Sabemos realmente os galegos que é a dieta atlántica? Só dous de cada dez enquisados nun estudo di coñecela

Unha investigación da Universidade de Santiago mostra que tan só o 19,6% dos maiores de 60 anos coñece a existencia da dieta atlántica. O nivel de adherencia é medio. A ciencia recoñeceuna en 1999 como un patrón alimentario saudable. Estudos científicos demostraron que ademais de beneficiosa para a saúde, tamén o é para o medio ambiente.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/03/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A atlántica é a dieta propia de Galicia e está avalada pola ciencia como unha das dietas máis saudables e sustentables. Pero coñecemos os galegos realmente a dieta atlántica?, comemos seguindo este patrón alimentario? Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela quixeron dar respostas a estas preguntas, pero centrándose na poboación máis maior, a partir de 60 anos. O que atoparon foi que o 60,1% amosou un grao medio de adherencia á dieta atlántica (5–8 puntos sobre 13), aínda que tan só o 19,6% dos enquisados ​​afirmou coñecela.

Dieta atlántica.
Dieta atlántica.

Os investigadores realizaron unha enquisa a 143 persoas a partir de 60 anos residentes en Galicia (47,6% homes e 52,4% mulleres). O 33,6% residía no rural, o 25,2% en zonas semiurbanas e o 41,3% en zonas urbanas. A estes se lles entregou un cuestionario de adherencia á dieta atlántica que incluíu 13 ítems (11 alimentos e bebidas, un ítem específico relacionado coas técnicas culinarias empregadas e outro para destacar o consumo de produtos locais e de tempada, xa que ambos aspectos están moi relacionados co patrón da dieta atlántica). En base a estes 13 ítems, calculouse o índice de adherencia. Cada compoñente foi puntuado con 0 ou 1 puntos. Así, a puntuación máis alta que se puido obter foi 13, o que representou o maior nivel de adherencia, e a puntuación mínima foi 0, o que reflicte a non adherencia.

Ubha baixa porcentaxe de enquisados cumpriu o consumo recomendado de froitos secos, viño e peixe e marisco

Tamén se lles fixo outro cuestionario para avaliar o grao de coñecemento sobre a dieta atlántica. Se o entrevistado descoñecía ese termo, se lle falaba deste patrón como dieta tradicional galega. No cuestionario se lles preguntou sobre o uso de determinados alimentos.

O que atoparon foi que máis do 80% dos enquisados cumpriu o consumo establecido para aceite de oliva, leite e produtos lácteos, produtos de tempada e pan; tamén utilizaron técnicas culinarias sinxelas. Non obstante, houbo unha baixa porcentaxe de enquisados que cumpriu o consumo das racións establecidas para froitos secos (15,4%), viño (24,5%) e peixe e marisco (35,0%).

ADHERENCIA

Segundo o número de respostas afirmativas, os participantes clasificáronse en catro grupos de nivel de adherencia a esta dieta: baixo (0-4 puntos), medio (5-8), alto (9-12 puntos) e máximo (13 puntos). Observouse que maioritariamente mostraron un grao de adherencia medio (5–8) (60,1%), mentres que o 39,9% dos enquisados​​ presentaba un grao de adherencia alto (9–13). Ningún dos entrevistados mostrou un nivel de adherencia baixo ou máximo. A puntuación media obtida para o cumprimento da dieta atlántica foi de 8,4 puntos sobre 13. “Polo tanto, pódese concluír que houbo un grao de adherencia medio-alto na poboación sénior estudada”, din os autores da investigación.

Cando se analizaron as respostas agrupadas segundo o grao de adherencia, comprobaron que no consumo de patacas, pan, froitos secos, leguminosas e no uso de técnicas culinarias sinxelas, a diferenza entre os grupos con adherencia media e alta roldou o 15 %, mentres que a diferenza no consumo de produtos de tempada, viño e froita foi maior, arredor do 20 %, e superou o 35 % no caso das hortalizas e peixes e mariscos.

O grao de adherencia á dieta atlántica non depende do xénero (home ou muller) ou do hábitat (rural, semiurbano ou urbano)

Nos dous grupos con adherencia á dieta atlántica, menos da metade dos enquisados ​​cumpriu co consumo de froitos secos e viño establecido neste patrón alimentario. No grupo de enquisados ​​con grao medio de adherencia, menos do 50% cumpriu co consumo de verduras e peixe e marisco.

O estudo tamén revelou que non existían diferenzas significativas entre os grupos de adherencia alta e media en canto ás pautas do patrón no que se refire ao consumo de aceite de oliva, leite e produtos lácteos, carne e pataca. Como explican os autores deste traballo, o consumo de aceite e produtos lácteos foi elevado en ambos os grupos.

O grupo de alimentos con máis influencia no grao de adherencia foron os produtos de tempada. As pautas de consumo relacionadas co consumo de peixe e marisco, vexetais e pan tamén foron importantes na diferenciación dos dous grupos de adherencia.

Outro resultado substancial da investigación foi o feito de que o grao de adherencia á dieta atlántica non depende do xénero (home ou muller) ou do hábitat (rural, semiurbano ou urbano).

COÑECEMENTO 

En canto ao coñecemento sobre a dieta atlántica e a súa percepción como patrón de alimentación saudable, os autores do estudo din que foi “escaso”, xa que só o 19,6% afirmou coñecela, dos cales o 60,7% indicou que se enterou da súa existencia a través dos medios de comunicación, o 39,3% por outras persoas e un 3,6% en charlas, cursos e conferencias.

A maioría dos entrevistados (85,7%) que afirmaron coñecer a dieta atlántica considerou que é un patrón de alimentación saudable. Con todo, tampouco se atopou ningunha relación estatisticamente significativa entre o coñecemento sobre esta dieta e a súa consideración como patrón saudable en función do xénero ou do lugar de residencia dos entrevistados que dixeron coñecela.

Aos ​​que descoñecían o concepto de dieta atlántica se lles preguntou pola dieta tradicional galega. Destes, o 67% considerouno un patrón de consumo saudable e o 20% dubidou se o é ou non.

Tamén se investigou se había diferenzas entre o grao de adherencia dos enquisados ​​que afirmaban coñecer a dieta atlántica e os que non a coñecían. Os resultados indicaron que o grao de adherencia non estaba condicionado polo coñecemento sobre a dieta atlántica ou a dieta tradicional. “É dicir, na poboación sénior galega o grao de adherencia á dieta atlántica non é maior porque a poboación a coñeza, senón porque segue as pautas da dieta tradicional galega, cuxas características se correspondían coas establecidas para a atlántica”, esclarecen os autores.

Só o 10,7% dos enquisados que afirmaron coñecer a dieta atlántica mostrou un alto grao de coñecemento

Aos enquisados que afirmaron coñecer a dieta atlántica se lles pediu que asociasen ou non un total de 18 produtos con este patrón de consumo, para valorar o grao de coñecemento real. A partir do reconto de respostas correctas dos distintos ítems propostos, establecéronse diferentes graos de coñecemento: baixo (0-8 respostas correctas), medio (9-14 respostas correctas) e alto (15-18 respostas correctas).

Observouse que o grao de coñecemento real era medio (9-13 ítems correctos) no 78,6% dos enquisados, mentres que só o 10,7% mostrou un alto grao de coñecemento. Como detallan no estudo, “en xeral, os enquisados ​​non tiveron éxito nas súas respostas en relación ao consumo de froitos secos, carne de caza e algas, xa que só un 28,6% e un 39,3% asociaron froitos secos e carne de caza coa dieta atlántica, cando o consumo destes alimentos é realmente característico; por outra banda, menos da metade dos entrevistados (42,9%) acertaron ao non incluír o consumo de algas nesta dieta, mentres que a porcentaxe de enquisados ​​que acertou en non incluír o consumo de pasta e arroz como característico da dieta atlántica superou o 60% en ambos os casos”, comparan.

O mesmo método aplicouse nos ​​que dixeron descoñecer a dieta atlántica; neste caso se lles preguntou se identificaban ou non esas características coa dieta tradicional galega (unha diferenza só conceptual). Observouse que o grao de coñecemento real foi medio para o 76,5% dos enquisados ​​(9-14 ítems correctos), mentres que só foi alto no 13%. En xeral, ao igual que os que coñecían a dieta atlántica, tamén se equivocaron en relación ao consumo de froitos secos e carne de caza, xa que só un 20,9% e un 30,4% asociaron estes á dieta tradicional galega.

Para os investigadores da Universidade de Santiago, os resultados do seu estudo “indican a necesidade de promover a dieta atlántica e de facela máis coñecida”.

A CIENCIA SOBRE A DIETA ATLÁNTICA

Como lembran, “foi en 1999 cando a comunidade científica comezou a referirse á dieta atlántica do sur de Europa como un modelo saudable e funcional”, sendo definida como “a dieta tradicional consumida no noroeste da Península Ibérica, particularmente no norte de Portugal e Galicia”.

Desde entón, foron numerosos os estudos científicos que avaliaron as características desta dieta, achegando resultados realmente interesantes, tanto desde o punto de vista nutricional como medioambiental.

“A maioría dos compoñentes alimentarios da dieta atlántica mostraron certa tendencia a diminuír a mortalidade por todas as causas”

Por exemplo, un estudo publicado en 2021 concluíu que ”a adherencia á dieta atlántica está asociada cun menor risco de morte por todas as causas en adultos maiores en España”. Esta á a conclusión á que se chegou logo de estudar unha poboación de 3.165 individuos maiores de 60 anos aos que se lles fixo un seguimento medio de case once anos.

“A maioría dos compoñentes alimentarios da dieta atlántica mostraron certa tendencia a diminuír a mortalidade por todas as causas”, expoñen os investigadores, que defenden que “os resultados foron robustos”.

En 2019, científicos do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) compararon o impacto ambiental e nutricional da dieta atlántica tradicional coas tendencias de consumo actuais. O que atoparon foi que “o patrón de consumo real en Galicia está lonxe do recomendado, con peor calidade ambiental e nutricional”, cunha maior pegada de carbono (máis contaminante) e menos saudable.

Ese mesmo ano, outro estudo confirmou que que esta opción alimentaria é “respectuosa co medio ambiente", ao que hai que engadir os seus altos valores nutricionais. Os autores indicaron que tanto a pegada de carbono como a puntuación do índice nutricional da dieta atlántica “son consistentes coas doutros estudos sobre a dieta mediterránea, que foron recoñecidos como beneficiosos”. E conclúen que a dieta característica do noroeste peninsular “se pode recomendar desde un punto de vista nutricional e ambiental, principalmente debido á alta inxesta de peixe e verduras”.

E investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Londres avalaron en 2020 as vantaxes da dieta tradicional de Galicia para a saúde humana e a do medio ambiente, e propuxérona como “opción dietética alternativa á mediterránea”.

Mais a sociedade galega actual está cada vez máis afastada deste patrón alimentario e máis apegada ao sal, a carne, os doces e as comidas procesadas e precociñadas, como advertiron en 2019 científicos do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela, que compararon o impacto ambiental e nutricional da dieta atlántica coas tendencias de consumo actuais. “Pódese concluír que o patrón de consumo real en Galicia está lonxe do recomendado, con peor calidade ambiental e nutricional”, afirmaron nun estudo, no que alertaron de que a dieta galega actual é menos saudable e máis contaminante que a atlántica tradicional, en declive.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Con marisco e viño faise o camiño. Por desgraza, a miña médica non está de acordo...