Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2021 | Actualizada ás 11:52
Nova denuncia do Sindicato Labrego Galego ante a xestión da Xunta de Galicia. Desta vez, non se trata dunha petición á administración autonómica para que prime a protección das serras galegas sobre a explotación eólica, nin tampouco unha crítica directa ao carácter “machista” e “discriminador” das axudas europeas á agricultura.
A denuncia do Sindicato Labrego Galego artéllase arredor da tarxeta de familia numerosa da Xunta, un dos puntos estrela das axudas sociais da administración Feijóo e que agora queda baixo o ollo público polo “uso interesado” e en favor do “lucro de dúas empresas privadas” que o SLG advirte neste paquete de apoio social e sobre o cal, apunta, a xa recolleron diversas queixas de familias.
A cuestión polémica sobre a tarxeta estaría na cesión de datos persoais que, ao parecer, esixen cumprir ás persoas que queiran acceder a este servizo de axuda institucional. A problemática estaría en que a información concedida non iría para exclusivamente á Xunta, senón que quedaría tamén a disposición de Abanca e Gadisa: de acordo, novamente, coa versión sindicato, e como aparece disposto no formulario de solicitude:
“As persoas asinantes quedan informadas e AUTORIZAN o tratamento dos datos que ABANCA e GADISA, entidades colaboradoras no programa, requiren co obxectivo de emitir as tarxetas e de comunicar as ofertas e as vantaxes do carné familiar”
REQUISITO "ILEGAL"
Dende o equipo xurídico do SLG salientan que esta esixencia “vulnera a Lei de Protección de Datos”, xa que, segundo a formación, dende a Xunta “non informan axeitadamente do uso que se vai facer dos datos persoais nin se dá a opción -obrigatoria por lei- de non autorizar a súa cesión ou o seu uso por terceiros”.
Ante estas circunstancias, a formación insta á administración Feijóo a “explicar en que consiste a colaboración destas empresas do programa, aclarando se lles paga algo a maiores”, así como “o destino nosos datos obtidos de maneira presuntamente ilícita ou, cando menos, enganosa”. O SLG, por último, esixe a retirada “inmediata” deste requisito --que valoran directamente como “ilegal”--: “Política Social debe reformular a tarxeta de familia numerosa como un servizo exclusivamente público, retirando da súa xestión o patrocinio de calquera empresa privada, sexa Abanca, sexa Gadisa, ou sexa outra calquera”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.