Sinistralidade na construción, unha eiva difícil de superar

Os últimos datos sobre sinistralidade laboral en Galicia falaban de case 50.000 accidentes durante a xornada de traballo, a maioría na construción. Os sindicatos coinciden en que falta formación no sector como un dos elementos clave para evitar a accidentalidade. Detrás da escasa formación e do tamén do baixo relevo xeracional, pode estar a contratación de persoal transfronteirizo ou as horas extraordinarias non contabilizadas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A construción foi o sector máis dinámico antes da crise de 2008, absorbendo unha parte moi importante da man de obra en Galicia. Coa crise da burbulla inmobiliaria as obras pararon en seco e o sector viuse moi afectado, cousa que influiu nas contratacións e nas condicións laborais. Mesmo se chegou a recorrer ás horas extraordinarias (prohibidas salvo que se fagan de maneira voluntaria) incluíndo obra pública, segundo os sindicatos. Dentro do que é o sector privado, o labor de prevención ou de inspección é complicado pois estaríase a falar de empresas familiares onde o seguemento das medidas de seguridade e a prevención son difíciles de aplicar. Logo da pandemia e o freo que trouxo para toda a economía, o sector da construción está volvendo a recuperar actividade a paso lento. Trae isto unha redución da sinistralidade laboral?

Alumnos da Fundación Laboral de la Construción.
Alumnos da Fundación Laboral de la Construción.

ALGÚNS DATOS

Jesús Fernández, de CCOO, sinala con datos da Fundación Laboral da Construción, que a sinistralidade en Galicia no sector até abril de 2021 deu un total de 1.123 accidentes laborais, isto é un 4.5% máis que en 2020. Pola súa parte, o índice de incidencia subiu un 3,5%, por tanto a gravidade dos accidentes aumentou en comparación co ano pasado. Se até o día de hoxe foron 49.000 galegos e galegas que sufriron accidentes laborais, un número moi importante deles foron no sector da construción.

“A porcentaxe de accidentes na construción segue sendo elevadísimo” di Javier Carreiro, da UGT. “Debemos ter en conta que antes da crise de 2008 había 80.000 traballadores na construción” o que sinalaba unha maior porcentaxe de accidentes. “Agora mesmo hai 51.961 traballadores en réxime xeral mentres que autónomos andan sobre os 27.400” di Fernández.  “Os accidentes laborais son unha mostra do fracaso das medidas inspectoras, sobre todo porque non  hai recursos e persoal abondo para chegar a todas partes” di Plácido Valencia da CIG. “A maioría das empresas da construción son pequenas e nestas é moi difícil controlar que se cumpran as medidas de seguridade”.

Adela Quinzá-Torroja, directora do Instituto Galego para a Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), a actividade deste organismo é a de observación e cumprimento das normas de seguridade e coordinación. “En caso de que non se cumpra por parte da empresa, o ISSGA envía a Inspección de Traballo da Seguridade Social un informe para que abra un expediente máis a sanción correspondente”, por tanto as competencias sancionadoras son do Estado.

Edificio en construción - Arquivo
Edificio en construción - Arquivo

A pesar de apuntar a pouca inspección sobre empresas pequenas, a obra pública parece levar unha carga importante dentro dos accidentes laborais, mesmo con resultado de morte. “Gran parte da construción é obra pública, como por exemplo as obras do AVE onde houbo denuncias” sinala Valencia. Javier Carreiro apunta no mesmo sentido cando sinala “dentro das obras do AVE están os casos máis destacados, onde mesmo houbo mortes”. Desde CCOO obreiras apuntan que a maioría da sinistralidade en obra pública dáse nas subcontratas porque “as grandes empresas que logo van subcontratando só teñen persoal técnico, os traballos son fragmentados en diferentes empresas”.

CAUSAS

Adela Quinzá sinala que “un dos nosos principais obxectivos é a coordinación entre diferentes accións dentro dunha obra”. Dentro das obras, sobre todo grandes obras públicas, as empresas principais e as subcontratas teñen cada unha as súas especialidades, por tanto é necesario coordinar todo o enxamio de traballadores e sociedades implicadas. “Unha persoa pode coñecer integramente todos os condicionantes dentro da súa empresa mais non coñece os condicionantes das empresas coas que comparte obra”. Quinzá sinala que “dentro da grande obra as empresas principais e as subcontratas unha serie de obrigas en canto a coordinación e isto reflíctese no descenso de sinistralidade”.

A falta de coordinación sería un factor máis detrás da sinistralidade, mais a coordinación é froito das diferentes subcontratacións realizadas dentro dun mesmo espazo. “Cando se subcontrata é para ter beneficios, escatiman en seguridade porque nas poxas para acceder á obra van á baixa” sinala Javier Carreiro. “As grandes empresas non teñen tantos accidentes porque só aportan persoal técnico na maioría dos casos, mais en desmonte, montaxe, soldadura e outros traballos aí é onde entras as empresas subcontratadas” di Jesús Fernández.

“As grandes empresas subcontratan a outras empresas que logo volven subcontratar a outras e desta maneira aumenta a precarización laboral” explica Plácido Valencia. A precarización laboral resultaría do aumento de horarios laborais, “quen entra a traballar na construción sabe que mínimo vai facer nove horas por día” di Valencia. E non só os horarios excesivos que esgotan os traballadores e traballadoras, outra das grandes eivas é a falta de formación.

“Agora mesmo en Galicia farían falta 6.000 persoas formadas no sector, profesionais que non hai porque non se produciu un relevo xeracional” di Javier Carreiro. “O convenio laboral é dos mellores, a Fundación Laboral e sindicatos formamos xente, non obstante deben ser máis atractivos outros sectores”. “Historicamente este é un traballo visto con xornadas desde a mañá á noite, non se sabía a que hora ías saír” di Jesús Fernández, que considera necesario “facer como outros sectores, ir polos centros de ensino e mostrar unha imaxe máis atractiva da construción”.

“As condicións en moitos lugares son draconianas, porque os empresarios presionan coa súa autoridade e por exemplo, dan vacacións cando queren eles, os días de convenio métenos nas vacacións e as horas extras páganas ou non” di Plácido Valencia. Se as cousas pintan así, para moitos non é estraño que exista unha forte desincentivación de cara a fornecer de man de obra un sector que foi o motor económico principal en todo o Estado durante moitos anos.

A escasa formación, a falta de coordinación entre empresas sobre todo en obra pública, falta de relevo xeracional, accidentes por maquinaria pesada dentro do traballo, maior precariedade canto maior é a subcontratación, e tamén ás veces a falta de compromiso do e da traballadora, fomentan os accidentes laborais na construción.


Construción de vivendas. A XUNTA
Construción de vivendas. A XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta