Gómez-Reino empraza a Caballero e Pontón a presentar un "decálogo" conxunto para dar forza á coalición

Avoga polo tripartido como única alternativa a Feijóo, ó que afea as súas intencións de dar o salto á "política nacional": "se revalida o cargo non completará a lexislatura", asegura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2020 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Xunta de Galicia, Antón Gómez-Reino, convidou a Partido Socialista e BNG a presentar "un decálogo de goberno" para visualizar ante o electorado "progresista" a alternativa ó actual presidente Alberto Núñez Feijóo, ó que acusa de ser responsable de "dez anos de recortes e privatizacións".

O candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, pousa para os medios gráficos antes dunha rolda de prensa. EN COMÚN
O candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, pousa para os medios gráficos antes dunha rolda de prensa. EN COMÚN | Fonte: Europa Press

Nun almorzo informativo celebrado este venres 26, o candidato da alianza entre Podemos, EU, Anova, Compostela Aberta e Marea Atlántica amosou a súa confianza en PSdG e BNG para abrir un período de "cambio" sostido sobre un "un goberno de tres almas e unha cabeza". Neste aspecto, Gómez-Reino considera necesario constituír o amentado decálogo para marcar as "medidas fundamentais" que servirían de base para ese hipótetico goberno "de cambio".

Xa na precampaña as enquisas publicadas debuxaron como única alternativa ó goberno de Feijóo a conformación dunha coalición a tres na que Gómez-Reino, cuarta forza segundo as enquisas, amosa especial interese. "En Galicia si ou si ten que haber un goberno de coalición", sinalou o candidato de En Común, que destacou a "tradición" de gobernos mixtos na comunidade galega, "algo completamente normalizado" e que sitúa a Galicia "por diante" doutros territorios do Estado "ao nivel de democracias europeas".

"NON REMATARÁ A LEXISLATURA"

Boa parte do tempo do almorzo informativo foi dedicado á análise da xestión da pandemia e a situación económica de Galicia, marcada, segundo Gómez-Reino, pola "inacción" e as "políticas de privatización e recortes" que atribúe a Núñez Feijóo. O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas aproveitou a xornada para afear as intencións de Feijóo de "facer política a nivel estatal", razón pola cal, apunta, o candidato popular "non rematará a lexislatura" no caso de que revalide a súa maioría.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta