Causa Galiza sobre a 'Operación Jaro': "foi unha montaxe de esquemas policiais franquistas de represión"

A organización considera que se estivo facendo "unha prolongada extorsión política, organizativa e psicolóxica" contra o independentismo galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2020 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

A organización indepententista Causa Galiza celebrou a sentenza absolutoria para os 12 procesados pola chamada 'Operación Jaro' e que consideran o final dunha "montaxe" froito de "esquemas policiais franquistas de represión política" que tiña como obxectivo "aumentar o número de presos e presas políticas e colocar o independentismo na ilegalidade".

Nun comunicado emitido este mércores, un día despois de coñecerse a asbolución dos 12 procesados por suposto enaltecemento de Resistencia Galega a través das organizacións Ceivar e Causa Galiza, esta última pon o acento en que o fallo dos maxistrados da Audiencia Nacional "evidencia a inconsistencia absoluta do proceso que a Garda Civil iniciou en 2015 co nome de Operación Jaro".

"Nin 'brazo político', nin 'enaltecemento', nin 'integración en banda armada'. As graves acusacións de Jorge Fernández Díez, Francisco Martínez e Arsenio Fernández de Mesa quedaron absolutamente deslexitimadas mesmo para o tribunal de excepción política", di o comunicado, en referencia á Audiencia Nacional, a encargada do proceso culminado coa sentenza de absolución ditada esta semana.

Causa Galiza considera que o proceso que levou a detención de 12 persoas e á ilegalización, despois revogada, tanto desta organización como de Ceivar, supuxo "unha prolongada extorsión política, organizativa e psicolóxica liderada por un corpo militar contra o movemento poítico que defende a independencia nacional" de Galicia.

"Procesos como o vivido son o produto de esquemas policiais franquistas de represión política, pero, tamén dos intereses materiais e económicos das cloacas policiais, mediáticas e xudiciais, onde decenas de persoas viven, literalmente, da organización de montaxes como o que hoxe termina", sentencia o colectivo, que avanza que solicitará a súa "plena legalización" como organización política e o "relanzamento" dos seus procesos internos.

Imaxe dunha das manifestacións contra a Operación Jaro
Imaxe dunha das manifestacións contra a Operación Jaro | Fonte: Facebook Operaçom Jaro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Debo recoñecer a AGRADABLE SORPRESA desta sentenza, especialmente logo das alegacións finais no xuizo https://youtu.be/dVfDPk_U1ew?t=569 Non daba un peso polos encausados pero vou ter que devolverse a "sensatez" ao Maxistrado que presidía a Sala (?) Non sei que pasou, pero ALÉGROME por todos eles !!! A conclusión que deberamos sacar é que temos un Medio de Comunicación valente e INDEPENDENTE que grazas ao GC tivemos noticia leal deste proceso, e que de agora en diante, calquera que aprecie unha INFORMACIÓN LIBRE E VERAZ debera rascar o bolsillo para mantela ! Especialmente neste Annus Horribilis no que a publicidade estará en mínimos e os nosos redactores terán tódolos gastos e necesidades non precisamente sobradas !!! GRACIAS POR RESISTIR !!!