Así son as subcontratacións de Inditex: envía traballadores ao estranxeiro baixo convenios provinciais galegos

Inditex fixo crecer ao seu redor unha serie de empresas que ofrecen servizos de montaxe e construción de tendas e locais. Hainas especializadas en madeira, metal, pintura e outras solucións. Moitas envían grupos de traballadores ao estranxeiro ou dentro de España, mais coas condicións laborais establecidas en convenios laborais en Galicia.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 15/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As comarcas da Coruña e Ferrolterra concentran un número importante de empresas cun denominador común, ter a Inditex como o principal ou un dos principais clientes. Cada unha destas empresas ofrece ao xigante da moda solucións en carpintaría, ebanistaría, metal, estruturas e pintura, ademais doutros servizos. En número de traballadores, só Ferrolterra ten mil persoas empregadas entre varios grupos empresariais.

Montaxe dunha tenda de Zara para Inditex
Montaxe dunha tenda de Zara para Inditex | Fonte: dviruta.com

Case todas estas empresas cando ofrecen os servizos, non é estrano que envíen equipos de obreiros fóra de Galicia, tanto ao resto do Estado como ao estranxeiro, desde países da UE a lugares como EE UU, China, Arabia Saudí e onde sexa preciso. A cuestión é que estes especialistas aínda fóra do territorio galego, están sempre cubertos polo convenio laboral provincial da súa especialidade. Os salarios son os marcados no convenio, os pluses son os do convenio e a lei laboral sería a do Estado español.

DEPENDENCIA

A dependencia case en exclusiva dos traballos para Inditex viuse afectada polo freo brutal que foi a COVID-19. Todas as empresas solicitaron ERTEs para facer fronte á incerteza do momento e do mercado. Inditex baixou o ritmo de creación de novas tendas e isto traduciuse na busca de novos clientes. “A maioría destes empresarios comezaron con empresas familiares, tal foi o caso de Grupo Cándido Hermida” di Armando Carril da CIG. “Logo foron ampliando e crecendo grazas á aparición da empresa de Amancio Ortega”.

A dependencia “é moi perigosa” debido a que tanto os prezos como a cantidade de traballo están case en mans dun único cliente. Ese cliente sempre quere uns custes baixos. Sumado a isto, había unha tendencia a non buscar clientes fóra do marco establecido. Agora algunhas delas fixeron contratacións con outras empresas que tamén queren “un bo traballo a prezo baixo”.

Bng Leva Ao Parlamento Situacion Noa Madeira. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Bng Leva Ao Parlamento Situacion Noa Madeira. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

“Inditex ofrecíalles as indicacións enviando os modelos de tenda que quería” di Marcos Sánchez, que negocia o ERTE en Grupo Cándido Hermida. Este grupo empresarial ampliou a súa oferta de servizos diversificando dentro do mesmo sector. A día de hoxe sábese que ten traballos dentro da construción naval fóra de España, segundo di o propio Sánchez, tamén da CIG.

CONDICIÓNS

A maioría destas empresas (Grupo Caamaño, Grupo Ramón García, Grupo Malasa entre outras) réxense por convenios provinciais sectoriais. Ditos convenios son os que afectan aos e ás traballadoras, mesmo fóra do territorio galego e estatal. Por exemplo, á parte do establecido no convenio provincial para carpintaría e ebanistaría da Coruña, aqueles traballadores que viaxen fóra “teñen uns incentivos a maiores, unhas dietas que non chegan” sinala Alejandro Bello de CCOO Construción en Ferrol.

Os salarios promedio están entre os 1.150 ou 1.300 euros. Os desprazamentos inclúen unhas dietas que nalgúns casos poden chegar a 35 euros como máximo, que é o marcado no convenio da Coruña. “Ese incentivo en países como Francia, Bélxica ou Alemaña non chega para facer fronte ao que é o gasto diario dunha persoa” di Alejandro Bello. “É posible que con eses pluses podan reunir algo máis de 700 euros, para facelo sabemos de xente que renuncia a unha comida ao día”.

Fontes de UGT sinalan por exemplo,  que os traballadores e traballadoras de Grupo Caamaño que realizan obras fóra de Galicia, están baixo contratos de mobilidade. Esta mobilidade suporía un incremento salarial importante dependendo do lugar para onde van. “Estes traballadores poden gañar 2.000 euros, todas as extras ou pluses van dentro da factura que paga o cliente”. No caso de Caamaño, os equipos laborais enviados ao exterior, “cobran por encima de convenio”. O convenio neste caso é o do metal da provincia da Coruña. Este convenio ten que ser actualizado ao finalizar en 2019.

Por outra parte, a cobertura da Seguridade Social, mesmo dentro da Unión Europea, non garante unha atención rápida a unha persoa accidentada ou con unha enfermidade forte. Obviamente, o terreo máis “arriscado” para accidentes e doenzas son países onde as condicións laborais son pésimas de maneira xeralizada. “Pensemos en países onde terían que pagar do seu peto a asistencia médica”.

“Hai moitas horas de traballo extra, unha xornada ás veces pode ter entre 12 e 16 horas e ás veces, se viaxan fóra, poden ir como turistas” di Marcos Sánchez. En recentes protestas dos traballadores de Cándido Hermida, apuntouse que en ocasións os propios traballadores tiveron que adiantar diñeiro para pagar o sobrepeso de caixas de ferramenta. “Se traballan en Suíza, este país obriga ás empresas a pagar segundo o convenio suízo, ese diñeiro pagado de máis logo é reclamado pola empresa aquí”. “Sabemos que en Francia non se poden facer máis de oito horas” din desde UGT A Coruña. “Tamén depende do país onde esteas traballando, así se aplican uns horarios determinados”.

As empresas que ofrecían no seu momento servizos a Inditex, crearon un ecosistema laboral entre A Coruña e Ferrol que inclúe a entre 2.000 e 3.000 persoas. Ademais, existen pequenos talleres que son subcontratados para traballos puntuais, así que, entre  postos directos e indirectos, os cálculos poden dar unhas 4.000 persoas vinculadas a este cinto empresarial que naceu ao carón da multinacional da moda.

A COVID-19 e a paralización laboral que supuxo, sacou a relucir a fraxilidade dun tecido industrial moi feble e cunha dependencia case absoluta dun único cliente. A parálise económica obrigou á apertura e procura de novos clientes e nalgúns casos, á absorción dunhas por outras. As condicións laborais están no punto de mira sindical, logo de que cadros de persoal teman polo seu futuro despois dos ERTE en que entraron cada un destes grupos empresariais.

Para o caso dos e das traballadoras que se desprazan fóra de Galicia, os convenios laborais provinciais son complementados con dietas que, ás veces, non son abondo para facer fronte a gastos relativos aos desprazamentos ou manutención. Polo de agora as condicións non variaron moito segundo os representantes dos cadros de persoal.

Galicia Confidencial púxose en contacto con empresas do sector. Algunhas non responderon e outras declinaron responder por motivos de política de empresa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta