A USC participa na primeira detección da fusión dun buraco negro e unha estrela de neutróns

Investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías traballan no achado

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2021 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Igfae), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), participa na primeira detección de dous raros eventos ata agora nunca observados, ocorridos en apenas 10 días de diferenza en xaneiro de 2020: a colisión entre un buraco negro e unha estrela de neutróns.

Estes eventos extremos "engurraron" o espazo, o que produciu ondas gravitacionais que tardaron, polo menos, 900 millóns de anos luz ata chegar á Terra. En cada caso, a estrela de neutróns foi probablemente devorada polo seu compañeiro, o buraco negro.

Segundo informa o Igafe nun comunicado, as ondas gravitacionais son perturbacións na curvatura do espazo-tempo creadas por obxectos masivos en movemento. Durante os cinco anos transcorridos desde que se mediron por primeira vez --achado que levou ao Premio Nobel de Física de 2017-- identificáronse máis de 50 sinais de ondas gravitacionais procedentes da fusión de pares de buracos negros e de pares de estrelas de neutróns.

Tanto os buracos negros como as estrelas de neutróns son os cadáveres de estrelas masivas, aínda que os buracos negros son aínda máis masivos que as estrelas de neutróns.

As ondas gravitacionais foron detectadas polo Observatorio de Ondas Gravitacionais do Interferómetro Láser (LIGO) da National Science Foundation (NSF), en Estados Unidos, e polo detector Virgo, en Italia. Thomas Dent é o investigador do Igfae coordinador do programa de ondas gravitacionais e Juan Calderón Bustillo é investigador da Caixa Junior Leader, do mesmo programa, que participaron neste achado.

OBSERVACIÓNS

A primeira fusión, detectada o 5 de xaneiro de 2020, involucrou a un buraco negro dunhas nove veces a masa do noso sol e a unha estrela de neutróns de 1,9 masas solares.

A segunda fusión detectouse o 15 de xaneiro e nela participaron un buraco negro de seis masas solares e unha estrela de neutróns de 1,5 masas solares.

PUBLICACIÓN

Os resultados publícanse este martes, 29 de xuño, en The Astrophysical Journal Letters. Os astrónomos levan décadas buscando estrelas de neutróns que orbiten ao redor de buracos negros na Vía Láctea, pero non atoparon ningunha ata agora.

"Con este novo descubrimento de fusións de estrelas de neutróns e buracos negros fóra da nosa galaxia, atopamos o tipo de sistema binario que faltaba. Por fin podemos empezar a entender cantos destes sistemas existen, con que frecuencia se fusionan e por que non vemos aínda exemplos na Vía Láctea", afirma Astrid Lamberts, investigadora do CNRS no Observatorio da Costa Azul, en Niza (Francia).

"Coa nosa sensibilidade actual non podemos identificar realmente os detalles sutís do sinal que nos permiten saber se estamos a presenciar buracos negros ou estrelas de neutróns", afirma Juan Calderón Bustillo, investigador no Igfae.

"Con todo, tendo en conta as masas que esperamos que teñan os buracos negros e as estrelas de neutróns, concluímos que os obxectos máis pequenos implicados nestas colisións son probablemente estrelas de neutróns", agrega.

Sobre o segundo evento, Thomas Dent apunta: "Como os tres instrumentos observaron este evento, puidemos excluír con moita máis precisión unha orixe de ruído terrestre: o método de procura PyCBC, desenvolvido no Igafae, descarta unha taxa de falsas alarmas superior a un por cada 50.000 anos".

Thomas Dent  e Juan Calderón Bustillo, do Igfae. IGFAE
Thomas Dent e Juan Calderón Bustillo, do Igfae. IGFAE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta