Perruqueiros en pé de guerra: "Recibimos ameazas de clientes por non ir cortarlles o pelo"

O Real Decreto só permite a asistencia a persoas con gran dependencia para facer lavado e corte pero hai moita xente que esixe o desprazamento destes profesionais. “Pois se non ves ti, hai máis aos que podo chamar”, ameazan. A Federación de Empresarios de Perruquería e Estética de Galicia, estima que o número de persoas empregadas no sector é de 12.000 persoas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/04/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Colectivos de perruquería e estética denuncian a “falta de sensibilidade” ademais de “ameazas e insultos” por parte de clientes que solicitan os seus servizos a domicilio durante o estado de alarma. Por iso o sector lembra que os profesionais só poden prestar servizos a domicilio a persoas con gran dependencia, con mobilidade reducida ou que estean impedidos por doenzas moi graves como sería o caso de doentes oncolóxicos.

Perruquería
Perruquería | Fonte: pixabay

“Si que se contemplan casos excepcionais e os profesionais debemos acudir con medidas de seguridade como son os EPIs, xel e máscaras” di Jesús Sáiz, presidente da Federación de Empresarios de Peluquería y Estética de Galicia (FEPEGA).

Entre as diferentes faltas de respecto que reciben os e as profesionais da perruquería figuran "se non ves ti, hai outras que veñen e por menos diñeiro", "non che volvo máis á túa perruquería" e cuestionamentos sobre a profesionalidade e valía dos e das traballadoras insultadas.

O presidente de FEPEGA quéixase tamén da actuación de profesionais “desaprensivos” que traballan tanto a domicilio como en perruquerías a porta pechada. “As normas son para todos e pedimos que se tome conciencia do momento en que estamos”.

En caso de acudiren a un domicilio, deberán facelo por solicitude da asistencia social que estea atendendo á persoa dependente. Logo dese servizo terá que entregar un comprobante dese servizo para declarar. Antes de ir ao domicilio da persoas que se vai atender, o profesional deberá ir acompañado dun axente dos Corpos de Seguridade do Estado. Ese axente chamará á asistencia social para verificar que se vai facer un servizo a unha persoa dependente.

“O que tamén debemos dicir é que a maioría de nós non temos os EPIs necesarios para exercer o labor a domicilio” sinala Sáiz. As asociacións profesionais en Galicia presentaron unha serie de puntos para crear un protocolo de actuación e que de momento non recibiu resposta.

Por outra parte, Javier Sáiz estima que a prolongación en quince días de confinamento daría máis garantías. “Pensemos en distancias de seguridade que non se poden manter en establecementos de dimensións reducidas” declara Sáiz. FEPEGA calcula que actualmente en Galicia existen uns 4.000 centros de perruquería e estética, que sumarían uns 12.000 traballadores e traballadoras. Dese total de empresas, praticamente o 90% están en situación de ERTE segundo a Federación de profesionais galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta