Éxito da estrea na Coruña, en primicia mundial, da exposición "O noso planeta", baseada na serie de Netflix

A mostra, organizada por Afundación, foi visitada por máis de 2.000 persoas na súa primeira semana aberta ao público.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 15/11/2019 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

«O noso planeta», o novo proxecto expositivo de Afundación, a Obra Social de Abanca, foi recibido na Sede Afundación da Coruña cunha gran acollida por parte do público. Máis de 2.000 persoas visitaron xa a nova aposta cultural da entidade galega, presentada "en primicia mundial", e que pretende ser reflexo do seu "compromiso coa sostibilidade e a protección do medio ambiente". A mostra está baseada na recoñecida serie homónima producida por Netflix, que bate todos os récords de audiencia da súa programación.

Fotografía da exposición 'O noso planeta'
Fotografía da exposición 'O noso planeta' | Fonte: Afundación.

O obxectivo da Obra Social de Abanca é, segundo a entidade, "transcender o estático concepto de mostra tradicional, apelando á participación e implicación da sociedade nas diferentes actividades que deseña con cada proxecto", como, neste caso, o maratón de proxeccións do documental O noso planeta.

Proxectaranse os oito capítulos que o conforman, en sesión continua entre as 12.00 e as 20.00 h, no Auditorio da Sede Afundación. As sesións serán os días 16, 23 e 30 deste mes, 7 e 21 de decembro e o 2, 3, 11 e 18 de xaneiro. A entrada é libre e gratuíta.

A EXPOSICIÓN «O NOSO PLANETA»

Estruturada en oito bloques, esta mostra incide na importancia do coidado e do respecto cara ao medio ambiente como única vía para unha vida sostible. A partir do documental que a plataforma audiovisual Netflix produciu para a televisión, e para o que conta coa locución de David Attenborough en inglés e de Penélope Cruz en castelán, e cuxa coordinación correu a cargo de Alastair Fothergill e Keith Scholey, Afundación, Afundación, e Planeta, editora do catálogo, presentan esta exposición en primicia mundial.

O "compromiso" de Afundación coa sostibilidade e o respecto ao medio ambiente motivou a realización desta mostra, xa que "un dos principios fundamentais e transversais a toda a entidade reside, precisamente, en traballar consonte un modelo máis sostible que condense a aspiración a unha vida máis digna en todos os sentidos posibles", explican os promotores da mostra.

Deste xeito, engaden, "Afundación e Abanca son entidades comprometidas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e procuran, nos seus diversos ámbitos de actuación, divulgar o principio de sostibilidade como motor das actividades que se realizan".

«O noso planeta» permanecerá aberta ata o próximo 8 de febreiro de 2020, de 10.00 a 14.00 h, para colectivos escolares e grupos previa reserva, no que xa se apuntaron máis de 3.500 escolares, e para público xeral en horario de 14.00 a 21.00 h, de luns a venres, e de 11.00 a 21.00 h, os sábados e festivos. Todos os mércores e venres, non festivos, realizarase un percorrido guiado ás 19.00 h de balde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta