José Antonio Sierra, o profesor que desafiou o Franquismo para levar o galego a Irlanda

A comezos dos anos 70, este abulense conseguiu o apoio do réxime franquista para crear un centro de estudos españois en Dublín. Aínda en plena ditadura, decidiu ampliar a oferta con galego, catalán e euskera, unha aposta que provocaría “reticencias" en Madrid. Conversamos con el sobre lingua, política e vellez: "de que serve ter linguas cooficiais se non poden estudar en toda España?".

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Falando por teléfono parece que José Antonio Sierra (Ávila, 1936) tivera 60 anos e non case 85. A palabra áxil, a imaxe clara, o verbo alegre. Aínda con mil quilómetros de distancia --atende a chamada dende Málaga-- nótase axiña que José Antonio pertence a esa clase de persoas curiosas por natureza e implicadas coas causas que seguen. El mesmo o deixa claro, nun punto da conversa: “se te dedicas a xogar ás cartas e o dominó chega un momento no que te aburres e morres”.

José Antonio Sierra, o profesor que levou a ensinanza das linguas cooficiais a Irlanda desafiando o réxime franquista, ante o Instituto Cultural Español de Dublín
José Antonio Sierra, o profesor que levou a ensinanza das linguas cooficiais a Irlanda desafiando o réxime franquista, ante o Instituto Cultural Español de Dublín | Fonte: Arquivo de J.A. Sierra

José Antonio fala coa experiencia dunha vida cargada de experiencias e traballos. Natural dun pequeno concello de Ávila, estudou Filosofía e Letras e logo Maxisterio para traballar como mestre de escola. Pouco había durar no país natal. Nos 60 fixo as maletas e puxo rumbo a Brighton, Inglaterra, para exercer como docente de español; cargo que logo deixaría para dar o salto ao Trinity College de Dublín. Foi nesa cidade onde este abulense desafiaría o réxime franquista para espallar o coñecemento das que hoxe son linguais cooficiais no Estado español.

“Ao pouco tempo de chegar a Dublín xa me dei de conta de que en apenas había xornais en español e moi poucos libros nas bibliotecas públicas... de España non había case nada”, explica José Antonio na tarde dun sábado. Esta falta de información levouno a fundar un centro español dedicado ao “intercambio cultural” e a documentación. O proxecto foi sonado e Sierra atopouse, de súpeto, concedendo entrevistas en RNE, “que por aquel entón estaba dirixida por Adolfo Suárez”, recorda. 

Ao final rematou propoñéndolle ao réxime a creación dun Instituto Cultural Español, ao que as autoridades franquistas accederon. Era 1971 e o centro, aloxado en Dublín, ofrecía clases de castelán, á parte de difundir cine e literatura . Pero non era suficiente. E así foi que, no 75, “cando aínda estaba vivo Franco”, Sierra decidiu ampliar a oferta do centro con aulas e libros en galego, catalán e éuscaro.  

Por que dá este salto aos idiomas que hoxe son cooficiais?

Eu publicara en Informaciones tres artigos defendendo que se facilitara a ensinanza de todos os idiomas de España, non só do castelán. Entón fun consecuente co que escribira, á parte de que o meu convencemento persoal é que unha institución cultural debe presentar a cultura nun sentido de abanico, amplo; respectando sempre que o idioma maioritario dos españois é o castelán. Pero quixemos demostrar que alí, en Irlanda, dabamos facilidades ao estudo de todas as linguas de España.

Xerou algunha reticencia no réxime franquista esta postura?

[A ensinanza destas linguas ] rompía a política de todos os centros culturais españois no mundo. Que eu saiba, corríxanme se non é así, fomos o primeiro en ofrecer a ensinanza de todas as linguas de España. Por suposto, en Madrid houbo bastantes reticencias. Imaxínome que lle pediron explicacións ao embaixador de España, porque o instituto dependía da embaixada. Eu expliqueille esta postura que defendo agora: e á parte que Irlanda era un país bilingüe, e esa era a mellor forma de demostrar que alí respectabamos todas as linguas e culturas de España.

Falando hai un anaco contaba que Franco aínda estaba vivo cando comezou a ensinanza destas linguas cooficiais. Non lle deron nunca un toque de atención dende Madrid?

Imaxino que houbo, pero ata que o embaixador de España non dixera nada eles tampouco podían facer moito, porque, en fin, era o representante. E o embaixador aceptou o meu punto de vista: non sei cal era a súa posición persoal pero así foi. Eu defendín sempre que un centro cultural debía presentar a cultura en sentido amplo, aberto, e iso tivo consecuencias para min mesmo a nivel profesional. Como pasa en España: ou estás comigo ou contra min. E cando un señor sae dunha liña máis ou menos oficial pois claro, queda xa ‘fichado’, se podo utilizar esta palabra. 

ROSALÍA DE CASTRO EN DUBLÍN

"De que serve ter linguas cooficiais se logo non as podemos estudar?"

Cando o Instituto impulsa este coñecemento do español non foi só cuestión de idioma: levades libros, cine... porque non se coñecía. Fíxose algo semellante co galego?

Si, claro. O primeiro que fixo o instituto, en 1974, foi abrir unha sección na biblioteca do instituto onde estaban os escritores máis importantes para que, se alguén estaba interesado, puidese acceder a eles. 

Lembra algún dos que se escolleu en galego?

Pódoche dicir, como non, a Rosalía de Castro, que a escollemos por moitísimos motivos. E Valle Inclán tamén, que no 1973, penso que foi, representaron con éxito enorme unha obra del no Abbey Theater, que é o máis importante do país. O instituto participou tamén porque declaráramos ese ano como o Ano de Galicia para dala a coñecer en todo o país.

Que se sabía de Galicia en Irlanda neses anos?

Todos os investigadores saben desta crenza xeneralizada de que os celtas chegaron a Irlanda dende Galicia. A iso unimos que o Camiño de Santiago tivo unha importancia enorme en Irlanda. De feito, existe unha asociación de amigos do Camiño de Santiago, que aínda perdura e foi fundada polo Instituto. Por certo, se un vai á fábrica Guinness verá que a porta principal se chama ‘Porta de Santiago’ porque se reunían aí os peregrinos.

Entón, tiveron unhas relacións moi estreitas con Galicia a través da historia, por exemplo se temos en conta o tema da pesca. Algúns galegos que ao chegar a Irlanda facían noite remataban quedando e casando. En fin, son unhas relacións moi estreitas: vese no colexio irlandés que existiu en Santiago de Compostela, na música... que lle pregunten a Carlos Núñez e as súas relacións cos Chieftains

Estas relacións históricas, e tampouco quero criticar a ninguén, poderían ser máis se por parte de Galicia se puxera máis esforzo... non sei ata que punto se é consciente do interese que existe en Irlanda por Galicia. 

"Nunha sociedade bilingüe a mellor forma de integrarse é coñecer os dous idiomas"

Por 2003 impulsa unha iniciativa para que en Andalucía se ensinen as linguas cooficiais do Estado. Como resultou este intento?

Ao volver de Irlanda despois de 34 anos --xa é como se fose o meu país-- deime de conta de que non se podía estudar catalán, galego nin euskera en ningunha escola oficial de idiomas. E tampouco se pode hoxe. Iso foi o que me levou  a fundar a asociación Diversidad y convivencia para a difusión destas linguas en Andalucía. E tamén do castelán, porque aquí hai miles de estranxeiros que non saben español, que non o estudaron. Co cal hai que facilitarlles o estudo e animalos a que o fagan. En cando ao catalán, galego e euskera era para facilitar a todas as persoas que quixesen estudalos puidesen facelo, sempre con carácter voluntario; como se ofrece en algúns dos institutos Cervantes [o proxecto do Cervantes xerminou, precisamente, sobre a iniciativa de Sierra en Dublín].

Que lle parece que estas linguas se poidan estudar no estranxeiro pero non alí en Málaga, por exemplo?

É incomprensible. Para iso está o artigo 3 da Constitución Española no que se fala das linguas cooficiais: de que serve telas se logo non as podemos estudar? 

Por que son importantes? Por exemplo: aquí en Andalucía hai bastantes emigrados de orixe galega. Imaxínese que os seus fillos ou netos desexan estudar galego porque é o idioma da familia ou porque van a Galicia. Ou por motivos académicos: imaxínese alguén que quere ir estudar a Galicia. Ou por motivos laborais, de alguén que atopou traballo alí, ou no País Vasco, ou nas Baleares. Porque cando un vai a unha sociedade bilingüe a mellor forma de integrarse é ter un coñecemento dos dous idiomas. Polo tanto hai que axudar neste aspecto.

DISCRIMINACIÓN LINGÜÍSTICA

Uns meses atrás houbo polémica coa Lei Celáa, a actual lei de educación, porque había quen consideraba que discrimina ao castelán. Hai discriminación lingüística no Estado español nestes momentos a nivel legal?

Penso que a discriminación non existe a non ser que haxa quen a queira empregar con un fin político alleo ao que son as linguas e as culturas. É dicir: se por exemplo digo que estou en contra de que se estude o inglés e, como político, poño dificultades a este ou calquera idioma. Na política lingüística debemos ser extremadamente coidadosos e respectar a todos. Xa reivindiquei noutras ocasións que debería haber un Día das Linguas da España para dar a coñecelas todas nos colexios de primaria e secundaria. 

Antes explicaba que, precisamente, cando non se reclaman esas linguas como patrimonio común ábrese a porta a que se apropien delas os movementos independentistas. 

Efectivamente. Tenme acontecido que, nesta campaña para ensinar as linguas cooficiais, vén alguén que me di que os cataláns ou os galegos non permiten que se estude en español. Sempre lles digo que, polo que sei, non é certo, e poño este exemplo: se vostede lle rouba a un ladrón van os dous ao cárcere. É dicir: unha persoa que pensa que en Galicia se discrimina o español, que tamén hai por aí algún grupo, e logo oponse a que se ensine o galego. É que non ten nada que ver!

Faise difícil a convivencia, ás veces.

Bueno, é que vivimos nunha sociedade que é conflitiva. 

A conversa formal remata e a José Antonio, case como un rito, tócalle dicir en que ano naceu. 1936. O estupor é evidente e el, cunha risa franca, sóltase: “cóntoche o segredo, porque hai xente que mo di: tes que esquecer a idade que tes. Tes que actuar como actuaches toda a vida: se tes inquedanzas e as sentes non tes por que renunciar a elas. É máis: contas coa vantaxe da experiencia que che dan os anos, e continúas igual, adiante”. E fala de que agora mesmo vive empeñado en crear unha Casa de América, alí en Málaga, para reforzar os lazos entre Andalucía e o continente Latino. E outra vez o verbo claro, e a palabra rápida, e a ollada incansable. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xalvaro

Un bo e xeneroso. Merece gratitude eterna.