Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2022 | Actualizada ás 22:15
O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ( MITECO) e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), aprobou a actualización do real decreto sobre contaminación producida por nitratos, unha norma definida como "chave" para reducir os problemas deste tipo de contaminación nas masas de auga e alcanzar os obxectivos ambientais sinalados pola lexislación nacional, fixados a través dos plans de conca, e a Unión Europea.
A actualización do real decreto prodúcese após a Comisión Europea decidise levar o pasado decembro ao Estado español ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea pola deficiente aplicación da directiva de nitratos; e no medio da polémica xerada mesmo dentro do propio Goberno debido ás declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón, sobre as macrogranxas nun medio británico.
A nova norma modifica e renova a lexislación española da Directiva europea relativa á protección das augas contra a contaminación producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias, aprobada inicialmente hai xa máis de 25 anos. A citada directiva impón aos Estados membros a obriga de identificar as augas afectadas por este tipo de contaminación, vixiando a concentración de nitratos a través de estacións de mostraxe. Tamén establece criterios para designar como zonas vulnerables as superficies cuxo drenaxe dea lugar á contaminación por nitratos e para poñer en funcionamento programas de actuación coordinados coas actividades agrarias.
Coa actualización do real decreto, A Limia previsiblemente será declarada como Zona Vulnerable a Nitratos, debido as reiteradas denuncias de contaminación por nitratos nos seus cursos fluviais. Galicia é, de feito, a única comunidade que non tan declarada ningunha zona vulnerable a nitratos. Dende o Goberno destacan: "Agárdase que tras a aprobación do real decreto se empecen a facer patentes os seus resultados, unha vez que as comunidades autónomas actualicen as súas zonas vulnerables e se reforcen os programas de seguimento!.
No comunicado difundido polo Goberno, recoñecen que "a pesar dos esforzos realizados, os resultados obtidos non conseguiron paliar os efectos deste tipo de contaminación. O alto contido en nitratos de ríos e acuíferos é un dos principais problemas existentes nas masas de auga de todo o país". En concreto, sinalan que afecta en España a un 22% das masas de auga superficial e ao 23% das masas de auga subterráneas. Por iso, afirman, é preciso aumentar a ambición na normativa e "redobrar os esforzos para cumprir de forma eficaz cos compromisos nacionais e internacionais, de acordo coa experiencia adquirida nas últimas décadas".
NOVIDADES
A actualización do real decreto establece criterios máis ambiciosos que os actuais para identificar mellor as augas afectadas por nitratos e determina limiares máis esixentes para a declaración de augas afectadas e, consecuentemente, para a designación de zonas vulnerables.
A aplicación da nova norma conlevará un incremento de ata o 50% da superficie das zonas protexidas que se identificaron como vulnerables a este tipo de contaminación. Sobre elas, indican que se desenvolverán programas de actuación máis esixentes, incluíndo limitacións específicas sobre fertilización vinculadas ás que se regulen na planificación hidrolóxica.
A normativa tamén incrementa a densidade de estacións de control e aumenta o número e frecuencia das mostraxes nas augas para analizar o seu contido en nitróxeno e outros contaminantes asociados. Así mesmo, establece medidas adicionais e accións reforzadas para reverter a contaminación existente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.