Dezanove anos despois do Prestige: cando outra marea negra é posible e a branca, menos probable

Hoxe hai 19 anos que o petroleiro se partiu pola metade logo dun rocambolesco periplo. Hoxe a xestión os accidentes non mudou, seguen a estar en mans políticas e non técnicas, pero si mudou a sociedade.

Por Alicia Casas | Compostela | 19/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Estiman que 55.000 galegos, 60.000 cidadáns do resto do Estdo e 1.000 cidadáns do estranxeiro acudiron a limpar as decenas de miles de toneladas de chapapote que asolagaron a costa galega hai xa dezanove anos. Hoxe os efectos da maior catástrofe ecolóxica de Galicia aínda poden verse por baixo da area nas praias da Costa da Morte. Pero tamén se deixa ver por veces a bandeira deseñada por Xosé María Torné nas xanelas dos coches e dos fogares ou nas protestas que percorren as rúas.

Fonte: Unha gran Burla Negra
Fonte: Unha gran Burla Negra

As bandeiras do 'Nunca Máis', xunto aos berros, remiten tamén aos pobos mariñeiros que se viron desbordados para atender ás xentes que acudían a extraer a marea negra da costa afectada. Aos pavillóns convertidos en hoteis e ás doazóns de comida. Unha situación excepcional capaz de disolver o individualismo en favor da comunidade. Paraísos construídos no inferno, escribiu Rebecca Solnit para referirse aos fenómenos solidarios que xorden no medio das catástrofes.

A indignación e a rabia fronte a nefasta xestión do accidente materializouse na histórica manifestación do 2 de decembro en Santiago de Compostela e chegou nunha enorme marcha a Madrid para esixir xustiza e reparación. A plataforma 'Nunca Máis' agrupou 365 organizacións que se manifestaban non só con pancartas. Puxéronse a traballar creadores escénicos, actores, activistas, músicos e artistas plásticos. Houbo cruces en Riazor, maletas que encheron as rúas, cadeas de escolares que abarcaron as praias... Mobilizacións solidarias que foron ademais mobilizacións creativas.

'Nunca Máis' mesmo tivo unha organización propia de artistas, a 'Plataforma Contra a Burla Negra', que entre outras accións organizou máis de 200 concertos nun só día ou, vestíndose de negro, simulou ser petróleo adherido aos edificios da capital galega. Cando no 2018 naceu 'Unha gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige' o propósito era abrir unha reflexión cidadá do desastre e das mobilizacións populares a partir do inventario, estudo e exposición do seu arquivo cultural. Da "morea de pezas artísticas, poemas, imaxes, músicas, textos e intervencións, anónimas ou non, que desbordaron rúas e medios naqueles meses e que o colectivo Burla Negra soubo representar e promover dun xeito viral".

O proxecto puña o foco no que supuxo a catástrofe como mobilización cidadá e creativa, algo que segundo Daniel L. Abel, integrante da iniciativa, non estaba historiado. "O problema que tivemos é que nós eramos un equipo pequeno de tres ou catro persoas, aínda que logo contamos con algunhas colaboracións, que se enfrontaba a algo moi grande", relata. Cando comezaron hai tres anos, explica, fixeron unha busca ampla de apoios por parte das institucións e organizáronse exposicións. Lembra que nunha delas na Coruña mesmo chegou a participar xente que estivera na Burla Negra pero logo dun tempo "supoño que pasou o ciclo de interese e nós centrámonos nun perfil máis baixo, en traballar máis o arquivo, aínda que sempre fixemos actividades".

Agora unha selección dese arquivo poderá visitarse no Museo Reino Sofía. Inaugurarase o 26 de novembro nunha sala na que o 'Nunca Máis' compartirá espazo con outras protestas. O convite para participar chegoulles en maio deste ano e a proposta nace da intención do museo de reformular a exposición permanente. "Parten do levantamento de Chiapas, das mobilizacións antiglobalización de finais dos 90, e chegan ata o 15M. Unha persoa coñecía o noso proxecto e propuxéronolo porque consideraban que o 'Nunca Máis' entraba nese ciclo", conta.

Preguntado polos antecedentes ao movemento cidadán que espertou a marea negra, opina Daniel L. Abel que ademais de estar claros, comezan a estar ben tratados polos historiadores. Na mobilización das Encrobas, logo na de Baldaio, e sobre todo contra a central nuclear de Xove, houbo un enfoque ecoloxista que incorporoba elementos creativos ás reivindicacións. "De feito o antecendente máis claro son as pequenas mobilizacións cando a anterior marea negra, a do mar Exeo. Houbo tamén unha convocatoria de manifestación coa lema de 'Nunca Máis' convocada por unha organización que logo se integrou en Adega", sinala.

Ao tempo, incide en que nunca a ese nivel: "no momento do Prestige, toda esa xente que estivera nas protestas do 93 e tamén antes, entende enseguida que iso era outra cousa. Había unha consciencia transversal a toda a sociedade galega de que as cousas se estiveran facendo mal". E había xente traballando por facer da crispación algo máis.

OUTRO INFERNO, MÁIS PARAÍSOS?

Dezanove anos despois da maior catástrofe ecolóxica de Galicia hai asuntos que quedaron sen resolver. Entre eles está que non se teña designado de xeito oficial un gran porto refuxio en caso de novos accidentes. Tamén o feito de que Fisterra sexa un dos corredores máis transitados do mundo: o 70% do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia. Uns 40.000 barcos ao ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas ademais do propio combustible. Dende Ecoloxistas en Acción dan outro dato: oito dos 13 maiores accidentes con verteduras de petróleo nas últimas seis décadas producíronse na costa galega.

Daniel L. Abel apunta que nos encontros que organiza "Unha gran Burla Negra" teñen reflexionado sobre se sería posible outra catástrofe semellante, convidando a expertos a dar o seu punto de vista. Lembra cando o que fora perito no proceso xudicial do Prestige comentou que aínda que habería cousas que hoxe non poderían volver acontecer, a catástrofe podería suceder porque a xestión dos accidentes segue a estar en mans políticas.

Malia que sería complexo de entender que un ministro de Fomento madara de novo a pasear un barco sen solicitar os informes técnicos sobre a conveniencia da medida ("tan lonxe que tivemos que pór este papel para alongar o mapa", declaraba o entón delegado do Goberno), entra dentro do posible.

Posible tamén sería que de haber outro accidente que tornara en catástrofe, a resposta cidadá fora semellante, pero para Daniel L. Abel, menos probable: "por como funciona a imaxe, os símbolos e os medios de comunicación, a dinámica sería totalmente diferente. Non sei se máis grande ou máis pequena pero teríamos unha apreciación moi distinta". E argumenta que na altura do 2002 ninguén tiña teléfonos móbiles. Había presenza de fotógrafos "máis ou menos afeccionados ou profesionais" que fixeron un traballo de rexistro nalgúns casos para as súas coleccións particulares. "Hai moitas imaxes pero que tampouco circularon en exceso, hoxe non estou seguro de que imaxes ou símbolos sortearían todo ese ruído e esa saturación que temos", opina. O xurdimento doutra marea branca atoparíase segundo Daniel L. Abel con outra dificultade, a precariedade:

"Tampouco creo que teñamos agora a posibilidade que tiña daquela a xuventude, por exemplo, de ir limpar o chapapote. Foron centos de miles de persoas as que se achegaron á costa e moitos eran traballadores que pedían unha semana libre e viñan aquí a limpar. Hoxe en día iso non sería posible. En parte pola situación precaria xeralizada da mocidade e tamén pola falta de seguridade das propias empresas para decidir 'non, esta semana témola libre, imos todos a limpar chapapote'. Iso hoxe sería complicado. E os medios de comunicación non teño claro como xestionarían a situación... están tamén nunha situación diferente".

N.E.V.E.R.M.O.R.E

Amais a inauguración do día 26 no Museo Reina Sofía na que se poderá ver unha seleción do arquivo de 'Unha gran Burla Negra', o proxecto colaborará o día 5 de decembro con Chévere en Corcubión. Ese día a peza teatral 'N.E.V.E.R.M.O.R.E', escrita e dirixida por Xesús Ron e na que colaborou 'Unha gran Burla Negra' no proceso de documentación sobre todo na recollida da memoria oral, transformarase para facer partícipe á xente que viviu todo aquilo.

NEVERMORE pódese referir tanto a corvos que falan como a pobos que berran- en palabras de Xesús Ron. O corvo de Poe achegábase a el nunha noite de tormenta para susurralle que "nunca, nunca máis" podería volver ver a súa amada Beatriz, o corvo galego berraba no 2002 que "nunca, nunca máis" unha noite de tormenta podería acabar en todo aquilo: en tantas mentiras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta