Escrivá pide "empatía" aos empresarios para a suba do salario mínimo

Nadia Calviño rexeita instaurar un SMI "por territorios": "non nos parece unha decisión sabia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2021 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, afirmou este mércores que o impacto que ten sobre o emprego unha subida do salario mínimo interprofesional (SMI) que o sitúe en niveis "razoables e sensatos" é "pequeno e relativamente moderado".

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá. Ricardo Rubio - Europa Press
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá. Ricardo Rubio - Europa Press | Fonte: Europa Press


"(A subida do SMI) pode afectar nalgúns sectores e xeografías de maneira limitada. Un non pode deseñar unha política económica que beneficie a todos completamente. Sempre hai elixir e, na elección, o efecto agregado de redistribución de renda claramente excede os custos pequenos que poida ter sobre o emprego cando un se manexa en niveis de salarios mínimos razoables", defendeu.

Escrivá, en declaracións á cadea Cope recollidas por Europa Press, subliñou que hai consenso entre os economistas de que é necesario ter salarios mínimos para evitar que se produza unha "enorme dispersión" salarial dado o efecto de redistribución de renda que ten o SMI.

E como o SMI pode ter efectos "limitados" sobre o emprego dalgúns colectivos, como os mozos dalgúns sectores e territorios, o que debe facerse, segundo Escrivá, é establecer políticas paralelas para axudarlles, por exemplo no ámbito da formación.

Respecto da negativa da CEOE a apoiar no momento actual unha subida "moderada" do SMI, Escrivá apelou á "sensibilidade e empatía" dos empresarios para que a apoien despois de "todo o esforzo" que puxo o Goberno nos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) e nas axudas directas ás empresas.

NADIA CALVIÑO CONFÍA NUN ACORDO

A vicepresindeta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, espera que finalmente se logre un acordo cos axentes sociais para subir o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) este ano e mostrou o seu rexeitamento a establecer distintos salarios mínimos en función do territorio.

"Parécenos que non sería unha decisión sabia empezar a discriminar por territorios. Esa suxestión non o apoio", sinalou a vicepresidenta nunha entrevista en Onda Cero, recollida por Europa Press.

Aínda que Calviño apuntou que existen países que teñen salarios mínimos diferentes por idades ou por sectores, a vicepresidenta asegurou que esta aproximación "non é a adecuada" en España. "Nun país como o noso, que ten diverxencias territoriais tan importantes e problemas co reto demográfico e de despoboamento en parte do territorio, parécenos que non sería unha decisión sabia empezar a discriminar por territorios", remarcou.

A pesar disto, Calviño asegurou que o Goberno vai seguir traballando intensamente cos sindicatos e a patronal para que haxa acordo e apuntou que os cidadáns non entenderían que desde o mundo empresarial non haxa "ningún tipo de sensibilidade" coa necesidade de mellorar as condicións dos traballadores que teñen os salarios máis baixos, sobre todo cando en setembro tamén se terá que decidir que facer co Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) e a prestación dos autónomos, cuxos prazos finalizan o 30 deste mes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta