FP dual, realmente é o camiño para garantir emprego á xente nova?

A Xunta anuciaba o pasado 29 de xaneiro a convocatoria de bolsas para FP Dual. O obxectivo é permitir o retorno de persoas emigradas e poidan ter un posto de traballo aquí. Terán resultados positivos no mercado laboral esas bolsas? Poderán retornar os mozos e mozas emigradas e establecerse de maneira permanente en Galicia?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia


A finais do pasado mes de xaneiro os departamentos de Emigración, Educación e Retorno da Xunta de Galicia, anunciaban a posibilidade de crear bolsas de FP Dual destinadas a persoas fóra de terrtorio galego con intencións de retonar. A Consellería de Cultura, Educación e Universidades declaraba "trátase de ofrecer unha oportunidade para o retorno dos galegos do exterior, así como tamén é unha oportunidade para Galicia, xa que aqueles que opten ás axudas traerán consigo unha experiencia laboral e formativa previa dos seus propios países".

Estudantes dun ciclo d FP
Estudantes dun ciclo d FP | Fonte: EP

FP DUAL, SOLUCIÓN OU PARCHE?

O sistema de FP dual buscaba en teoría a formación en empresas e non en centros educativos, de cara a futuras contratacións. “ A FP Dual non crea postos de traballo nin debera crealos, debe formar profesionais cualificados” sinala Maica Couto do sindicato educativo STEG. A conclusión do STEG é que “na FP Dual, tal como se concibe, o alumnado pasa a ser persoal da empresa, ocupan postos de traballo, non crean  postos”. É dicir, agora mesmo as persoas en formación terían un contrato de traballo cando antes era un de formación.

Tamén hai voces que sinalan á nova reforma laboral de favorecer os contratos mediante prácticas e formación. Este tipo de contratación “facilita prolongar o período de formación alongando o período de explotación” di Francisco González Sío da CIG. “Estas persoas reciben uns salarios reducidos porque están nas categorías laborais máis baixas ou só receben o 60% do que debera ser a paga correspondente na súa categoría”. Segundo González Sío, o uso deste tipo de contratacións baseadas na FP dual, débese á nova Ley de FP do Goberno central que se deseñou en decembro antes de aprobarse a reforma laboral do goberno Sánchez.

José Manuel Fuentes, de CC.OO, valora como pouco realista a idea da Xunta para a creación de bolsas de FP dual. Para Fuentes a FP dual en Galicia ten un problema estrutural, “carece de tecido empresarial de grandes empresas, aquí temos pemes que, unha vez rematada a fase de formación o máis frecuente é que non se contrate ao alumno”. De aí a conclusión de Fuentes “a proposta da Xunta non é unha solución realista para crear emprego e facilitar retorno de emigrados”.

A falta dun tecido e dun mercado laboral pouco dinámico e atractivo fai que Galicia presente unha “taxa de actividade seis puntos por debaixo da que se rexistra no resto do Estado, o que pon de manifesto esta situación”, como sinalan desde UGT-Galicia. Segundo os cálculos desta central sindical “entre o ano 2008 e o 2020 Galicia perdeu 108.300 mozos ocupados”. UGT valora positivamente as iniciativas encamiñadas a ofrecer novas oportunidades mais o que se lles ofreza aos mozos e mozas retornados “teñen que ser oportunidades que lles garantan un futuro laboral estable e con dereitos”.

CAMBIARÁ ALGO?

“Entendemos agora mesmo que a FP ten moita parte prácitca e as empresas están contentas mais non cremos que a nosa FP necesitara enviar alumnos directamente ás empresas” di Maica Couto. A membro do STEG destaca por outra parte a falta de información sobre as bolsas FP dual da Xunta. “Non sabemos como nin a quen lle outorgarán esas bolsas”. Á parte engade o temor, xa intuído hai tempo, de que en realidade este anuncio sexa unha mostra da creación de “chiringuitos que poden montarse en calquera lugar, pois calquera poderá crear o seu módulo de formación”.

Segundo o Plan Retorna da Xunta, volveron 10.000 persoas a Galicia. González Sío destaca que este retorno débese á crise da COVID “porque moitos quedaron sen traballo e volveron á casa dos pais”. O goberno galego estaría aproveitando unha coxuntura como a COVID para falar de retornados. “Esas persoas emigrarán outra vez porque aquí non hai maneira de crear postos de traballo fixos e dignos”.

José Manuel Fuentes apunta a dous puntos base para a proposta de FP da Xunta: “unha é propaganda política, dicir que hai retorno de emigración e aproveitar o actual sistema de FP que permite a privatización da FP” e coa perda de presenza das institucións educativas. Fuentes non ve a proposta da Xunta como unha solución, pois só tocará sectores moi concretos e persoas moi concretas. “En Galicia falta un estudo real sobre as saídas da FP no mercado laboral e non se fai ese estudo  porque a Consellería de Educación elude involucrarse nel”.

A escaseza de oportunidades no mercado laboral en relación ás necesidades do mesmo, fai que UGT cualifique os escasos postos de traballo como “precarios e pouco atractivos para avanzar nun proxecto vital de futuro digno”. Aínda así, apostan por medidas de incentivo para a empregabilidade de mozos e mozas para reactivar o tecido laboral.

As conclusións son dispares en canto a proposta da Xunta para as persoas retornadas e para a FP dual en toda a súa totalidade. As empresas disporán de man de obra a baixo custe, non hai tecido empresarial suficiente para absorber a xente formada e ademais, o existente é familiar e non abonda. Doutra parte, a coxuntura da COVID parece ter animado ao goberno galego a falar de retorno mentres as forzas sindicais falan dun retorno temporal, os que viñeron iranse nada máis se estabilicen as cousas.



Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta