Fiscalía recompila 68 causas abertas no Estado por abusos sexuais na Igrexa

Sete delas sitúanse en Galicia, terceira comunidade con máis dilixencias en tramitación, á par de Andalucía e despois de Cataluña e Madrid.

Por E.P. | MADRID | 16/02/2022 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

Os fiscais superiores de toda España remitiron á Fiscalía Xeral do Estado (FGE) un total de 68 causas de investigación en tramitación por agresións e abusos sexuais a menores no seo de congregacións, colexios ou calquera outra institución relixiosa.

A comunidade autónoma con máis dilixencias abertas por delitos de agresións sexuais a menores en institucións relixiosas é Cataluña con 14 causas en tramitación, seguida da Comunidade de Madrid, con oito, segundo informou a FGE nun comunicado recolleito por Europa Press. A continuación, sitúanse Andalucía e Galicia, con sete dilixencias en tramitación cada unha; Murcia, con seis; Castela-A Mancha e Castela e León, con cinco cada unha; País Vasco, Comunidade Valenciana e Illas Baleares, con catro; e Aragón e Canarias, con dous.

Mentres, as Fiscalías Superiores de Asturias, Cantabria, Estremadura, A Rioxa e Navarra informaron á Fiscalía Xeral do Estado de que "non hai procedementos penais" en tramitación por casos de abusos a menores en institucións relixiosas nas súas comunidades autónomas.  Unha vez recibidos os datos cuantitativos relativos ás causas, a FGE explica que realizará "unha análise cualitativa a fin de estudar e dimensionar o fenómeno dos procedementos en tramitación".

As fiscalías superiores das 17 CCAA tiñan de prazo ata esta semana para responder á solicitude emitida o pasado 31 de xaneiro pola Fiscalía Xeral para que lle remitisen información sobre os procedementos penais en tramitación incoados tanto en sede xudicial como fiscal, e que teñan por obxecto o esclarecemento de denuncias ou querelas pola suposta comisión de agresións e abusos sexuais a menores de idade no seo de congregacións, colexios ou calquera outra institución relixiosa.

Fontes fiscais explicaron a Europa Press que esa recompilación "manual" de datos das diferentes fiscalías era a única maneira de ter unha "visión global" de diagnóstico da situación, xa que as aplicacións informáticas do Ministerio Público por medio das cales comparten información non permite ter datos desagregados para identificar, por exemplo, as características do autor dos abusos.

En 2019, a FGE, que entón lideraba a fiscal María José Segarra, remitiu un informe ao Ministerio de Xustiza onde alertou dunha "deficiente" resposta ao problema dos abusos na Igrexa católica en España e propuxo investigar os casos do pasado, como fixeron noutros países como Australia, Holanda ou Austria.

INICIATIVAS NO CONGRESO

Desde o Executivo explicaron que estas actuacións da Fiscalía "non esgotan" outras medidas que o Goberno estuda "para esclarecer os feitos e impedir que volvan repetirse", incluídas tamén iniciativas parlamentarias, en referencia aos casos de agresións e abusos sexuais a menores de idade en institucións relixiosas.

En concreto, uns días antes de asumir a Fiscalía Xeral do Estado a investigación dos abusos en institucións relixiosas, Unidas Podemos, ERC e EH Bildu rexistraron unha iniciativa no Congreso para crear unha comisión parlamentaria para investigar estes casos na Igrexa católica. Así mesmo, o PNV presentou outra iniciativa para que fose unha comisión independente de expertos a que levase a cabo o informe.

Pola súa banda, o PSOE presentou unha iniciativa para que sexa o Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, quen lidere a investigación dos abusos na Igrexa, da man dunha comisión independente formada por expertos, representantes das asociacións de vítimas e mesmo membros da propia Igrexa. Nestes momentos, o PSOE está a negociar co resto das formacións proponentes para chegar a un acordo sobre a mellor fórmula para investigar os abusos no seo da Igrexa católica.

Cura
Cura | Fonte: AGC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta