Morre un operario tras caer co camión por unha pendente de 500m nunha canteira en Carballeda de Valdeorras

O sinistro tivo lugar ás 00,30 horas deste xoves.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 24/06/2021 | Actualizada ás 09:36

Comparte esta noticia

Un traballador faleceu na madrugada deste xoves despois de precipitarse o camión que manexaba por un desnivel nunha canteira no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras.
Segundo informou o 112 Galicia, un particular chamou sobre as 00,30 horas para alertar de que acababa de escoitar un "forte estrondo" e viu caer un camión pola pendente dunha canteira, no lugar de Castrelos, parroquia de Casaio.

Tras iso, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia facilitáronlle os datos aos Bombeiros e ao GES de Valdeorras, á Garda Civil e aos servizos sanitarios.

Unha vez no lugar, os membros do GES confirmáronlle ao 112 que se trataba dunha zona de moi difícil acceso, ao ser unha pendente dunha canteira duns 500 metros de altura, indicaron as mesmas fontes de emerxencias. Os medios de intervención traballaron no punto varias horas, pero debido ao perigo do lugar e ao risco de desprendementos, tiveron que parar e renovar as tarefas ao amencer.

CORPO LOCALIZADO

Así, á primeira hora da mañá deste xoves, os Bombeiros de Valdeorras confirmaron a localización do corpo do traballador, polo que nada se puido facer por salvarlle a vida.

A causa do complicado acceso ata a zona do suceso, por parte do 112 Galicia tamén se informou a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, por se fose necesaria a mobilización dun helicóptero de rescate. No lugar, os medios continúan os labores para conseguir efectuar o rescate da vítima.

Canteira
Canteira | Fonte: Focus Piedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta