O futuro de Román Rodríguez: seguirá á fronte de Educación na Xunta de Rueda?

O actual conselleiro de Cultura, Educación e Universidade pon o cargo a disposición do partido. Feijóo recuperouno como número un de Educación en 2020 para cercenar unhas mobilizacións docentes que se prevían históricas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2022 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, evitou pronunciarse sobre se continuará na Xunta de Galicia no futuro equipo de goberno que prepara xa Alfonso Rueda. En todo caso, asegurou que, "como sempre", está "a disposición do partido", que destacou que "se por algo se caracteriza é por facer as cousas ben".

Román Rodríguez participa na Conferencia Sectorial de Educación
Román Rodríguez participa na Conferencia Sectorial de Educación | Fonte: Xunta de Galicia.

Román abre así a porta a continuar na Xunta de Galicia como número un de educación, unha carteira que xa desenvolveu entre 2015 e 2018 para ser substituído pola fugaz Carmen Pomar. Tras as eleccións do 2020, Feijóo recuperouno á fronte de Educación, consellería que xestionou con man dura cando, nos primeiros compases do curso 20-21, cando a ameaza de folga docente pendía sobre todos os institutos do país. Rodríguez instaurou entón uns servizos "máximos" co gallo da pandemia que lograron manter calmas as augas da educación pública. 

En declaracións aos medios na apertura do I Congreso de Innovación Educativa e Dixital en Santiago, Rodríguez sinalou que o discurso do candidato no pleno de investidura á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, foi "coherente, sólido e esperanzador" e engadiu que, tras as súas palabras, "os partidos da oposición están máis tristes".

Neste sentido, o conselleiro en funcións valorou que mencionase aos anteriores presidentes da Xunta de todos os partidos porque considera que "marca unha visión da importancia que debe ter a comunidade como elemento que articula". "Cada presidente cos seus erros e os seus acertos foi dándolle pulo a unha historia recente tremendamente positiva para Galicia", destacou.

Ademais, apuntou que o discurso "sendo reivindicativo ante agravios evidentes do Goberno central" tamén lanzou "unha liña de colaboración para estar unidos nos eixos vertebrais que definen a comunidade". No que respecta ao seu departamento, Rodríguez valorou que Rueda avanzase no seu discurso melloras en áreas concretas como a Formación Profesional.

CRÍTICA Á LOSU

Na mesma xornada, Rodríguez, criticou o anteproxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) porque, ao seu xuízo, "é cobarde" e "non aborda os principais problemas e retos que ten a universidade", por exemplo, "no ámbito da gobernación".

Así, mostrouse "contrariado" e dixo que é "unha pena" porque demostra que o Goberno central "non acerta nin cando rectifica", o cal, engadiu, "é unha oportunidade perdida e unha proba máis da pouca utilidade que ten este Ministerio para mellorar a universidade e o conxunto da sociedade".

En declaracións aos medios na apertura do I Congreso de Innovación Educativa e Dixital en Santiago, Rodríguez censurou que o texto tampouco conta co apoio "nin dos reitores nin dos sindicatos" e sinalou que xa fora presentado na conferencia de política universitaria "con cero votos a favor".

Ademais, manifestou que esta lei "parte dun engano consciente" no seu modelo de financiamiento e, entre outras cousas, "vai en contra das dinámicas europeas". Nesta mesma liña, detallou que é "unha especie de 'eu convido e ti pagas'" porque "non achega os recursos necesarios".

Por outra banda, lamentou que a nova norma teña "un rumbo político importante, resta participación á sociedade civil e non aborda a posibilidade de ter flexibilidade". O borrador deste texto, que segue a liña establecida por Manuel Castells, foi presentado o luns polo ministro de Universidades, Joan Subirats, que espera levalo ao Consello de Ministros nas próximas semanas e ao Congreso antes do verán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta