Feijóo enxalza o proxecto do pazo de Quián como o "modelo a escala" da Galicia rural "ordenada"

Presentado o proxecto para convertelo no Centro de Promoción e Imaxe dos productos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/06/2021 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou o proxecto seleccionado para a reconfiguración do Pazo de Quián --en Sergude, Boqueixón (A Coruña)--, que se converterá no 'Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas' para reflectir o "modelo a escala" da Galicia rural "ordenada, con produtos agroalimentarios de calidade e cun palntexamento forestal a curto e longo prazo".

Presentación do proxecto que converterá o Pazo de Quián, en Sergude, no Centro de Promoción e Imaxe dos productos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia
Presentación do proxecto que converterá o Pazo de Quián, en Sergude, no Centro de Promoción e Imaxe dos productos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia | Fonte: Xunta de Galicia.

O mandatario autonómico participou este mércores na presentación do proxecto 'Buxo', desenvolvido por Jorge Salgado, Celso López, Magdalena Arousa Portela e César Portela e que resultou vencedor do concurso de ideas para reconverter este pazo situado na comarca de Santiago.

A reconfiguración do pazo de Quián de Sergude suporá un investimento de 4 millóns de euros para a posta en marcha deste centro, que comezará coa reforma do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, onde 130 estudantes cursan ciclos formativos relacionados co ámbito rural.

Ademais, a actuación tamén contempla a habilitación dunha residencia de estudantes con capacidade para medio centenar de alumnos. Así mesmo, os xardíns o pazo converteranse nun espazo lúdico, onde as 100 hectáreas que o compoñen acollerán unha representación da Galicia rural.

Outra das actuacións será a construción dun edificio sobre a Cruz do Naveiro que, bautizada como 'O Castro', servirá de escaparate para os produtos galegos; á vez que se instalará un centro temático enfocado a que os cociñeiros de Galicia desenvolvan as súas ideas.

Isto verase completado cunha granxa de vacún que acollerá todas as razas galegas autóctonas e instalacións dedicadas a cabalos, porcos, cabras, ovellas e galiñas.

No ámbito da agricultura, haberá tres zonas diferenciadas por tipos de cultivo (horta, cereais e viñedos), mentres que tamén haberá espazo para o sector forestal cun parque que acollerá diversas especies e unha zona de pastos.

Todo iso co obxectivo de que o complexo alcance o "balance cero enerxético" grazas á aposta pola implantación de enerxías renovables.

En resumo, Núñez Feijóo destacou que Quián será "un escaparate" das potencialidades e características de Galicia. "Estamos a falar dun modelo a escala da Galicia rural na que cremos: ordenada, con produtos agroalimentarios de calidade e cun plantexamento forestal a curto e longo prazo", remarcou o presidente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta