Vítimas de Angrois, satisfeitas pola apertura de xuízo oral, lamentan: "unha xustiza lenta non é xustiza"

Mostran o seu "rexeitamento e indignación" polo nomeamento de Pardo de Vera como número dous do ministerio cando se cumpren oito anos do accidente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois  en xullo de 2013 mostrou satisfacción pola apertura de xuízo oral ao maquinista e ao exdirector de Seguridade de Adif, pero lamenta que "unha xustiza lenta non é xustiza".

Cando están a piques de cumprirse oito anos do sinistro no que morreron 80 persoas e máis de 140 resultaron feridas, a asociación espera que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) "cumpra coa súa palabra" e o xuízo se celebre no primeiro trimestre de 2022.

"Oito anos son moitos anos, unha xustiza lenta non é xustiza; algunhas vítimas e familiares xa faleceron e non se lles poderá facer xustiza", advirte.

Ademais, en calquera caso, apunta a que quedan por dilucidar as responsabilidades políticas e técnicas. Para o primeiro, a plataforma sempre reivindicou unha comisión de investigación no Congreso, que se creou pero non chegou a elaborar unhas conclusións debido á disolución das Cortes.

En canto ás responsabilidades técnicas, continúa esixindo que se elabore unha investigación independente que substitúa á única oficial redactada polo momento, a da CIAF (o organismo adscrito ao ministerio encargado de investigar accidentes ferroviarios), que apunta só ao descoido do maquinista.

NOMEAMENTO DE PARDO DE VERA

Precisamente en relación con isto, a plataforma tamén manifesta este mércores o seu "rexeitamento e indignación" polo nomeamento da ata agora presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, como número dous do Ministerio de Transportes.

Respecto diso, lembran as vítimas que mantiveron unha reunión con ela en 2019 e solicitáronlle "que publicamente esixise que se levara a cabo esta nova investigación", pero critican que "non o fixo".

"A seguridade da cidadanía, 80 mortos e máis de 140 feridos na traxedia ferroviaria máis grave da democracia merecían unha resposta ás nosas xustas reivindicacións", reivindican.

Como máxima responsable de Adif "estaba nas súas mans investigar", inciden. Con todo, consideran que "optou polo camiño máis fácil e indigno" e por iso mostran o seu "rexeitamento e indignación" ao nomeamento, que ven "unha auténtica burla e unha falta de respecto á memoria dos falecidos, ás súas familias, a todas as vítimas do accidente e a todos os cidadáns".

Vítimas do accidente do Alvia de 2013 antes de manifestarse no sétimo aniversario do sinistro
Vítimas do accidente do Alvia de 2013 antes de manifestarse no sétimo aniversario do sinistro | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Semella que os altos cargos só están para cobrar, en canto cheiran a mínima responsabilidade penal desaparecen do mapa... Claro que os que decidiron manter a curva da Grandeira para aforrar custes e poder inaugurar a liña de velocidade alta antes das eleccións foron premiados con 5 anos en Bruxelas e agora dirixen unha Consultora que levará boa parte dos Fondos de Reconstrucción da UE ! Algún sabe de todo https://youtu.be/pAt39plgwoc?t=53s Pero na Comisión de Investigación NON SABE NADA ! https://youtu.be/1qSxOTdJfno?t=57m4... As vítimas reclaman xustiza! https://youtu.be/y9Hdo9RfdFw