Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2022 | Actualizada ás 22:00
A Beatriz Lorenzo, unha muller ao cargo dos seus dous fillos menores, botárona do traballo como comercial dunha compañía enerxética logo de que tivese que ausentarse del por unha crise de ansiedade. A piques de iniciar un tratamento para a depresión, Beatriz sabe ben o que é traballar duras xornadas e non poder pagar as facturas da luz nin vivir nunha casa en condicións dignas, tal e como relataba a Galicia Confidencial hai unhas semanas.
Marcos (nome ficticio) é un mozo cunha carreira universitaria e un máster ao lombo que ante a falta de oportunidades laborais adaptadas aos seus estudos botou currículum como teleoperador, sector no que traballou durante meses. "Aí ninguén pode ter un estado psicolóxico óptimo", relata. "É un traballo moi precario onde tes que asumir estratexias comerciais moi agresivas e onde se nos trata como robots. Deshumanízannos".
Baixo unha ameaza de despido constante, non cumprir os elevados obxectivos de venda que impón a empresa implica, a maioría das veces, unha bronca do xefe: "Diche que non tes boa actitude ou que te deixas levar por problemas persoais", explica Marcos, que coñece quen deixou o posto por problemas de saúde mental. "Nas grandes empresas non é raro que entren e saian ambulancias cada pouco", engade.
Con motivo do Día da Seguridade e Saúde no Traballo, que se conmemora cada 28 de abril, os tres sindicatos maioritarios en Galicia, CIG, CCOO e UGT, veñen de denuncian a "cronificación" da sinistralidade laboral no país, que se atopa á cabeza do Estado en falecementos. O ano 2021 acabou con 48 vidas no posto de traballo e no que vai de 2022 xa se contan 29. Desas 48 persoas, máis da metade morreron "por infartos ou outras patoloxías non traumáticas", un concepto que desde CCOO piden desgregar para coñecer en detalle as causas, especialmente ante o incremento de patoloxías vinculadas á saúde mental.
OS RISCOS PSICOSOCIAIS DO TRABALLO
E é que se ben por accidente laboral o primeiro que resoan na cabeza son os riscos materiais en sectores como a construción ou a industria, as mudanzas na estrutura empresarial provocan unha explosión de riscos psicosociais que impactan tamén na saúde mental. "Non son algo novo, pero agora existe maior emerxencia social en torno a eles. As condicións de traballo ao longo da historia evolucionaron dun compoñente máis físico, relacionado cos riscos tradicionais, a un contido máis mental ou psicolóxico, como acontece, por exemplo, en todos os traballos da sociedade da información", explica Carlos Montes, profesor da área de Psicoloxía Social da USC.
De aí a importancia de contemplar os riscos derivados desta transición: toda unha serie de prácticas laborais que poñen en perigo a saúde mental da persoa traballadora, dende unha mala organización, unhas elevadas cargas e ritmos de traballo, unha escasa comunicación nas empresas ata o acoso psicolóxico ou sexual, entre outras moitas. Isto pode provocar no cadro de persoal frustración, problemas de conciliación, depresións, a chamada síndrome de 'burnout' - traballador queimado -...
"Os empresarios teñen burros de carga, non persoas que senten e padecen", contaba noutra reportaxe Isabel Montenegro tras media vida empregada como Kelly. "Traballas a correr. Só abrir unha habitación e atopar todo feito un desastre prodúceche angustia e taquicardias, pensas que non vas poder sacar o traballo adiante. Moitísimas camareiras de piso toman ansiolíticos e batallan coa depresión".
A precariedade laboral facilita a proliferación de ambientes laborais tóxicos, máis demandantes e competitivos, que acaban por sumir moitas persoas traballadoras no consumo de psicofármacos para poder cumprir os ritmos esixidos. "Isto evidencia", explica Carlos Montes, "as tensións ás que está sometido o sistema de saúde". "Se unha persoa non pode ter atención psicolóxica na Primaria ou debe agardar meses para unha cita co especialista, probablemente procure medicamentos para facer fronte aos problemas inmediatos".
Uns problemas de índole mental pero que tamén poden comprometer a seguridade física da persoa empregada. Traballar a 'alta tensión' aumenta o risco de cardiopatía coronaria nun 34% e de infarto cerebral nun 24%, ademais de que padecer depresión e ansiedade é un 82% máis frecuente, segundo un estudo da Universidade de Barcelona xunto a ISTAS-CCOO. "No caso dunha persoa que sae tarde do traballo porque tivo unha xornada excesiva, vai rápido co coche e ten un accidente, os riscos psicosociais aos que estivo exposta puideron contribuír a el", exemplifica tamén Montes.
A SAÚDE MENTAL, "ESQUECIDA" NAS AVALIACIÓNS DE RISCOS
Experiencias laborais como a de Isabel, a de Marcos ou a de Beatriz retratan o impacto na vida cotiá duns riscos psicosociais que "van en aumento e de forma alarmante no mundo laboral", advirte o secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia, Armando Iglesias. Ante esta realidade, dende o sindicato demandan que os riscos psicosociais se traten dentro da avaliación de riscos que se realiza en cada posto de traballo, cousa que, din, non acostuma facerse. "O habitual é que a empresa realice unha enquisa psicosocial á persoa traballadora, que adoita ser a responsable de avaliar, de forma subxectiva, aquelas situacións ou tarefas que lle supoñen un prexuízo ou inestabilidade emocional e mental".
Porén, e a pesar de que é preceptivo por lei - non facer a avaliación psicosocial pode carrexar sancións que van desde os 626 aos 6.250 euros -, dende a CIG cualifican estes riscos como "os grandes esquecidos" dos informes sobre seguridade e saúde desenvolvidos polas empresas, sobre todo nas medianas e pequenas. O director do gabinete técnico confederal de saúde laboral do sindicato nacionalista, Fernando Sabio, explica que a pesar da súa importancia, os riscos psicosociais están "infrapercibidos" e son tomados como "cuestións secundarias".
Sucede isto, en parte, porque moitas empresas atopan dificultades para abordar este tipo de cuestións ao entender que implican unha maior complexidade que os riscos tradicionais, sinala tamén Montes. "Quero crer que a tónica dominante é que se avalíen, pero tamén hai que ter en conta que cada estudo é un retrato fixo. Calquera mundanza, como o inicio dun confinamento, vai cambiar eses resultados". A estas dificultades súmase a existencia dunha lexislación "parca" que case non ten desenvolvemento no relativo a riscos psicosociais e que "impide que os técnicos de prevención poidan ir moito máis alá". Neste sentido, Montes remarca a necesidade de revisar a lexislación para outorgarlles o mesmo protagonismo ca os riscos tradicionais.
Tampouco axuda, á hora de coñecer o alcance dos problemas de saúde psicolóxica nos traballos, o feito de que as enfermidades mentais apenas sexan recoñecidas como laborais. Na meirande parte dos casos adoitan tramitarse como unha incapacidade temporal por continxencias comúns, a pesar de que "o 55% das enfermidades mentais derivan de situacións de traballo en malas condicións ou de non traballo", indica Sabio.
"Aínda custa entender a saúde mental como un problema colectivo, que se manifesta de forma individual, pero cuxas raíces son estruturais e moitas veces laborais. Cando unha persoa ten medios para construír o seu propio proxecto vital, é máis difícil que acabe con problemas de saúde mental", explica.
AS RAÍCES DOS RISCOS PSICOSOCIAIS
Dende Comisións Obreiras e CIG apuntan varias explicacións para o incremento dos riscos psicosociais. A primeira delas ten que ver cos "cambios normativos que supuxeron ao longo dos últimos anos un considerable recorte en dereitos para as persoas traballadoras", sinala Armando Iglesias. A precariedade "galopante", describe Sabio dende a CIG, tradúcese nun incremento da accidentalidade. "Aparecen os traballadores pobres. É difícil manter unha saúde mental axeitada cando es presionado, malpagado e maltratado no teu posto de traballo", explica.
Os cambios no modelo organizativo - a través de externalizacións e empregos baixo demanda -, ademais da "falta de conciencia e formación" das empresas en materia de prevención de riscos están tamén detrás da merma da saúde mental no eido laboral. Sabio advirte, neste sentido, unha "normalización" destas experiencias. De feito, nos casos de acoso laboral, as empresas poden chegar a ser "consentidoras" e "integrar con normalidade ese modelo de relación polo que un encargado presiona ata o infinito unha persoa traballadora", expón Sabio. Funciona, incluso, como un "aviso a navegantes" sobre as consecuencias de non cumprir coas esixencias.
MOCIDADE, MULLERES E MAIORES
Os riscos psicosociais detéctanse en maior medida naqueles sectores máis precarizados: a mocidade, as mulleres, as persoas maiores de 55 anos e as persoas inmigrantes. "Están expostas a condicións laborais distintas, pola forma na que participan no ámbito laboral e pola maior prevalencia de contratos temporais", explica Montes. No caso das mulleres, incluso desenvolvendo o mesmo traballo ca os homes, a exposición aos riscos é diferente, e moitas veces dobre. "Elas desenvolven o traballo remunerado e o traballo dentro do fogar, polo que encontran maiores dificultades para recuperarse e adaptarse ás esixencias dunha nova xornada laboral", prosegue o psicólogo.
Fronte a esta realidade laboral, dende a CIG apostan pola redución das xornadas e a racionalización dos horarios de traballo para que sexan máis integradores coas necesidades da vida. Montes, pola súa banda, ve necesario un modelo que atende especificidades individuais: "Non hai unha panacea, unha solución máxica que sirva para todas as contornas e organizacións. A partir dunha rigorosa avaliación de riscos, cómpre planificar as actuacións para previr riscos desfavorables da saúde. Non todas se xestionan e articulan da mesma maneira", finaliza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.