Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/02/2020 | Actualizada ás 14:00
O programa España Directo de TVE, emitiu o dezaoito de setembro de 2019 unha reportaxe onde aparecían veciños da comarca da Limia denunciando a contaminación do encoro das Cunchas, que facía inservible o líquido para o consumo humano. Durante a emisión do programa, Manuel García, membro do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), mostraba un vídeo onde se vía un aspersor (minuto 26) esparexendo un líquido que el dicía eran xurros procedentes dunha explotación de Coren. A empresa ourensá enviou o pasado 4 de febreiro un burofax cunha notificación pola que lle comunicaban a Manuel García que o grupo empresarial comezaría accións legais contra el.
Manuel García declaraba sobre as imaxes do vídeo que mostrou a TVE “aquí hay en una granja propia de Coren, un cañón que está regando con purín una pradería de un monte comunal”. Sobre as imaxes, Manuel insiste que as tubarías saen “das balsas de Coren”.
As palabras de García foron as que, en teoría, motivaron a acción xudicial de Coren contra o agricultor por “intromisión ilegítima del derecho al honor de Cooperativas Orensanas SCG”. “Represento un colectivo ecoloxista que leva corenta anos en defensa do medio ambiente na Limia e en toda Galicia para denunciar atentados contra o medio ambiente” di García. “Ademais facémolo apoiados en estudos científicos e que saben do tema”.
Ademais disto, García sinala que a maneira en que lle enviaron a notificación foi cando menos sospeitosa, debido a que se trata dun comunicado que debera pasar antes polo xulgado, e non vir directamente da empresa. "Chamei ao xulgado de Xinzo e dixeron que ese procedemento non pode ser". Ademais diso, "ameazan con demandarme por un millón de euros se non acudo a un acto de conciliación"
A impresión que ten García é que existe unha intencionalidade para que non se siga falando sobre o relativo á contaminación na comarca. “E sobre todo, por termos organizado unha xornada sobre gandería intensiva no campus da Universidade de Vigo en Ourense para o sete de febreiro”. A xornada falará tanto do impacto da gandeiría intensiva como da organización de colectivos contrarios á apertura de macrogranxas. García, con todo, teme que presións de Coren poidan botar abaixo as xornadas e que non se celebren.
Galicia Confidencial púxose en contacto co Grupo Coren durante toda a mañá, sen ter resposta oficial. Aseguran estar estudando co seu gabinete xurídico se dar declaracións aos medios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.