Máis de 50 actividades culturais encherán as rúas de Santiago a pesar da covid

O Festival C conta cunha progrmación cultural para todo tipo de públicos dende o 2 ao 28 de agosto.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2021 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

O Festival C trae a Santiago de Compostela un total de 57 actividades culturais. Teatro, danza, contacontos, circo, poesía... encherán espazos singulares da cidade para poñer diálogo creacións artísticas contemporáneas co patrimonio cultural, artístico e histórico da capital galega. 

Espectáculo A Xente 2.0 de Pérez+Disla
Espectáculo A Xente 2.0 de Pérez+Disla | Fonte: Compostela Cultura

Dende o 2 ata o 28 de agosto o Festival C lugares como o Parque de Bonaval, a Praza de Cervantes ou a Praza da Quintana acollerán un amplo programa cultural destinado a público de todas as idades. A axenda, presentada o mércores 28 de xullo na Casa do Concello de Santiago, xa se pode consultar a través da páxina web de Compsotela Cultura

Un ciclo de cinema romano, un concerto do organista galego Fernando Buide, obradoiros de Circonove para os máis pequenos ou a exposición son só algunhas das actividades que se ofertarán durante o mes de agosto. 

Na presentación do programa, destacaron a inauguración o vindeiro día 4 de agosto da exposición Ruxe Ruxe 1996-2021: 25 anos de Universo Gráfico no Espazo C ou o espectáculo Xente 2.0 de Pérez + Disla, da man de María Vázquez e Víctor Duplá, da compañía Amorodos Producións. O director-xerente do auditorio de Galicia, Xaquín López, invitou a gozar no Teatro Principal desta "proposta singular cunha montaxe moi próxima" 

O Festival C "ten como obxectivo aglutinar as actividades culturais do mes de agosto baixo unha mesma marca", como explicou na Xaquín López, quen matizou que "era unha idea que viña roldando dende xa fai tempo". A pandemia apresurou a súa organización, sendo a primeira edición do festival no pasado ano.

Este ano o número de actividades é maior, seguindo en todo caso as medidas sanitarias. Con respecto a isto, a concelleira de Acción Cultura, Meredes Rosón, lembrou que os aforos son limitados, tamén polas características propias de cada actividade. Ademais, a maioría delas realizaranse en espazos abertos. 

As entradas para todas as actividades pódense adquirir a través da páxina web de Compostela Cultura ou presencialmente no Espazo C. Sobre este novo espazo, Rosón destacou a boa acollida que tivo dende a súa inauguración, o pasado 17 de maio. O edificio de Praza de Cervantes, antiga Casa do Concello, está agora aberto ao público, acolle exposicións e funciona como billeteira. A historia de máis de 4 décadas do edificio proxectarase durante o mes de agosto na fachada, a través dun videomaping que, aseguran, "sorprenderá".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta