CC.OO. denuncia que o veto do BNG impide a celebración do 50 aniversario das loitas obreiras

Dende o sindicato apuntan que o veto supón negar a lembranza de centos de homes e mulleres represaliadas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/02/2022 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia lamenta profundamente que o veto do grupo parlamentario do BNG lle impida á Cámara autonómica aprobar unha declaración institucional proposta por CCOO para lembrar o 50 aniversario das loitas obreiras de 1972.

Rolda de prensa de CCOO en Ourense
Rolda de prensa de CCOO en Ourense

Dende o sindicato afirman que aquela declaración fora promovida, igual que agora, polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, logrando o apoio unánime de todos os grupos parlamentarios, tamén do BNG, liderado naquel ano por Xosé Manuel Beiras.

"Este veto supón negar a lembranza de centos de homes e mulleres represaliadas durante ese ano en Ferrol e Vigo, que maioritariamente formaban parte da clase obreira galega, e impedir que sexan homenaxeados como merecen na institución onde está representado todo o pobo galego", denuncian.

A única explicación que atopan dende CCOO é que o BNG de hoxe e o sindicalismo nacionalista non consideran que estas vítimas formen parte da súa memoria histórica. "Un movemento político-sindical non é quen de decidir cando adquire relevancia a loita pola liberdade, pola democracia ou polos dereitos laborais", apunta o sindicato.

"Nun momento como o actual, coa situación de crise industrial que sofre Galicia, o recoñecemento por todas as forzas públicas no Parlamento da loita dos traballadores e traballadoras galegas en busca de mellorar as súas condicións laborais non debería xerar ningunha negativa", apuntan.

Dende o sindicato diríxense á portavoz do BNG, Ana Pontón, para que rectifique a postura e apoie o recoñecemento institucional que merece o 50 aniversario dos acontecementos de 1972.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta