A pandemia "triplicou" a carga mental e física das mulleres: máis precariedade, menos conciliación

Segundo datos da CIG, farían falta "300 anos para equiparar" o salario das mulleres ao dos homes, a unha media de redución da brecha de 150 euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2021 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

A visión de que hai que camiñar cara a unha "igualdade real" é compartida por institucións, sindicatos e plataformas, pero o diagnóstico de partida e mesmo as medidas a implementar matizan as distintas voces. A situación de partida é recoñecida por todas as partes: máis desemprego, soldos máis baixos, feminización de sectores máis precarizados e penalización pola maternidade, costuras dunha radiografía que as voces sindicais e plataformas consultadas aseguraron que se "confirmaron" un ano despois da pandemia.

Aínda que a Xunta tamén considera que a crise sanitaria tivo repercusión na muller e na súa situación no mercado laboral, ten unha visión máis optimista da situación da muller en Galicia, coa porcentaxe de autónomas máis elevado en España (40,94 por cento). A perda de emprego orixinada polo efecto da crise sanitaria está "a reverterse", asegura nunha análise destes datos remitidos a Europa Press: de 20.393 destruídos a 12.477 recuperados.

Outro dato, neste caso do sindicatos: unhas 10.000 mulleres deixaron de buscar traballo de forma activa durante o ano pasado, é dicir, tamén desapareceron das listas do paro, pero non porque se incorporaron a un posto de traballo. Os sindicatos denuncian que as mulleres tiveron que volver ocuparse de fillos, dependentes ou maiores a cargo, uns traballos "sen remuneración".

Sobre esta visión, a Xunta ofrece matices. Así, apuntou a Europa Press que das 12.600 novas mulleres inactivas que se rexistraron a finais de 2020 en relación a finais de 2019, 8.600 pasaron a inactividade "por estar a cursar estudos".

Os sindicatos apuntan que o 88,6 por cento das persoas inactivas, que non buscan emprego, por estar ao coidado de nenos, adultos enfermos ou maiores, correspondíanse con mulleres en 2019.

Das excedencias por coidado de familiar, só 227 foron solicitadas por homes fronte ás 1.353 pedidas por mulleres en 2020. Pero non só iso: o informe revela que a asunción de coidados familiares por parte dos homes aumenta cando se trata de permisos retribuídos, mentres que os permisos non retribuídos son maioritariamente femininos.

Sobre esta circunstancia pronúnciase CC OO. A súa responsable de Igualdade, Mamen Sabio, constata que a situación salarial de partida inflúe notablemente nesta situación. Así o narrou unha delegada sindical deste sindicato nunhas xornadas internas: entre o traballo da súa parella e o dela, foi a muller a que se acolleu a unha redución na pandemia porque o seu salario é menor.

BRECHA SALARIAL E TELETRABALLO

A fenda salarial, que está ao redor de máis de 5.000 euros de diferenza entre homes e mulleres, é un dos factores que, consultados os sindicatos, repercuten no abandono do mercado laboral das mulleres.

Segundo a CIG, como explicou Marta Corral a Europa Press, con datos de ingresos de 2020, farían falta "300 anos para equiparar" o salario das mulleres ao dos homes, a unha media de redución da brecha de 150 euros. "Son datos demoledores", salientou.

Son elas tamén as que máis contratos a tempo parcial por coidado de menores ou dependentes aglutinan: o 93% son mulleres. Mentres que dos traballadores que se acollen a redución de xornada para atender a menores de 12 anos, o 76% son tamén mulleres. Hai 108.900 mulleres con xornada a tempo parcial e 32.600 homes. Só o 2,3% da poboación ocupada feminina, a metade que a porcentaxe dos traballadores masculinos, un 4%, está en postos de alta dirección.

En relación ao impacto de xénero que tivo o teletraballo, un informe de UXT recolle datos a partir do segundo semestre de 2020 sobre as persoas que traballaron máis da metade dos días no seu domicilio. A media dos últimos trimestres de 2020 mostra que deste colectivo, un 52 por cento son mulleres.

Marta Corral advertiu de que o teletraballo o que fixo é "triplicar a carga mental e física" das mulleres. "Non é unha fórmula de conciliación que unha persoa teletraballe convivindo con deberes, adestramentos de nenos ou pequenos esperando que os collas no 'colo'", remarcou.

En xeral, os sindicatos entenden que hai que "blindar" o dereito das persoas a recibir unha atención e aumentar os servizos públicos para que as mulleres poidan conciliar a vida laboral, aínda que hai voces no ámbito feminista que avogan a remuneración dos coidados tradicionalmente realizados polas mulleres e que non se valorizaron. 

Un neno estuda e fai os deberes en casa coa axuda da súa nai
Un neno estuda e fai os deberes en casa coa axuda da súa nai | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press

Sobre recursos públicos, o secretario xeral de UXT Galicia, José Antonio Gómez, puxo o foco na necesidade servizos de conciliación, baixo a premisa de que "a forma de desenvolvemento de calquera persoa é entrar no mercado laboral e non condenar ás mulleres, e que se poidan desenvolver profesionalmente".

POLÍTICAS DE IGUALDADE

En todo caso, a Administración autonómica recoñece que a crise sanitaria impactou no emprego feminino e a Consellería de Emprego e Igualdade ultima un estudo sobre o impacto da covid-19 para "ter unha fotografía real da situación e poder seguir deseñando actuacións para avanzar cara á igualdade de oportunidades".

Entre outros aspectos, este informe avalía a situación laboral e profesional das mulleres por sectores e provincias, as necesidades e barreiras existentes en materia de formación e dixitalización, o grao de emprego do teletraballo, a conciliación e o grao de implantación de plans de igualdade nas empresas.

"As políticas de igualdade da Xunta non se centran unicamente en apoiar e promover a inserción laboral da muller, senón que acompaña estas medidas con instrumentos que fomentan a conciliación real", subliña a Consellería de Emprego e Igualdade na súa resposta a Europa Press, na que reafirma o seu "compromiso coa sociedade galega en favor da igualdade de dereitos e oportunidades".

"Unha sociedade que se defina como xusta, social e economicamente desenvolvida, non pode consentir que sigan existindo desigualdades e discriminación en razón do sexo", apunta a consellería que se reafirma en que a Xunta "reivindica o papel crucial da muller en todas as esferas da vida pública e privada": "só o fomento decidido da corresponsabilidade e a conciliación, e da formación en liderado e empoderamiento, permitirán ás mulleres galegas alcanzar un maior peso no mercado de traballo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta