Folga indefinida nas residencias privadas para buscar un novo convenio colectivo

Os sindicatos apuntan á Xunta e DomusVi como responsables da precariedade vivida. Auguran que a administración sentará uns servizos mínimos "abusivos" pero manteñen a súa intención de realizar o paro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2022 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

Os traballadores das residencias de maiores privadas convocaron unha folga indefinida a partir do 17 de marzo que busca presionar á patronal para negociar un novo convenio colectivo que recolla subidas salarias e melloras en asuntos como a conciliación ou a xestión das baixas laborais.

Este luns, os principais sindicatos do sector --CIG, CC.OO. e UGT-- rexistraron na sede principal da Administración autonómica en Santiago a convocatoria da folga, que se iniciará ás 22,00 horas do próximo xoves 17 de marzo. A acción pretende forzar á patronal das residencias de maiores privadas (centros de día incluídos) a negociar un novo marco laboral para o sector, xa que o actual convenio está caducado desde hai dous anos e as conversacións para a súa renovación están "paralizadas" pola "inacción" das empresas.

"Como non vemos saída nin alternativa, imos á folga", sinalou en declaracións aos medios Beatriz Fernández (CIG), que acusou á patronal de "torpredear" e "dilatar calquera negociación", motivo polo que os sindicatos decidiron "romper a mesa" e convocar a folga. A principal demanda dos traballadores é que se actualicen as táboas retributivas dado que o convenio en vigor "xa contemplaba salarios míseros" que, segundo denuncian, son na actualidade aínda máis baixos ante o encarecemento da vida.

Así mesmo, tamén solicitan a inclusión de medidas de conciliación para un colectivo de 12.000 traballadoras en Galicia, a maioría mulleres; e que se melloren as condicións das baixas laborais, xa que, na actualidade, en Galicia carecen de características propias e están rexidas de acorde ao establecido polo Estatuto dos Traballadores.

DOMUSVI E XUNTA

"Despois de todo este tempo de pandemia, deberían ter en conta o esforzo que realizamos", aseverou Beatriz Fernández, que apuntou ao grupo DomusVi, propietario dunha ampla rede de residencias privadas en Galicia, como un dos responsables detrás da falta de vontade da patronal para sentar a negociar cos traballadores.

"DomusVi actúa como unha apisoadora", remarcou a responsable da CIG en Ferrolterra, que asegura que a saída de Josefina Fernández como directora da compañía non supuxo un cambio na forma de actuar da empresa e limitouse a un "lavado de cara". "Sacaron a unha persoa para pór a outra, pero non cambiou nada", apostilou.

Os sindicatos tamén dirixen as súas queixas cara á Xunta que, como lembran, financia moitos centros da terceira idade en Galicia a través de convenios pero "fai oídos xordos" ante as peticións dos traballadores para que medie no conflito aberto coa patronal. "As residencias son un gran negocio para os fondos de investimento e non debería ser así, debería ser un servizo público prestado da forma máis digna", remarcou Beatriz Fernández que, como mostra do "negocio" que supoñen os centros de maiores, sinalou que as compañías "cobraron a actualización das táboas salariais" pola subida do IPC pero non a repercutiu nas retribucións aos traballadores.

Finalmente, cuestionada sobre o impacto da folga nos usuarios, a portavoz da CIG, que augura a fixación duns servizos mínimos "abusivos", manifestou que os traballadores actuarán con responsabilidade para que a convocatoria non teña impacto nos maiores.

Representantes de CIIG, CC.OO. E UXT rexistran na sede principal da Administración autonómica en Santiago a convocatoria dunha folga nas residencias de maiores privadas
Representantes de CIIG, CC.OO. E UXT rexistran na sede principal da Administración autonómica en Santiago a convocatoria dunha folga nas residencias de maiores privadas | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta