Un parente de Franco leva 16 anos bloqueando a reforma dunha curva mortal co apoio da Xunta

Os veciños dun rueiro de Bergondo, na Coruña, levan dende 2005 loitando para ampliar o trazado dunha vía perigosa. O único impedimento para levar a cabo a obra é un muro propiedade de parentes de Franco e que podería estar protexido de forma indebida pola Xunta. O ano pasado faleceu un ciclista na zona.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Contan os veciños que cando a filla de Franco visitaba a quinta de Valdeameno os donos adoitaban despregar unha enorme alfombra vermella dende a porta da casa ata a mesma estrada. As festas eran longas e xenerosas, prolongándose moitas veces ata a madrugada con música alta e mordomos vestidos completamente de verde --vidas de apelido composto--. Logo Carmencita morreu, e a familia do Generalísimo deixou de acudir a esa finca de Bergondo que tantas veces os acolleu como se acolle á familia: cos brazos abertos e un sorriso. 

Entrada á quinta de Valdeameno, tamén chamada Villa Julia, no concello coruñés de Bergondo
Entrada á quinta de Valdeameno, tamén chamada Villa Julia, no concello coruñés de Bergondo | Fonte: Iago Codesido

Valdeameno --tamén chamado Villa Julia-- está nun punto perdido da xeografía coruñesa: xusto ao pé da localidade de Guísamo, no Concello de Bergondo; non moi lonxe do Pazo de Meirás. Hai máis de 15 anos, esta casa indiana saltou á actualidade da comarca por unha situación espiñenta que aínda hoxe se prolonga. Villa Julia atópase ao carón dunha curva “moi perigosa” --en palabras dun informe da Deputación da Coruña-- pero que non pode ser ampliada porque o muro da finca está protexido por Patrimonio.

Os problemas comezaron en 2004. Nese ano, a Deputación coruñesa lanzou un proxecto para expropiar parte da villa e ampliar a calzada. Non durou moito: o propietario da finca recorreu á xustiza e esta deulle a razón: o muro ao carón da vía contaba cunha protección da Dirección Xeral de Patrimonio --dependente da Xunta-- e a Deputación precisaba unha autorización da entidade para levar a cabo as obras. Non a conseguiu.

MURO DE CEMENTO

Os anos pasaron e a curva de Valdeameno rematou por se facer célebre entre os condutores da Comarca das Mariñas que, día a día, entran nela cunha man sobre a bucina e outra pasando bólas dun rosario. Malia non chegar aos 100 metros, merece a consideración de punto negro en todas as categorías. Xiro pechado, visibilidade nula polos altos muros e unha anchura que en certos puntos só chega ao 3’6 metros.

Para maior fatalidade, a curva ao pé da finca forma parte dunha das principais ruta de camións da provincia da Coruña, xa que serve de enlace entre a N-VI e a N-550. O paso destes vehículos --que segundo o Ministerio de Transportes poden chegar a medir 2’55 metros de ancho-- deixaba o sinistro mortal de Valdeameno nunha cuestión de tempo. E a morte chegou en febreiro do ano pasado, cando un ciclista perdeu a vida tras un mal encontro cun camión.

Este negro suceso serviu para quitarlle o po a unha causa que parecía esquecida. Inmediatamente, a Deputación anunciou que impulsaría de novo o proxecto para ampliar a estrada. E desta vez, semella que Patrimonio podería ter que descatalogar o ben ante unha tese crecente: que o muro está protexido de forma irregular

Villa Julia conta con protección da Xunta de Galicia por tratarse dunha edificación singular pode considerarse centenaria dende hai poucos anos. O problema é que, segundo as administracións e os veciños, a Dirección Xeral de Patrimonio protexe tamén o peche da finca, cando este dataría dos anos 90 ou, ao sumo, 80. O muro, á parte, non conta tampouco con ningunha particularidade arquitectónica destacable: os ingredientes fundamentais son cemento, rochas e unha tea metálica pintada de branco.

DE MAGNOLIOS E LITIXIOS

A Xunta, con todo, segue a dar evasivas sobre a protección do ben. En febreiro do ano pasado --segundo recolle La Opinión-- a administración autonómica chegou a afirmar que a finca tiña un papel “esencial” no coidado do conxunto. Ante este inmobilismo, a Deputación planea responder cun estudo de afectación --xa en marcha-- no que, previsiblemente, irán incluídas as últimas probas ao respecto; entre elas fotografías aéreas que demostrarían que o muro ten, ao sumo, 40 anos. 

O potencial percorrido deste informe non parece ter desalentado ao propietario da villa, que semella disposto a queimar ata o último cartucho. Dúas semanas despois de que a Deputación licitara o estudo, apareceu na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda unha solicitude para catalogar como especie protexida varios magnolios situados no interior da villa, precisamente ao carón do muro que pretende expropiar a Deputación.

Se a Xunta protexe as árbores, as obras de ampliación da vía quedarían novamente paralizadas sine die. Por iso, tanto Concello como Deputación lanzaron xa peticións á CMATV contra a catalogación da especie. A cuestión semella, en principio, de fácil resolución. O asinante da proposta sostén que se trata de exemplares centenarios e “singulares”. Porén, os veciños afirman que foron traídos “en tráileres” nos anos 80 e 90, á chegada do novo dono, e contan cunha imaxe de 1987 para probalo. O mesmo acontece coa suposta “singularidade” das árbores, que en realidade están presentes “en case todos os xardíns da zona”, segundo apunta o veciño Carlos Rilo. “Eu mesmo teño algún na casa”, explica.

FAMILIA DA JET SET ESPAÑOLA

A loita dos magnolios deixa en mans da Xunta se a cuestión da curva de Valdeameno se resolve ou non a breve prazo. En calquera caso, este intento case que á desesperada de protexer o muro da finca supón un antes e un despois no conflito de Villa Julia porque bota luz sobre os propietarios do inmoble, que ata agora mantiveran a súa actividade baixo unha manta de espeso escurantismo.

Atando cabos, o DOG dos magnolios revela que o dono da casa é Javier Bahamonde Santiso de Ossorio, sobriño neto segundo de Francisco Franco por parte da familia materna --guiándonos por informacións de El País e o mexicano La Jornada -- e director dunha asociación de vivendas singulares; á que, por suposto, pertence Villa Julia. Unha breve investigación permite comprobar que a familia dos Bahamonde se atopa ben situada no mundo da alta sociedade española. Os parentes de Franco afincados en Bergondo comparten crónicas coa Duquesa de Alba, antigas princesas gregas e unha longa serie de personaxes que seguen bailando ao ritmo do século XX. No rueiro son coñecidos por facer soar marchas militares a todo volume, un costume que parece ter remitido trala reapertura da fronte legal coa Deputación 

Os veciños sospeitan que as boas relacións da familia son os contrafortes que apuntalan o muro de Valdeameno e as moitas sombras do seu pasado. Rilo, residente na zona dende hai case 50 anos, conta a historia da forma que segue: a finais dos 80, os parentes de Franco mercan a casa, situada ao carón dunha vía de tren. Uns anos antes, a Renfe expropiara parte do xardín ao propietario orixinal para facer un paso a nivel. Da obra resultou un muro situado “a metro e pico” de onde está hoxe a estrada. Non debía ser abondo para os parentes do Generalísimo, que segundo a mesma fonte construíron o seu propio valado -- o que hoxe quere tirar a Deputación-- ao pé da calzada; é dicir, en terreo que xa non era seu.

“ONDE ESTABA PATRIMONIO ENTÓN?”

O muro, continúa Rilo, foi denunciado tres veces “sen que pasase nada”; unha impunidade pola que o veciño de Bergondo sinala a José Carabel Balsa, por aquel entón alcalde da localidade. Carabel, un histórico de Alianza Popular, era coñecido por practicar un laissez faire ‘de aldea’ no tocante ao urbanismo, un ‘ti vai facendo e logo xa miramos’ que non caía a gusto de todos no concello. Os veciños tampouco esquecen a boa relación que o alcalde mantiña cos de Valdeameno: “sábese que ía cear moitas veces á casa deste home”, explica Pablo Santiso, tamén residente na zona.

Tanto Santiso como Rilo --sen dúbida os bergondeses máis implicados no conflito-- ven con ironía o afán de protección patrimonial que semella embargar agora ao dono da quinta. Segundo apuntan, “nada máis chegar” á vivenda o novo propietario decidiu tirar unha fonte modernista de comezos do século XX. A casa tampouco é un exemplo de conservación. De acordo cun estudo encargado polo Concello, o inmoble pasou de ter 244 metros cadrados de planta a nada menos que 1.306 nos primeiros anos da Era Bahamonde. “Onde estaba Patrimonio entón?”, pregunta, retranqueiro, Rilo.

Dezasete anos despois dos primeiros movementos de papeis, a curva de Valdeameno segue como estaba en 2004: estreita, pechada e “moi perigosa”. Nos próximos meses quedará dito se, desta vez, os veciños de Bergondo logran facer recuar á Xunta e o muro cae coa súa catalogación. Polo momento, os magnolios de Valdeameno florecen sen marchas militares. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta