Yolanda Díaz di que tratará de mediar nos ERE de CaixaBank e BBVA

Insta ás entidades a "repensar" os axustes de emprego que anunciaron.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 26/04/2021 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, instou este luns a CaixaBank e BBVA a "repensar" os axustes de emprego que anunciaron e a porse "á altura das circunstancias".

Díaz, en declaracións ás Sexta recollidas por Europa Press, sinalou que a prohibición de despedir para as empresas acollidas a expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) está a operar en España, pero non no caso dos bancos, que non se acolleron a ningún ERTE.

A ministra lembrou que coa reforma laboral do PP eliminouse a necesidade de que un ERE contase con autorización administrativa, de forma que nese sentido o Ministerio de Traballo "non pode facer nada", pero si pode mediar. "Podemos mediar e iso é o que faremos", dixo Díaz en referencia aos despedimentos nas dúas entidades financeiras, que en Galicia está previsto que afecten a 111 traballadores de BBVA e 90 de Caixabank.

A vicepresidenta afirmou que o Goberno "non comparte" os ERE anunciados por ambas as entidades e, no caso concreto da nova CaixaBank, froito da fusión con Bankia, non ve comprensible o axuste de emprego se se ten en conta que Bankia recibiu 23.000 millóns de euros en axudas públicas.

"E devólvenolo con procesos moi graves: despedimentos, un proceso de concentración bancaria e peche de oficinas. O goberno está involucrado niso e as entidades financeiras deben de repensarllo e estar á altura das circunstancias", subliñou.

A vicepresidenta terceira e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz. Isabel Infantes - Europa Press
A vicepresidenta terceira e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz. Isabel Infantes - Europa Press

NEGOCIACIÓN DOS ERTE

Yolanda Díaz tamén anunciou este luns que vai convocar os axentes sociais para o día 6 de maio a fin de iniciar a negociación para prorrogar os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) máis aló do 31 de maio. Díaz subliñou que os ERTE prorrogaranse de novo coa premisa de non facer despedimentos, como nas anteriores ocasións, e deu a entender que o esquema actual non sufrirá moitas modificacións dado o seu bo funcionamento. "O que funciona non se toca. Volver abrir un debate sobre o mecanismo que queremos, non, o que funciona, deixémolo", apuntou.

A ministra, en declaracións a La Sexta recollidas por Europa Press, adiantou ademais que a día de hoxe a cifra de traballadores en ERTE alcanza os 650.000, dos que máis de 200.000 son a tempo parcial e os demais son ERTE de suspensión en sectores "moi tocados" pola crise, como o turismo e a súa cadea de valor, a cultura e os transportes.

A vicepresidenta non deu unha data sobre ata cando se prorrogarán os ERTE, pero insistiu en que, aínda que a vacinación vai moi ben, este mecanismo "continuará mentres sexa necesario". "Non pechemos a porta porque nos podemos equivocar. Eu mando unha mensaxe de tranquilidade a empresarios e traballadores, porque van estar acompañados", sinalou.

Sobre a reforma do mercado laboral que quere levar adiante o seu Departamento, a ministra insistiu en que se vai negociar cos axentes sociais e que o debate non está pechado. Así, por exemplo, sobre a redución a tres modalidades de contratos, afirmou que "non pode dicir" como van quedar eses contratos porque será obxecto de negociación con sindicatos e empresarios. Esta reforma do mercado de traballo, cuxo obxectivo é modernizalo, está incluída no Plan de Recuperación do Goberno de España, que esta mesma semana se enviará a Bruxelas e cuxa acollida por parte da Comisión foi favorable, segundo Díaz.

Isto é así, explicou, porque a reforma laboral que se expón cumpre co diagnóstico que veu facendo a UE dos "gravísimos problemas" do mercado laboral español: a precariedade e a temporalidade. "Levamos 42 anos cos mesmos males (...) Aínda que isto non dea réditos electorais, ímolo facer", insistiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta