A Garda Civil homenaxea en San Sadurniño a un axente galego asasinado hai 35 anos por ETA

Unha placa que foi descuberta pola filla do falecido lembra a Fernando Amor Calvo, morto en acto de servizo en Áraba.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/08/2020 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O cuartel da Garda Civil de San Sandurniño (A Coruña) acolleu este luns, 3 de agosto, un acto de homenaxe con motivo do 35 aniversario do falecemento do cabo Fernando Amor Calvo, vítima dun atentado terrorista de ETA, e que era natural deste municipio pertencente á comarca de Ferrol.

A Garda Civil homenaxea en San Sadurniño (A Coruña) a un axente asasinado hai 35 anos por ETA en Áraba
A Garda Civil homenaxea en San Sadurniño (A Coruña) a un axente asasinado hai 35 anos por ETA en Áraba | Fonte: Garda Civil.

Na homenaxe, na que estiveron presentes a viúva, a filla e o irmán do garda civil asasinado, descubriuse unha placa no seu recordo, nun acto que estivo presidido pola subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López Rioboo.

Durante a celebración desta homenaxe, celebrada na praza situada nas inmediacións do cuartel, López Rioboo destacou "a importancia deste recoñecemento, que partiu desde os propios compañeiros da Garda Civil destinados en San Sadurniño", ao mesmo tempo que apuntou que foi precisamente a Benemérita "a institución que máis directamente sufriu os ataques terroristas ao ser a máis belixerante e eficaz na loita contra o terrorismo".

"Son consciente que seguiremos en débeda con todas as vítimas, pero espero que poidades sentir a nosa proximidade, o noso apoio e a nosa solidariedade para polo menos tratar de saldar unha parte desa débeda que sempre manteremos coas persoas que, como Fernando, permitíronnos consolidar a nosa liberdade", manifestou a representante do Goberno no acto.

Pola súa banda, o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina, destacou o xesto dos axentes de San Sadurniño á hora de acordarse deste compañeiro falecido en acto de servizo, "xa que foron os seus actuais compañeiros do posto os que decidiron adquirir unha placa e dedicarlla como recordo no interior deste cuartel, un xesto que di moito das súas cualidades humanas e profesionais".

Neste acto tamén tomou a palabra a filla do axente falecido, que non chegou coñecer o seu pai. "Cambiou todos os proxectos que tiñan o meu pai e a miña nai, que o que máis ansiaban era poder regresar a Galicia para poder gozar desta terra", sinalou en relación á acción terrorista.

ATENTADO

O 3 de agosto de 1985 Fernando Amor Calvo, que tiña 25 anos, faleceu durante o proceso de desactivación dun artefacto explosivo colocado por ETA na localidade arabesa de Luyando.

A bomba, composta por seis quilos de Goma 2, fora colocada xunto á porta dun disco-pub, dentro dunha caixa de galletas. A Garda Civil tratou de desactivar o artefacto por varios medios, algo que non foi posible, momento no que o axente falecido decidiu achegarse para poder manipular o mesmo, e explotou de maneira sorpresiva e faleceu ás poucas horas de ser trasladado con vida a un centro hospitalario.

Os restos mortais deste axente da Benemérita foron traídos desde o País Vasco a San Sadurniño, onde recibiron sepultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 pasa paxinas do libro

foi asesinado pola ETA e claro.... pero non e un pouco necrófilo todo iste tema???

1 A granxa

Morreu desactivando unha bomba, non foi asasiñado