Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2020 | Actualizada ás 21:11
A CIG Servizos denunciou a decisión de Aena de aplicar un ERTE aos servizos de limpeza dos aeroportos Rosalía de Castro, en Santiago, e Alvedro, que "pon en perigo 30 postos de traballo" no que o sindicato considera un "ERE encuberto".
Esta decisión "unilateral", explica a CIG, tómase aínda a pesar de que se trata de traballadores "imprescindibles para salvagardar a saúde do conxunto do persoal destes aeroportos e dos seus futuros usuarios".
No caso do aeroporto compostelán Rosalía de Castro, a CIG denuncia que esta "drástica redución provocará que non se poidan aplicar todos os protocolos decretados a consecuencia da emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19".
Ademais, o sindicato denuncia que Aena "quere facer negocio a conta dos traballadores e traballadoras, impondo un baremo de desafección, que é unha estafa pura e dura". "Pídenlles aos traballadores que regresen ao traballo co 100% da xornada con máis de 180.000 pasaxeiros, cando xa estaban a traballar o 100% da súa xornada pero con 130.000 pasaxeiros", destacan.
Con esta decisión de Aena, afirman, o servizo "diminuirá, pasando de 32 a 3 traballadoras, nun momento crítico coma este, cando o que deberían facer é xusto o contrario, reforzar a limpeza".
Do mesmo xeito, a CIG denunciou tamén a "situación de incerteza" na que están os traballadores de Alvedro, onde "Aena nin sequera marcou uns cocientes de desafección do ERTE, deixándoo a criterios subxectivos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.