Os TGC nos nenos e nos adolescentes son unha causa frecuente de demanda de tratamento nas unidades especializadas de saúde mental. E ao tempo, os que reciben unha peor e máis inaxeitada atención. Un dato: padecen este trastorno entre o 5-15 % dos varóns menores de 18 anos (algo menos as rapazas). Estas conductas afectan á familia, profesores e á comunidade onde viven, quer nas súas persoas, quer nos seus bens, nas súas vidas. Mais sobre todo e fundamentalmente, tócanos a eles. Perto do 40 % padecerán de adultos un trastorno antisocial. É dicir, co tempo estos cativos ocuparán celdas e patios de institucións penitenciarias. Serán consagrados maltratadores, e temperás consumidores de porcalladas tóxicas varias. Farán e faranse moito dano. Sufrirán máis enfermidades que o resto, e morrerán antes de tempo. Por certo, un futuro escrito a lapis, e polo tanto mudábel.
Evidentemente non corresponde ao sistema público de saúde entrar en aspectos ontolóxicos ou en valoracións morais sobre o ben e o mal. Ten sucedido, e non toca. A obriga é outra. O real é que os pais acoden cos estos rapaces aos escasos dispositivos de saúde mental pública, buscando solución para un drama que viven e que anticipan catastrófico. Unha solución que moi raramente atopan.
Comprendendo...
Téñense descrito dous grandes grupos de TGC: aqueles que debutan a idades moi temperás, antes da adolescencia; e esoutros que o fan despois. Nos primeiros case sempre hai unha patoloxía neuropsiquiátrica de base, que acaba tendo unha expresión de grave conducta alterada. Os segundos son consecuencia de modelos educativos e ambientais inaxeitados. Obsérvese que se fai referencia a graves conductas de tipo disocial, non á mala conducta menor. Fálase de agresións a pais, profesores, parella e colegas; destrozos en todos os entornos, e roubos; absentismo escolar; consumo de drogas; promiscuidade sexual con conductas de risco -mesmo prostitución adolescente-; acoso escolar; entre outras.
De qué non hai dúbida? Non hai dúbida de que é un grave problema de saúde mental que afecta a unha numerosa poboación, indefensa, nova, feble, vulnerábel, con pouca capacidade para cambiar por eles mesmos. E non hai dúbida que conlevará un futuro de marxinalidade e sufrimento. A eles, ao seu entorno e á sociedade no seu conxunto. Necesitan axuda.
Hai solución...
De qué non hai dúbida tamén? Cómpre repetir: o seu futuro está escrito a lapis. É posíbel minimizar e revertir esa condición. Como? Con detección temperá -canto antes se trate, mellor pronóstico- e programas específicos psicoterapéuticos de validada eficacia -tratamento baseado en probas-. Nos máis novos, identificando e tratando as patoloxías neuropsiquiátricas que o condicionan (sobre todo o trastorno por défict de atención); e nos adolecentes, con intervencións psicoterapéuticas multidisciplinares, seguindo programas eficaces.
A decepción...
E que pasa na Galiza? Pois sucede que non hai estratexias de detección temperá, e non se aplican os programas terapéuticos acaídos nas unidades de saúde mental. As intervencións son cativas, case sempre só psicofarmacolóxicas, coa imposibilidade de adicar o tempo psicoterapéutico que cómpre, por falla de persoal e sobresatuación de traballo. Outro dato: na Galiza hai menos de 20 facultativos especialistas (psicólogos e psiquiatras) para todos os dispositivos de atención á poboación de nenos e adolescentes menores de 16 anos (ca. 350.000). A anos luz dos países avanzados, e non tanto, do noso entorno. Por certo, neste país, aos 16 anos son derivados a unidades de saúde mental de adultos. Así non se pode!
A indignación...
Aos responsabeis da Consellería de Sanidade deberíaselle preguntar qué están a facer. Qué política sanitaria están a seguir con esta poboación (poderíaselles preguntar por outras moitas cousas, of course). Preguntas básicas para estos “bos xestores de manualillo e carpetilla”: Coñecen a prevalencia/incidencia dos TGC no país? (nin idea). Saben cantos acceden a tratamento especializado, e como evolúen? (nin idea). Qué sucede cos que non o fan? (eh?!). En cantas Unidades hai programas específicos? (en ningunha). Teñen plans de prevención e detección temperá? (non hai). Qué intervencións aplican para reducir os riscos nesta poboación? (ningunha). Estanse facendo avaliacións dos programas, de existir? (programa?, qué programa?). Cómpre seguir preguntando?
Que custe ten dotar aos equipos de saúde mental dos medios para atender eficazmente a estos rapaces? Que aforro suporía en intervencións posteriores penitenciarias, sanitarias, sociais, laborais e xucidiais?. Por non falar do ben causado (concepto de difícil encaixe nas mentes que gobernan). Canto é iso comparado co regalado aos bancos, co sobrecusto en obra pública concedida a "empresas amigas", cos beneficios cedidos nas privatizacións/externalizacións, cas talladas e sobres, co malgasto en representacións, campañas publicitarias e asesores incapaces?. Abonda xa.
Iso si, siguen a dicir ca boca grande, das grandes palabras, que a saúde mental é “unha prioridade” para o goberno de Núñez Feixóo.