucións, é outra. É a historia dos rapaces cun trastorno grave de conducta (TGC). Unha realidade dramática, na que pais sobre todo, mais tamén profesores, educadores e terapeutas, están moi sós.