Denunciadas 136 empresas de limpeza en Inspección do Traballo por incumprir o convenio

Segundo CIG, CCOO e UXT, as empresas impiden que as traballadoras a tempo parcial poidan optar a "vacantes" a tempo completo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2021 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIGCCOO e UXT denunciaron ante a Inspección de Traballo da Coruña a 136 empresas de limpeza da provincia pola "inaplicación" dun artigo do convenio colectivo que reserva para traballadoras a tempo parcial as "vacantes" que haxa para postos a tempo completo.

"O sector ten un número de contratos a tempo parcial moi elevado e esta é a única posibilidade que teñen as traballadoras de mellorar o seu traballo", explicou aos medios o representante da CIG, Paulo Rubido, ante a sede da entidade estatal, relacionando os incumprimentos coa negociación do convenio colectivo.

Segundo as centrais sindicais, a patronal pretende eliminar o mencionado artigo do convenio, o número oito, conxelar os salarios en 2020 e incrementalos un "ridículo" 0,8% este ano. "Os salarios aproxímanse cada vez máis aos do mínimo interprofesional", lamenta Rubido, reprochando que estas compañías "incrementaron a súa facturación" o ano pasado.

"Outras patronais poden estar afectadas pola crise da pandemia, pero esta non é así, é todo o contrario", reprochou o portavoz da CIG, que lembrou que son estas empresas as que realizan "tarefas de desinfección e higienización".

FOLGA

Os sindicatos anuncian mobilizacións e reunións con grupos políticos e non descartan convocar folga no sector, que aglutina a máis de 9.000 traballadoras na provincia da Coruña, nas próximas semanas, "co que pode representar para os centros de traballo, de saúde ou de educación", advirten.

Traballadora da limpeza. H.Bilbao - Europa Press - Arquivo
Traballadora da limpeza. H.Bilbao - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Os sindicatos consideran que existe "marxe de negociación" pero piden diálogo á patronal, á que acusan de "mala fe". "O artigo oito non se toca e ten que haber incremento salarial para 2020", reclama Rubido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta