Por GC Tendencias | Santiago | 02/05/2014 | Actualizada ás 12:56
Foi nun acto distendido no ghalpón do Abastos 2.0 en Santiago, a noite do pasado mércores 30. O equipo de Tendencias agradeceulle aos donos do local Iago Pazos e Marcos Cerqueiro por cederlles “este espazo tan chulo” así como ao resto do membros de Galicia Confidencial polo seu apoio. Foi moito traballo nas últimas semanas para realizar os cambios do novo Tendencias. O equipo quixo facer mención especial aos informáticos do GC, quen se encargaron de facer efectiva a transformación estética do GCTendencias, que resultara nunha páxina máis atractiva e clara. O produtor de GCTendencias, Xosé Gago, tamén expresou os agradecementos a Gadis, xa que o apoio deste e outros anunciantes son importantes para que GC máis Tendencias poidan seguir ofrecendo información independente e de calidade.
Unha información cultural independente e plural é a base do Tendencias, segundo dixo X.Gago: “A sociedade galega é plural e diversa e como medio cultural debemos reflexar esa diversidade.” Esa idea recalcouna logo a xornalista de GCTendencias Úrsula Neilson: “Todo pode ser cultura, dende literatura e teatro ata patrimonio, gastronomía, benestar…” As novas seccións de Tendencias son reflexo deste concepto aberto da cultura e pretenden dar cabida tamén a novos xéneros que se saen das clasificacións tradicionais da cultura, como poden ser as webseries, os blogs ou a performance. Na súa intervención, U.Neilson tamén adiantou algúns novos colaboradores que irán incorporándose nas vindeiras semanas, que tratarán temas tan diversos como a sexualidade, a música popular ou a arquitectura.
As intervencións da mesa de presentación de Tendencias terminaron coa lenda de María Soliña, en forma de libro e de cervexa. Pemón Bouzas, autor de A voz do Vento, contextualizou a fascinante historia desta personaxe galega e levou aos asistentes á invasión turca de Cangas de 1617, aínda que deixou a todos en suspense en canto ao paradoiro de María Soliña. Só confirmou que “houbo lume”, xustificando a xeitosa etiqueta das botellas de cervexa artesá ‘María Soliña’ que presentou Alberte, de Adegas Menduíña, nas que sae unha figura feminina entre trazos chameantes.
Todos os asistentes ao acto puideron probar o regusto afumado da ‘María Soliña’ mentres a nova e talentosa Alba María púxolle voz á figura lendaria cunha canción baseada no poema de Celso Emilio Ferreiro. A música de Alba María pechou este acto festivo co que se celebrou un renovado medio cultural en galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.