O Parlamento Europeo podería investigar á Xunta por tramitar eólicos en zonas protexidas

A Federación Ecoloxista Galega vén de solicitar ás institucións comunitarias que investigue o comportamento do ente autonómico, trámite que podería derivar en sancións contra a Xunta. Denuncian que a administración autonómica está a tramitar un proxecto eólico de Greenalia sobre un hábitat especial protexido pola UE.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2022 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Novo paso adiante do movemento ecoloxista de Galicia para frear a avalancha eólica. A Federación Ecoloxista Galega (FEG) vén de dirixirse ao Parlamento Europeo para que interveña contra o proceder administrativo da Xunta de Galicia, que --segundo denuncian-- estaría a tramitar parques eólicos sobre zonas "medioambientalmente sensibles" a pesar de ser ilegais.

Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva
Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva

No pasado agromaron xa distintas denuncias contra a aparente 'vista gorda' da administración popular con respecto a, por exemplo, a fragmentación irregular de parques eólicos, un recurso empregado polas empresas para manter lonxe aos Ministerios e que sexa a Xunta quen xestione a tramitación. O TSXG xa invalidou os permisos dun complexo de Norvento por esta irregularidade.

O problema sería distinto agora, co foco posto naqueles complexos do vento proxectos sobre zonas protexidas ou que deberían estalo. Galicia Confidencial xa informou xornadas atrás do proceder que, de acordo con grupos ecoloxistas, segue a Xunta neste aspecto: no tocante aos humidais, Medio Ambiente evita recoñecer a existencia destas zonas cun rexistro ordenado para poder seguir validando construcións destrutivas sobre as mesmas.

Esa é unha das preocupacións que motivan á Federación Ecoloxista Galega para dirixirse agora ao Parlamento Europeo. "A  Administración segue a tramitar estes proxectos incumprindo a normativa europea", explican, razón pola cal solicitan ás institucións europeas a apertura de investigación para o cumprimento da Directiva 92/43/CEE en materia de conservación ou, cando menos que se inicie un expediente sancionador por este incumprimento.

UN PARQUE DE GREENALIA

A denuncia concreta da FEG vén motivada polo parque eólico de Xesteirón, proxectado pola empresa Greenalia nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo. Cómpre lembrar que Greenalia foi un compañía apoiada pola Xunta no seu momento con centos de miles de euros en axudas, varios parques tramitados e mesmo un cambio da lei autonómica para permitirlles desenvolver o seu primeiro gran proxecto. A exconselleira de Medio Ambiente Bea Mato rematou no consello de administración da empresa.

O proxecto da empresa comprendería 10 aeroxeneradores de 200m de altura con 4,5MW de potencia. Segundo explica a FEF,  "a construción deste parque implicaría a destrución de hábitats que figuran na lista da Directiva 92/43/CEE do Consello de Europa, do 21 de maio de 1992. Estes elementos protexidos estarían están "ademais recoñecidos, catalogados e cartografados pola Xunta de Galicia que polo tanto ten a obriga de protexelos". "Porén", reiteran, "a Administración segue a tramitar estes proxectos que implican o incumprimento de lexislación comunitaria".

UN HÁBITAT CHAVE CONTRA A CONTAMINACIÓN

A problemática de implantar un eólico en zonas desta natureza pasaría pola "imposibilidade" de recuperación da flora, fauna e hábitats unha vez instalada a infraestrutura. Segundo apuntan dende a Federación, trátase de ecosistemas que presentan un proceso de evolución especialmente lento e dificultoso, dadas as baixas temperaturas e a acidez que proporcionan aos solos as rocas silíceas sobre as que se desenvolven. Este proceso, paradoxicamente, permítelles absorber unha gran cantidade de CO2 da atmosfera, reducindo a contaminación.

Por todo o exposto, a FEG agarda que o Parlamento Europeo "force" ao goberno da Xunta de Galicia ao cumprimento da lexislación europea en materia de conservación ou inicie un expediente sancionador por este incumprimento. "Pero o importante para a Federación Ecoloxista é evitar que se produza a degradación dos máis importantes ecosistemas de montaña e que se ameace o medio de vida dos habitantes da zona ou os recursos hídricos de todos", conclúen. 

Por iso, na FEG agardamos que o Parlamento Europeo force ao goberno da Xunta de Galicia ao cumprimento da lexislación europea en materia de conservación ou inicie un expediente sancionador por este incumprimento. Pero o importante para a Federación Ecoloxista é evitar que se produza a degradación dos máis importantes ecosistemas de montaña e que se ameace o medio de vida dos habitantes da zona ou os recursos hídricos de todos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta