O TSXG investigará os parques eólicos de Greenalia aprobados por Bea Mato

A exconselleira de Medio Ambiente pasou a engrosar a cúpula da empresa pouco despois de dar o visto bo a tres parques eólicos denunciados por fragmentación irregular. Agora, o TSXG vén de pedir á Xunta a documentación relativa aos proxectos para investigar se se cumpriu a lei. O Tribunal xa anulou os permisos dun parque de Norvento en circunstancias similares.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2022 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

Novas no tocante á explotación eólica de Galicia. O TSXG admite a trámite os tres recursos contenciosos de ADEGA contra os parques eólicos de Greenalia, aprobados pola exconselleira Mato a pesar das supostas irregularidades denunciadas polas plataformas ecoloxistas. Pouco tempo despois de tal luz verde, Mato pasaría a engrosar as filas da empresa de renovables, ascendendo logo ao consello de administración.

Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, despídese. XUNTA - Arquivo
Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, despídese. XUNTA - Arquivo

Os recursos viñeron interpostos pola asociación ecoloxista ADEGA e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, que agora, apuntan, veñen de recibir notificación do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) pola que se dá conta da admisión a trámite dos recursos contencioso-administrativos. Esta notificación afecta aos parques aprobados nos concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia. Trátase dos proxectos eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural, declarados todos eles “de interese especial” polo Consello da Xunta en maio de 2018, cando aínda exercía de conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.

Segundo destacan as entidades recorrentes, o obxectivo pasa por poder anular as autorizacións outorgadas pola Xunta relativas aos tres proxectos e demostrar no TSXG que todos eles "forman parte dun único macroproxecto industrial sometido a unha manobra de  fragmentación fraudulenta (ou despezado en varios proxectos) para esquivar a adecuada avaliación ambiental dos efectos sinérxicos das tres instalacións" e, á parte, conseguir que foran tramitados a través da Xunta de Galicia e non do Ministerio de Transición Ecolóxica.

REDE NATURA

Ademais, inciden, a declaración destes tres parques como proxectos de 'interese especial' outorgoulle á empresa da ex-conselleira Beatriz Mato prioridade na tramitación fronte a outros proxectos, malia que todos eles "constitúen un importante impacto sobre o medio natural". Lembramos, que os tres proxectos industriais afectan a unha área proposta en 2008 e 2011 para ser incorporada á Rede Natura 2000 e poñen en risco un endemismo único no mundo, a Centaurea ultreiae, unha planta catalogada “en perigo crítico de extinción” e cuxa poboación mundial se atopa nos 10 quilómetros cadrados sobre os que a Xunta vén de autorizar estes tres parques eólicos.

Agora, o TSXG dá un prazo improrrogable de vinte días para que a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galiza remita a este órgano xudicial os expedientes administrativos relativos aos tres parques eólicos de Greenalia recorridos e empraza ás partes demandadas a persoarse no procedemento no prazo de nove días.

Os tres recursos xudiciais serán abordados pola Sección Terceira do Contencioso-Administrativo do TSXG. Os custos derivados da interposición dos tres recursos contencioso-administrativos irán a cargo do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, campaña de recadación colectiva promovida o ano pasado para iniciar accións xurídicas na defensa do territorio fronte a invasión eólica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta