Temas: LUGO GALICIA PARO

O paro xuvenil é de 19,6% e aumenta a temporalidade no traballo ata o 26,7% en Galicia

Os fogares galegos con todos os seus membros en paro baixan en 2.800 no segundo trimestre, ata 52.200.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/07/2019 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

En Galicia, había 876.200 asalariados no segundo trimestre de 2019, deles 642.400 con contrato indefinido e os 233.700 restantes con temporal.

As persoas suxeitas a un contrato temporal aumentaron en 10.100 efectivos e a taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados, sitúase no 26,7%.

Fogares con todos os seus membros en paro. EPDATA
Fogares con todos os seus membros en paro. EPDATA | Fonte: Europa Press

Os fogares galegos nos que todos os seus membros activos están en paro diminuíron en 2.800 unidades no segundo trimestre respecto ao trimestre anterior e situáronse en 52.200, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Respecto ao segundo trimestre de 2018, esta tipoloxía de fogares reduciuse en 8.400. Mentres, no segundo trimestre deste ano, os fogares nos que todos os membros activos están ocupados aumentaron en 15.500, ata 617.000, que son 26.600 máis que un ano atrás.

MOZOS

Mentres, a taxa de paro xuvenil diminuíu 3,5 puntos respecto ao trimestre anterior, ata o 19,6%. En comparación co segundo trimestre de 2018, baixou 3,6 puntos. Dos 317.600 mozos de entre 16 e 29 anos, 123.900 (o 39%) están ocupados, 30.200 (o 9,5%) parados e os 163.400 restantes (o 51,4%) inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 39% no segundo trimestre, co que aumenta 2,9 puntos respecto ao trimestre anterior e 0,7 puntos en taxa interanual.

Por grandes concellos, Lugo e Santiago son os que presentan as maiores taxas de ocupación (55,4% e 59,9%, respectivamente) e Ferrol o que rexistra a menor (42,0%).

No relativo a taxas de paro, Santiago é o municipio do sete grandes con menor valor (6,2%) e Ferrol o que presenta a máis elevada (15,9%).

Temas: LUGO GALICIA PARO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta