Que curso escolar lles espera aos estudantes non universitarios despois do verán?

A COVID deixou ver para asociacións de pais, sindicatos de profesores e outros colectivos a masificación, incumprimento de rateos, fenda dixital entre familias dun mesmo centro e descarga de responsabilidades sobre o Goberno central desde a Xunta. Desde a Consellería de Educación apuntan que no curso 2021-2022 haberá melloras no acceso a computadores, en materias STEM e consideran logrados os obxectivos co Plan de Ensino Virtual.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 09/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As incertezas pairan sobre o curso 2021-2022. Pais e nais de alumnos temen a volta ao sistema anterior á COVID. Os sindicatos de profesores calculan que os rateos de alumnos-profesor volverán aos valores anteriores a 2020. Intúen que a Xunta deixará de contratar persoal docente que permitía desmasificar. Engaden tamén que as autoridades educativas non fixeron estudos sobre a pertinencia ou non dos diferentes programas aplicados durante este pasado curso, a maioría destinados á docencia virtual e dixital. A Consellería de Educación, encabezada por Román Rodríguez, espera a resposta do Goberno central en relación ás medidas e protocolos sanitarios que se deban aplicar. Curricularmente as espectativas están centradas nos seus programas como o Plan Recupera, accións formativas do profesorado, Plan de Ensino Virtual, o Plan de Infraestruturas Dixitais na Educación (EDU100) e o E-Dixgal. De todas maneiras, as posturas están aínda por achegarse.

Unha estudante cun ordenador portátil
Unha estudante cun ordenador portátil | Fonte: Santi Alvite

PREVENCIÓN CONTRA A COVID

Fernando Lacaci, de ANPAs Galegas, ve só incertezas en canto a seguridade sanitaria do alumnado. De momento non ten seguro se se aplicarán as mesmas medidas que o curso presente, case finalizado, e descoñece as capacidades do sistema para adaptarse a novos marcos sanitarios. “As aulas foron desmasificadas en secundaria e non se fixo ningún estudo sobre se iso reduciu as posibilidades de contaxio”. Luz López, de CC.OO., sinala que grazas ás folgas dos profesores “se puideron facer desdobres nas aulas e o resultado non foi tan malo”, mais o desdobre aplicouse tarde e “os protocolos de seguridade fóronse modificando segundo avanzaba o curso”.

“Non temos noticias de que se tomasen medidas sanitarias de cara o curso que vén” sinala Lois Pérez do STEG. “Entendemos que para evitar riscos o básico sería reducir o número de alumnos por aula”. Isto volve levarnos aos desdobres que, segundo Suso Bermello de CIG-Ensino, “foron positivos, houbo diminución de expedientes disciplinarios e tamén un aumento na promoción do alumnado”. Mais indo á situación sanitaria, Bermello sinala casos onde “os centros tiveron que formarse por si mesmos cos EPIs que lles enviaban”. É dicir, non había formación en seguridade por parte da Xunta.

Desde UGT, Sandra Montero entende que as autoridades galegas “están a eludir moitas das súas responsabilidades poñendo o punto de mira nos responsables sanitarios”.  Ademais apunta que para isto, a Xunta está apoiándose na autonomía da dirección dos centros para deixar ver que “os centros son os responsables de xestionar a dispoñibilidade de material de protección fronte ao coronavirus”.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no pleno. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no pleno. XUNTA

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no tocante aos efectos da COVID para o vindeiro curso, este departamento indicou a Galicia Confidencial que se enviaron dúas cartas, unha á ministra de Sanidade e outra á de Educación encamiñadas a planificar o período 2021-2022. Neste sentido piden a convocatoria do Consello Interterritorial de Saúde e da Conferencia Nacional de Educación. “Cremos que é totalmente necesario coñecer con certeza o marco de actuacións que teremos que afrontar as comunidades, e partimos dunha posición de colaboración leal co Executivo central á hora de abordar este asunto”.


ALUMNADO E FORMACIÓN

Un aspecto xa apuntado como é o do rateo, número de alumnos por educador, é unha das cuestións pendentes desde hai tempo nos centros educativos. Coa chegada da pandemia, as autoridades autonómicas entenderon, “tarde” segundo as fontes consultadas, que diminuír o número de alumnos permitiría melloras importantes no tocante á calidade do ensino e de aprendizaxe, con maior atención por parte do profesorado.

“O número de estudantes por aula en secundaria rebaixouse e aínda así, non se fixo ningún estudo sobre se foi positivo ou negativo” sinala Lacaci. Os desdobres de alumnos, por outra parte, permitiron a contratación de máis persoal docente. Suso Bermello apunta que aproximadamente “o incremento de postos puido estar en 1.300 novas contratacións, algo máis de 140 foron para primaria”. De manterse para o vindeiro ciclo educativo as mesmas cifras de contratacións, podería observarse, segundo os sindicatos, unha mellor calidade no ensino. Como apunta Bermello “cos desdobres os expedientes disciplinarios baixaron e logo, houbo máis alumnado que puido promocionar”.

Se fosen certos os temores a unha volta aos números pre-COVID, para Lois Pérez “haberá un deterioro importante na calidade do ensino público e iso pode traducirse nun trasvase a centros concertados”. E outra consecuencia desa hipotética “volta atrás” sería a “falta de atención cara o alumnado que máis o precisa”, como serían quen repita curso ou necesite dunha atención máis especializada.

Noutra orde de cousas, a formación online do alumnado “non está organizada a día de hoxe, nin o teletraballo” di Luz López. Nese sentido, desde ANPAs ven que a formación do profesorado en canto novas tecnoloxías “é unha broma pois moitos se formaron pola súa conta mediante tutoriais”. En canto a programas como E-Dixgal, Suso Bermello sinala que “non hai ningunha avaliación sobre este punto, simplemente fan unha substitución do libro en papel por un computador”.

Sandra Montero é optimista en canto o programa E-Dixgal aínda que depende moito dos recursos materiais e persoais dos centros. Sobre o Plan de Ensino Virtual, “insistimos na nosa defensa do ensino presencial ante o virtual polas dificultades en situacións concretas e que son difíciles de paliar”. Os medios dispoñibles para a súa distribución en función das necesidades do alumnado “son moi escasos polo que se traduce nun empeoramento da calidade do ensino, que se é online é un bo complemento do presencial pero non un substituto”.

A Consellería de Educación pola súa parte que E-Dixgal está dentro da estratexia Edudixital 2030. Este é un intento de que a dixitalización entre de maneira completa no ensino e o seu obxectivo é “integrar equipamentos, contidos e adquirir competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas)”. Todo isto de cara a incorporar a Intelixencia Artificial en todos os niveis educativos, deseñar estratexias docentes e introducir novas técnicas de pedagoxía.

As conclusións que permiten enxergar algúns puntos do curso 2021-2022 son a necesidade de manter baixos os rateos de alumnado. Os docentes poden ver rebaixado o seu número en canto Educación vexa que "todo volve ao rego" e máis de 1.000 persoas quedarían sen traballo. A formación tanto do alumnado como profesorado coas TIC evidenciou falta de concreción en programas formativos e a fenda dixital na sociedade. Existe por outra parte, unha sensación de que a Xunta descarga responsabilidades tanto en centros como no Goberno central, cando "ten o 100% das competencias" como sinalan desde o STEG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta