Feijóo aos sindicatos da educación:"Pídolles mesura porque marchan dunha xuntanza sen explicar as razóns"

CIG, CCOO, UGT e ANPE acusaron este venres á Xunta de antepor os seus intereses financeiros aos dos centros educativos e rexeitan o protocolo de seguridade da Covid-19 presentado por Educación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/07/2020 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, pediu aos sindicatos educativos "mesura e responsabilidade" para poder empezar o curso de maneira "razoable", despois de que abandonasen este xoves a reunión tras recibir a proposta de medidas de prevención contra a Covid-19 coa que non están de acordo.

Escola infantil de Conxo. EUROPA PRESS - Arquivo
Escola infantil de Conxo. EUROPA PRESS - Arquivo

Na rolda de prensa tras o primeiro Consello da Xunta despois das eleccións do 12J, Fejóo asegurou que o protocolo que se expuxo nesta reunión para previr a epidemia do coronavirus é o "máis amplo de España" e reprochou que o Goberno galego non sabe "exactamente en que consisten as discrepancias".

Dirixentes sindicais de CIG, CCOO, UGT e ANPE acusaron este venres á Xunta de antepor os seus intereses financeiros aos dos centros educativos, e reclamaron á Consellería de Educación retirar o proxecto de protocolo de prevención contra a covid-19 para o curso 2020-2021.

Para Feijóo é necesario un "posicionamento razoable" ante este protocolo e non levantarse da mesa simplemente tras recibir unha proposta, sen explicar cales son as diferenzas, que é o que considera que fixeron os sindicatos. Con todo, tanto sindicatos como asociacións de país xa denunciaron que o protocolo ten moitos puntos sen concretar.

Destacou que Galicia é a comunidade con menos alumnos por profesor e instou a "traballar entre todos" para este inicio do curso no que ademais existe "moita preocupación" polas cuestións económicas, xa que ningunha administración pública en España sabe o que ten que facer cos orzamentos de 2021.

Feijóo asegurou que, en todo caso, hai que "respectar" as sindicais, ante as que defendeu o protocolo proposto pola Xunta porque segue "taxativamente" as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) e outras autoridades sanitarias. "Temos que ser razoables porque non van vir tempos fáciles, senón difíciles", advertiu, sobre os próximos meses coa pandemia do coronavirus e a crise económica e social derivadas desta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta