Pobreza enerxética, cando quentar a casa é un luxo

A imposibilidade de facer fronte ao pagamento do recibo da luz é un dos grandes indicadores da crise económica. A suba dos prezos para os consumidores fixo que moitas familias visen como se lles cortaba a subministración eléctrica. A luz en España ten un IVE do 21%, o mesmo que para produtos de luxo.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A primeira definición para o concepto pobreza enerxética fíxose en Reino Unido a comezos dos noventa. Existe pobreza enerxética cando o pagamento da mesma superara o 10% do total dos ingresos que entraban nunha familia. Logo, dentro do estudo “Informe sobre pobreza energética 2018” feito pola Asociación de Ciencias Ambientales (ACA), adoptouse a definición aportada por outros investigadores. Así, pobreza enerxética sería a “incapacidade dun fogar para ter un nivel social e materialmente necesario de servizos domésticos da enerxía”.

Electricidade, enerxía, cables, torres eléctricas, corrente. EUROPA PRESS - Arquivo
Electricidade, enerxía, cables, torres eléctricas, corrente. EUROPA PRESS - Arquivo

Así, as primeiras descricións do concepto cinguíanse ao consumo eléctrico para manter unha temperatura dentro do fogar, que permitise uns parámetros dignos de calidade de vida. Coa segunda definición engadíronse outros elementos como os aparellos que facilitan o normal desenvolvemento da familia: refrixeradores, auga quente ou o consumo de cociñas eléctricas.

FACTORES E XENTE 

Segundo o estudo de ACA, facilitado pola Fundación Axencia Enerxética da Provincia de A Coruña (Faepac), hai tres factores relacionados co ámbito do fogar que permiten adiviñar cal é a situación enerxética dunha familia: renda familiar, prezo da enerxía e eficiencia enerxética da vivenda. A habitabilidade dunha casa incide sobre o custe enerxético cando as xanelas non aíllan, a calefacción é deficitaria e así o gasto vai subindo ata sobrepasar os gastos medios para “asegurar a satisfacción da súa demanda de servizos enerxéticos”.

As familias con rendas baixas son as máis vulnerables, sobre todo aquelas en exclusión social ou desemprego. Aínda así, segundo o estudo de ACA de 2014 “poderían existir falsos positivos (…) fogares que aínda tendo uns ingresos insuficientes non fosen pobres enerxéticos, e fogares que, a pesar de gozar dunha situación de ingresos que lles permitise unha vida folgada, están en situación de pobreza enerxética”.

Horarios da electricidade
Horarios da electricidade

Coa crise económica o número de familias afectadas en España, segundo indicaba o Ministerio de Transición Ecológica nunha nota de prensa o 5 de outubro de 2018, era de 4,6 millóns de persoas. En Galicia a Rede de Loita contra a Pobreza, (EAPN-Galicia), ofrecera datos do ano 2018 indicando que a pobreza enerxética, aqueles fogares que non poden permitirse manter a súa vivenda a unha temperatura axeitada, é dun 6,4% en Galicia. "Segue a existir unha gran cantidade de fogares que están moi lonxe de paliar a súa situación de pobreza enerxética”. Segundo eses datos, a porcentaxe de pobreza enerxética en Galicia pasou dun 6,8% ao 6,4% actual, mentres que no Estado pasa do 8,3 a 9,6%.

A Consellería de Industria sinala que desde o pasado ano 2018, "un total de 1.432 familias se beneficiaron da liña de apoios posta en marcha pola Xunta e complementaria ao bono social do Estado que ten por obxectivo evitar os cortes de subministración nos fogares galegos". Por outra parte, máis recentemente no que vai deste ano 2019, "xa se teñen concedido un total de 3.119 axudas e o prazo estará aberto ata o 2 de decembro". Antes de poñer en marcha esta iniciativa, a Administración galega contaba con outras dúas liñas: o tícket eléctrico, entre 2014 e 2017, e as axudas para evitar cortes de subministración -entre 2016 e 2017- coas que a Xunta chegou a preto de 13.000 fogares.

O CUSTE

O custe da enerxía para as familias pode ser do 6,7% do orzamento familiar. Outros grupos de gasto como alimentación sería un 15%, transporte un 11% ou comunicacións o 3%.  O que acontece é que o recibo da electricidade recolle conceptos que encarecen o consumo, segundo o estudo ACA de 2014.

A cuestión é máis grave cando “moita xente descoñece a potencia que contrata e os conceptos que veñen reflectidos no recibo” di Suso Castro de Faepac. “A factura da luz vén dividida en cinco puntos, potencia contratada, enerxía consumida, aluguer de equipos, IVE e imposto eléctrico” di Castro que sinala ademais “o IVE da electricidade é do 21%, a mesma porcentaxe aplicada aos artigos de luxo”.

Outro dos conceptos ou puntos reflectidos no recibo mensual polo consumo eléctrico é o imposto eléctrico. “Normalmente é do 5,1%, mais o curioso é que a este imposto eléctrico tamén se lle aplica o IVE, por tanto temos unha dupla imposición”. O imposto eléctrico está dentro da categoría dos Impostos Especiais de Fabricación ou Distribución (II EE). Legalmente os II EE e o IVE son compatibles entre eles. Os II EE afectan á fabricación ou distribución, o imposto eléctrico é un imposto aplicado ao “término de enerxía” e o “término de potencia”.

A electricidade é un elemento que se distribúe, por tanto pode aplicarse o IVE sobre o imposto eléctrico segundo o artigo 78.1.4 da Ley del IVA. O imposto eléctrico segundo a Faepac “puido crearse para a cobertura de gastos medioambientais”. Existen tamén unha serie de peaxes que logo van parar a primas para enerxías renovables, custes de transporte e distribución e retribución a operadores. Todo isto será aplicado ata 2025 porque “cando se liberalizou o mercado das eléctricas, estas xa tiñan investimentos realizados e querían velos compensados dalgunha maneira” din desde Faepac.

O incremento de prezos para a enerxía eléctrica foi incrementándose entre os anos 2008 e 2016, de tal maneira que en 2008 España estaba na media das tarifas eléctricas en Europa, mais oito anos despois era a sétima tarifa máis cara dentro dos países da súa contorna. Os prezos do consumo doméstico incrementáronse durante ese período de tempo, mais non foi así cos prezos no mercado maiorista. Así mesmo, en 2014 sóubose que España era o terceiro país da UE con maior peso de impostos sobre o recibo da enerxía.

MEDIDAS

A Xunta de Galicia ten as  “Axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social”. Desde a páxina web da Consellería de Industria as persoas poden acceder ao bono social para este tipo de emerxencias.

O Goberno central aprobou en 2018 medidas urxentes para a transición ecolóxica “ante a suba no prezo da luz”. Por outra banda, os consumidores se quixeran comparar prezos da oferta enerxética, a CNMC, ten un comparador de prezos coas empresas que poden subministrar electricidade onde se resida. Por outra parte, o Estado tamén creou unha estratexia nacional contra a pobreza enerxética por un período que vai de 2019 a 2024.

Outras iniciativas proceden de plataformas como Faepac. “Asesoramos aos concellos sobre as facturas da luz para que poda haber un aforro importante” di Suso Castro. “Co asesoramento ás familias dentro da provincia da Coruña, levamos aforrados 80.000 euros en luz, isto faise con baixadas de potencia ou cambio de tarifa”. Nalgúns casos tamén colaboran cos Servizos Sociais dalgúns concellos para buscar familias con problemas co recibo eléctrico.

Con todo, as conclusións de plataformas e asociacións consultadas inclúen un cambio de política enerxética. A rebaixa das cargas impositivas no recibo así como un cambio no modelo de mercado das eléctricas serían pasos importantes para dar, así como o fomento do autoconsumo.  Aínda así, o máis importante para todos os colectivos e as asociacións implicadas, o principal paso implica políticas activas contra a pobreza e fomento do emprego. Iso permitiría a chegada de ingresos para afrontar o custe do consumo de enerxía nas casas

Contador de luz, electricidade.  - Archivo
Contador de luz, electricidade. - Archivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Moine

A seguir votando PPSOE, a única empresa pública de electricidade galega (Endesa) foi roubada, eles dim privatizada, e entregada aos altos cortesaos madrilenhos, aos banqueiros. E como se pode ter umha vida digna se um recurso como a electricidade nom é pública de aceso a todos os cidadaos; nom ter electricidade hoje e como nom ter ar para respirar.

3 bBRm

Canto pijerío... ¿Calefación? Envolverse nunha boa manta de Palencia, que é o que se fixo sempre en non contamina.

2 gayegitos do rial madri

quando os galegos sejamos donos da nossa terra e os nossos recursos poderemos beneficiarnos deles, mas sendo uma colonia não da.

1 MELLOR SEN EXPAÑA

Galiza non debería estar en expaña nos están roubando os nosos recursos que son chuchados polos mandriles e nos sae mais caro, están arruinando a industria galega e están esquilmando os cidadans galegos, e alguns politicuchos de "izquierda la unitaria" calan a boca pois o único que queren son ministeiros, son butacons estilo podremios... sacrifican os ríos galegos, sacrifican os galegos e sacrifican o progreso económico de Galicia soamente para beneficiar a expaña OS LADRONS DE SEMPRE!!!!