Xa están aquí os Premios Youtubeir@s 2020: olla todos os vídeos estrela deste ano

Nesta cuarta edición duplicouse a participación de vídeos e creadoras, ata os 536.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Os IV Premios Youtubeir@s xa teñen gañadoras e gañadores. Neste 2020, no que se rexistrou a máxima participación ao pasar de 240 vídeos inscritos en 2019 a un total de 536, a gala de entrega está a ser substituída -debido a situación sanitaria- pola emisión dunha serie de entrevistas con finalistas e gañadoras conducidas por Lucía Aldao e María Lado.

Helena Antía López, creadora da canle Cousas RarismASMR
Helena Antía López, creadora da canle Cousas RarismASMR | Fonte: YouTube

Se a semana pasada puidemos escoitar a diferentes finalistas, nos vindeiros días emitiranse tamén por Youtube as conversas coas propostas gañadoras dos premios principais deste certame, que concede un total de doce galardóns. O xurado, conformado por Matías Tarrío, Mabel Montes, Rosa Moreiras, Xoana e Brais Romero, tomou xa a súa decisión. Estes son os gañadores:

PREMIO Á MELLOR CANLE

O Premio á Mellor Canle é para a canle ‘pradorua’. O xurado decidiuno así pola súa oferta de “contidos variados, orixinais e de calidade” que proporciona “a ollada dunha muller nova cun enfoque moi actual”

PREMIO YOUTUBEIR@

O Premio Youtubeir@ é para ‘olaxonmario‘, de quen o xurado destaca o labor que desenvolve en galego no Youtube, sendo de “grande impacto” ao “non pasar desapercibido en canto a novidoso e orixinal”.

PREMIO AO MELLOR VÍDEO

O Premio ao Mellor Vídeo  é para ‘O cabalo de Alberte Merlo’, que para o xurado significa unha “mestura da historia da literatura galega e os conflitos lingüísticos de Galicia” chea de “enxeño e retranca”.

PREMIO Á CALIDADE LINGÜÍSTICA

O Premio á Calidade Lingüística recoñece  o vídeo ‘As patacas do Paraíso’, de Cativos na Cociña. O xurado ve nesta proposta “un uso coidado da lingua” e “unha riqueza lingüística que reflicte, especialmente no ámbito fonético e lexical, un rexistro coloquial dentro dunha variante dialectal”, o cal lle dá un “plus de calidade, de frescura e de proximidade” á produción.

PREMIO IMPACTO

O Premio Impacto é para o vídeo ‘Xogando con Ana Pontón aos Sims’, do youtubeiro

Aquel-e en colaboración con  Olaxonmario, no cal entrevistan a canditada do BNG á presidencia da Xunta nas últimas eleccións xerais. Para o xurado, o vídeo representa “unha maneira orixinal e eficaz de achegar a política aos máis novos usando outro tipo de canles e linguaxes diferentes ás tradicionais”.

PREMIO Á CALIDADE TÉCNICA

O Premio á Calidade Técnica é para ‘Os vinte de XX. Capítulo II. As Irmandades da Fala’, vídeo de Antón Varela. O xurado destacou desta proposta que se trata “dunha mostra representativa da serie ‘Os vinte dos XX’, que ofrece unha panorámica galega polos anos vinte do século XX cunha excelente calidade técnica, sobre todo no referido á edición e ao traballo gráfico”.

PREMIO COMUNICACIÓN

O Premio Comunicación recaeu en ‘Un rapá transquilo’, canle de Éric Dopazo. O xurado destaca a “absoluta solvencia, naturalidade, desdramatización e mesmo tirando do humor” ao relatar en primeira persoa unha realidade tan complexa como é o proceso de tránsito de xénero. 

PREMIO CREATIVIDADE

O Premio Creatividade pon en valor a canle ‘O Son das Ideas’, de Darío Lago. O xurado subliña a capacidade de trasladar a explicación de complexas leis físicas ao ámbito do cotián e aplaude “o emprego de recursos tecnolóxicos de xeito divertido e ameno”. Ademais, por se quedasen prexuízos, esta canle “promove o galego como lingua perfectamente válida para a divulgación científica”.

PREMIO AO MELLOR VÍDEO MUSICAL

O Premio ao mellor vídeo musical é para ‘Lume’, de FØ Records, unha produción moderna cun tema propio que, a ollos do xurado, “actualiza a música galega a ritmo de trap”.

PREMIO DIDÁCTICO 

O Premio Didáctico recoñece o traballo de ‘Naturiza’, canle de Diego Ferraz que,

para o xurado, “achega dun xeito ameno, claro e entretido contido científico relacionado

co medio natural”.

PREMIO PIONEIRO

O Premio Pioneiro recoñece a canle ‘Cousas rarismASMR’, de Helena Antía López. Para o xurado, a canle leva “o noso idioma e, con el, a comunidade Youtube en galego, a terreos moi pouco explorados, pero facéndoo con gran calidade e xeito”.

PREMIO DO PÚBLICO

Por último, o Premio do Público, votado virtualmente polo público de Youtube, recaeu en ‘Apps para docentes, de Titoriais para profesorado de Galicia’, de Pablo Rodríguez Vila.

Os tres primeiros premios (Canle, Youtubeir@s e Vídeo) contan cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os demais galardóns ascenden a 500 euros. En total, os IV Premios Youtubeir@s repartiron 7.500 euros. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta