Feijóo reivindica o "fermosismo galego" co incremento nas contas do 53% en protección da paisaxe

Afirma que a Administración autonómica seguirá comprometida cunha Galicia verde e azul.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2021 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este mércores o compromiso do Goberno co 'fermosismo' galego a través os orzamentos da comunidade para 2022, que incrementan un 53 por cento a achega para a protección da paisaxe e que pasa dos 3,6 aos 5,6 millóns do próximo exercicio.

Durante o acto de entrega das Bandeiras Verdes 2021, Feijóo afirmou que a Administración autonómica seguirá comprometida cunha Galicia verde e azul, a través da protección do medio ambiente, da loita fronte ao cambio climático, coa eficiencia enerxética e coa xestión de residuos.

Un compromiso que estendeu aos concellos de Alfoz, Curtis, Moaña, Mondoñedo, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porto do Son e Sober que, en conxunto, presentaron preto de 150 accións que conseguiron a puntuación esixida para recibir este distintivo, que constitúe un mérito para os efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural. Estas iniciativas estaban destinadas á protección do medio ambiente, a ordenación do territorio, a loita fronte ao cambio climático, a eficiencia enerxética ou a xestión dos residuos.

"E seguiremos destinando recursos para seguir practicando o 'fermosismo' galego", aseverou, destacando ademais as axudas para a loita contra os impactos paisaxísticos, que este ano chegaron a preto de 450 particulares, para os que houbo que ampliar o orzamento ata chegar aos 1,2 millóns de euros

Doutra banda, incidiu en que a Estratexia da Paisaxe contará, dentro da contía total, cun millón de euros en 2022 para continuar coa elaboración de guías de boas prácticas, que xa son 11 e que sumarán a de instalacións portuarias, a de cartelaría ou a de parques empresariais.

Acto de entrega de Bandeiras Verdes 2021. XUNTA
Acto de entrega de Bandeiras Verdes 2021. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta