Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2020 | Actualizada ás 17:55
A CIG realizou unha concentración ante a central térmica de Meirama, en Cerceda, para esixir alternativas de emprego para o persoal das auxiliares.
Segundo informa a central nacionalista, estes traballadores recibiron este martes a carta de despedimento "sen ter perspectiva de recolocación e sen que existan proxectos industriais para a comarca".
A protesta iniciouse ás 7,30 horas deste mércores e prolongouse durante dúas horas. "A falta de compromiso por parte de Naturgy chega ata o punto de que a eléctrica nin sequera conta con estes traballadores para as obras de desmantelamento da central", asegura a CIG.
O seu secretario xeral, Paulo Carril, denuncia que tanto as auxiliares como Naturgy "negáronse de maneira reiterada a negociar solucións transitorias para dar continuidade aos postos de traballo nas contratas".
"Non resulta entendible que, habendo actividade inminente na central nas tarefas de desmontado, este persoal entre hoxe no desemprego e Naturgy siga facendo o que lle dea a gana sen asumir ningún tipo de responsabilidade social polo dano causado pola produción da enerxía", critica Carril.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.