Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2020 | Actualizada ás 17:46
A Asociación de Emprendedores de Galicia (Ascega) reclama ás administracións públicas que os negocios afectados polas limitacións derivadas da crise da COVID-19 teñan unha condonación "total" de impostos e taxas. Ademais, solicitan unha compensación do 75 por cento da facturación do exercicio de 2019.
A través dun comunicado, o presidente de Ascega, Alfonso Salazar, denuncia que as empresas están "nunha situación desesperada" e ven "comprometida a súa viabilidade" sen que os responsables políticos lles dean "ningún tipo de apoio". "Necesitamos unha resposta inmediata ao clamor das demandas do amplo colectivo afectado polas sucesivas medidas", insiste Salazar, quen acusa as administracións de ser "responsables por inacción" dos danos empresariais xerados polas restricións.
Por todo iso, Ascega dirixiu un escrito á Delegación do Goberno en Galicia, á Xunta, ao Concello da Coruña e á Deputación para reclamar esa condonación de impostos e taxas para os emprendedores que tivesen que cesar ou restrinxir a súa actividade polas novas medidas, así como a compensación do 75 por cento sobre a facturación declarada no exercicio de 2019.
Así mesmo, a asociación esixe unha declaración institucional "clara e rotunda" que defenda "o buenhacer dos empresarios" en canto ao cumprimento das medidas para conter os contagios de coronavirus e que destaque "a seguridade que ofrecen", xa que os datos oficiais "confirman que tanto os locais de hostalaría como os de comercio son lugares protexidos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.