Fin de semana tráxico nas estradas con catro accidentes, un morto e oito feridos

Os sinistros tiveron lugar en Vila de Cruces, Arteixo, Pol e Curtis. Houbo dous menores feridos.

Por Europa Press / Redacción | Vila de Cruces | 16/02/2020 | Actualizada ás 11:36

Comparte esta noticia

Galicia viviu entre este sábado e este domingo unha noite tráxica ao rexistrar o 112 catro accidentes de circulación que se saldaron cun home falecido en Vila de Cruces (Pontevedra) e case unha decena de persoas feridas de diversa consideración, dúas delas menores.

O máis grave, segundo informa a central de emerxencias, produciuse pouco antes das 20,00 horas da tarde do sábado en Castro de Cumeiro, en Vila de Cruces. En concreto, un todoterreo con carro e unha furgoneta chocaron na PO-905 e a consecuencia do impacto un home faleceu e o seu fillo, de 14 anos, tivo que ser evacuado grave a un centro hospitalario.

Estas dúas persoas viaxaban na furgoneta, mentres que os ocupantes do todoterreo implicado saíron ilesas deste aparatoso accidente.

CINCO NOVOS FERIDOS EN ARTEIXO

Por outra banda, sobre as 22,00 horas en Arteixo (A Coruña) rexistrábase un accidente de certa gravidade ao chocar de fronte dous turismos na rotonda de Sabón. O sinistro saldouse con cinco persoas mozas trasladadas a centros hospitalarios, unha delas menor de idade, tal e como indica Urxencias Sanitarias-061.

O 112 tivo coñecemento do suceso mediante a chamada dun particular que pediu axuda para os ocupantes dos vehículos implicados. Enseguida pasouse o aviso aos bombeiros de Arteixo, á Policía Local e ao 061.

Este accidente deixou dous homes e dúas mulleres feridos que tiveron que ser trasladados ao Hospital da Coruña, mentres que o menor afectado foi levado ao Hospital Marteno-Infantil Teresa Herrera da mesma cidade.

CAÍDA POR UN DESNIVEL EN POL

Por último, sobre as 23,00 horas deste sábado un vehículo caeu por un desnivel en Pol (Lugo) tras chocar con outro coche na N-640, en Torneiros.

A central de emerxencias, ante a sospeita de que o ocupante do turismo que caeu podía estar atrapado, pediu a colaboración dos bombeiros de Vilalba e dos voluntarios de Protección Civil, que axudaron ao ferido a saír sen empregar instrumental de excarceración.

Con todo, esta persoa si que precisou asistencia médica, polo que foi evacuada nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias-061.

VEHÍCULO ENVORCADO EN CURTIS

Por último, de madrugada en Curtis (A Coruña) un vehículo pasou por encima dunha rotonda en Teixeiro e quedou completamente envorcado, polo que o condutor necesitou a axuda dos servizos de emerxencias para poder saír.

Tras recibir o 112 a chamada de alerta, activouse un operativo no que participaron os Bombeiros de Betanzos e os membros do GES de Curtis, que se encargaron de liberar ao condutor para permitir que os profesionais sanitarios lle prestaran a atención necesaria.

Accidente
Accidente | Fonte: remitida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta