A crise económica provocada pola Covid afunde as exportacións galegas

Caen un 7,2% en agosto en Galicia. Tamén as importacións retroceden un 10,6% en taxa anual.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/10/2020 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

As exportacións diminuíron un 7,2% en agosto en Galicia respecto ao mesmo mes de 2019, algo menos que a media, mentres que no que vai de ano a caída é do 13,5%, segundo os datos que publica este luns o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Os produtos con maior influencia negativa no oitavo mes do ano foron os combustibles e aceites minerais, seguidos polas pezas de vestir non de punto. Pola contra, os produtos con maior repercusión positiva foron os vehículos automóbiles e tractores.

No primeiros oito meses do ano, as vendas ao exterior de pezas de vestir non de punto, combustibles e aceites minerais, aparellos e material eléctrico e pezas de vestir de punto son as que inflúen cun comportamento máis negativo.

Pola súa banda, as importacións retrocederon un 10,6% respecto de agosto do ano pasado, debido á diminución nas importacións de combustibles e aceites minerais. Ao lado contrario, as maiores repercusións positivas foron as de vehículos automóbiles e tractores.

POR ZONAS

As expedicións dirixidas á Unión Europea presentan en agosto unha baixada do 2,7% e entre os países con peso significativo os maiores descensos foron os de Portugal (-19,1%), Italia (-24,1%) e Bélxica (-20,2%); mentres que os maiores ascensos correspóndense con Francia (44,8%) e Alemaña (11,4%).

No caso das introducións da UE, aumentan debido a unha subida das compras á maior parte dos países máis representativos, en especial Francia (27,8%), Portugal (27,5%) e Suecia (537,7%); pese ao descenso de Alemaña (-29,5%) e os Países Baixos (-40,7%).

Con respecto a resto de países, destacan as exportacións a Marrocos e a redución a Estados Unidos; mentres aumenta o que chega tamén de Marrocos e diminúe o importado de México.

Por último, o peso de Galicia no conxunto de España, en agosto, ascende ao 8,7% no total de exportacións e ao 6,2% nas importacións, con descensos do 7,2% e do 10,6%, respectivamente.

Exportacións agroalimentarias (arquivo). JLBORT - Arquivo
Exportacións agroalimentarias (arquivo). JLBORT - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta